Martes 5 Decembro 2023

O catedrático Ricardo Beiras publica un libro sobre contaminación mariña

A experiencia que outorgan 20 anos impartindo a materia de Contaminación Mariña na Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo, serviulle ao catedrático de Ecoloxía Ricardo Beiras para decatarse da necesidade dun texto actualizado, acorde co estudo que hoxe en día se fai da contaminación mariña, baseado na multidisciplinariedade e no que se combinan as técnicas químicas e biolóxicas. Froito desta evidencia, miraba a luz catro anos despois Marine Pollution: Sources, Fate and Effects of Pollutants in Coastal Ecosystems, “un traballo dunha magnitude moito maior que calquera das miñas cento e pico de publicacións anteriores”, explica Beiras, que dedicou un deses catro anos de xeito completo ao libro, “grazas a un ano sabático que me concedeu a universidade e que aproveito para agradecer”.

O volume, elaborado por encargo de Elsevier, tras ser aceptado o proxecto por esta e outras editoriais, aborda nunha primeira parte os contaminantes por tipos: nutrientes, hidrocarburos, metais, microorganismos fecais…identificándose as fontes e o destino no mar. Na segunda parte, trátanse os efectos dos contaminantes desde o punto de vista ecotoxicolóxico sobre os organismos mariños e na terceira, “a máis novidosa”, asegura o catedrático, descríbense os métodos de vixilancia da contaminación mariña que implementaron os países máis avanzados e as institucións internacionais que velan pola calidade dos océanos.

O catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo asegura que o volume recolle o froito de “moitos anos de traballo e actividade profesional no contexto internacional , participando con regularidade en grupos de traballo en Bruxelas ou Copenhague. De feito, algúns deses compañeiros doutros países felicitáronme por adiantarme neste proxecto, dado que, por estraño, que pareza non existían libros destas características”, asegura Beiras.

O libro inclúe dous niveis de lectura: para estudantes e para especialistas, cunha importante achega de termos técnicos

Ademais dun primeiro nivel de lectura, que serve para estudantes que queiran iniciarse en contaminación, repasando os conceptos básicos e incluíndo en cada capítulo lecturas recomendadas, pensadas para persoas non expertas, o volume conta cun forte apoio de citas técnicas para especialistas, onde as e os usuarios avanzados (profesionais encargados de xestionar o ambiente mariño) poden contrastar con máis profundidade os aspectos tratados. “O desafío foi facer un texto abordable sen perder rigor científico e isto non sempre é doado tratando temas que poden ser mediáticos e que algúns medios divulgan con escaso rigor, como os plásticos ou as mareas negras”, lamenta o catedrático.

“Temos sorte de que os mares sexan ecosistemas con tanta capacidade de rexeneración
Lonxe de formulacións paternalistas, o libro trata, segundo o seu autor, de dotar ás e aos lectores de ferramentas técnicas para sacar as súas propias conclusións “sobre as bases das únicas formas de acadar coñecemento novo que acepta a ciencia, que son a observación e o experimento”, detalla Beiras. Con todo, do estudo de diferentes episodios de contaminación, o catedrático saca unha conclusión: “temos sorte de que os mares sexan ecosistemas con tanta capacidade de rexeneración. É por iso, que a pesar das agresións que sofren pola nosa parte constantemente, aínda manteñen a súa riqueza e a súa produtividade. A vida comezou no mar, o mar segue a ser o ecosistema máis diverso e non deberiamos volver a consideralo nunca máis o vertedoiro dos nosos residuos”, conclúe Beiras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os plásticos dos ríos poden albergar patóxenos e xenes de resistencia aos antibióticos

Un estudo internacional alerta que o material degradado sería o que aloxa maior abundancia de comunidades microbianas

En que zonas das Rías Baixas hai plásticos flotantes? Este mapa ten a resposta

Un equipo do Grove leva dende 2016 realizando mostraxes na ría de Arousa e nas súas augas circundantes para estudar o lixo mariño en superficie

Lego e a toxicidade dos bioplásticos: por que a túa bolsa de compost pode ser unha fraude

Varios estudos conclúen que o plástico de "toda a vida" ten menos contaminantes que as alternativas vendidas como ecolóxicas

A contaminación aumenta o risco de sufrir un ictus a curto prazo

Unha estudo atopa unha forte asociación entre a exposición recente a contaminantes gasosos e o perigo de padecer un accidente cerebrovascular