Desde este mércores e ata o vindeiro 5 de decembro, o Claustro Alto de Fonseca, no edificio da Universidade de Santiago de Compostela, acolle a exposición “Con mans de muller”, unha mostra que recolle, en 25 imaxes, outras tantas historias de vida de mulleres do rural galego que aparecen como exemplo de innovación e contribución ao desenvolvemento do país.
A exposición está organizada pola Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur), e poderase visitar de luns a venres entre as 9 e as 21 horas. Nela dase conta de traballos cotiáns elaborados en primeira persoa por mulleres diversas en idades e procedencias que evocan o saber popular e a tradición pero que tamén contribúen á modernidade, ao sustento de Galicia tanto a nivel económico como medioambiental e social.
O papel das mulleres no futuro do rural
Na inauguración deste mércores, a presidenta de Fademur, Rosa Arcos, subliñou que coa montaxe tratan de espallar a mensaxe de que as mulleres rurais están tamén implicadas na modernización e valorización da contorna. “O futuro do rural non se pode construír, non se pode entender sen a nosa contribución pasada e presente”, asegurou.
‘Con mans de muller’ quere tamén resaltar a importancia do ámbito rural no cultural e viceversa, para así reducir o déficit no acceso ás actividades culturais entre o medio rural e o medio urbano.
No acto de inauguración participou tamén a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo. A mostra está subvencionada pola Deputación da Coruña e conta coa colaboración da universidade compostelá.