O galego Manuel Carreiras gaña o Premio Nacional de Investigación

O xurado valora o 'extraordinario valor' do traballo científico realizado por este psicólogo, que actualmente traballa no Ikerbasque

O psicólogo galego Manuel Carreiras Valiña foi proclamado hoxe Premio Nacional ‘Pascual Madoz’ de Investigación en Dereito, Ciencias Económicas e Sociais. O xurado do galardón, que concede o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, destaca a súa condición de “referencia internacional no eido do procesamento da linguaxe e no ámbito da psicoloxía experimental, destacando a súa capacidade para crear grupos de excelencia e de transferencia de coñecemento”. Segundo o xurado: “O seu traballo posúe un interese e impacto social extraordinario“.

Lucense nado en 1959, Carreiras Valiña formouse na Universidade de Santiago de Compostela e completou a súa traxectoria académica cunha ampla colaboración internacional, con estadías de investigación nos Estados Unidos, Suecia ou Reino Unido.

Publicidade

Licenciado en Psicoloxía pola USC, é doutor pola Universidade de La Laguna. Na actualidade é profesor de investigación no Ikerbasque e director científico do BERC (Centro de Investigación Básica e de Excelencia de Euskadi) e o BCBL (Basque Center on Cognition, Brain and Language), e unha das figuras internacionais máis relevantes no campo da neurociencia cognitiva, e en particular no procesamento da lectura, a linguaxe e o bilingüismo.

Valentin Fuster, Angela Nieto, Susana Marcos, Manuel Carreiras e Mercedes Garcia Arenal, Premios Nacionais de Investigación.

En 2008 estableceuse en Euskadi, recrutado por Ikerbasque, para fundar e dirixir o BERC BCBL. Grazas ao seu labor, o BCBL situouse entre os mellores centros de Europa e do mundo no seu ámbito. Conta tamén coa acreditación Severo Ochoa.

Publicidade

A visión de Manuel Carreiras do centro de excelencia BCBL fundaméntase na atracción de investigadores de excelencia de todo o mundo, dotándoo dun equipamento de investigación punteiro.

O novo Premio Nacional de Investigación traballa en tres grandes liñas: a linguaxe, a lectura e os trastornos do desenvolvemento; o multilingüismo e a aprendizaxe dunha segunda lingua; a neurodexeneración, o dano cerebral e o envellecemento saudable.

O Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades concedeu tamén os Premios Nacionais de Investigación 2019 noutras categorías a Valentín Fuster, Ángela Nieto, Susana Marcos e Mercedes García-Arenal.

O ministro de Ciencia, Innovación e Universidades en funcións, Pedro Duque, comunicou aos premiados o fallo do xurado e felicitoulles en nome do Goberno. Os Premios Nacionais de Investigación, creados en 1982, supoñen o recoñecemento máis importante de España no ámbito da investigación científica. Teñen como obxectivo distinguir o mérito daqueles investigadores e investigadoras de nacionalidade española que estean a realizar un labor destacado en campos científicos de relevancia internacional e que contribúan excepcionalmente ao avance da ciencia, á transferencia de tecnoloxía e ao progreso da humanidade. Estes galardóns contan cunha contía total de 150.000 euros, 30.000 euros cada premio.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Memorias dunha pandemia

Como sobrevivir á histeria colectiva ante un gromo de hantavirus. Por Andrea Veiga

Ler é un pasatempo… ou moito máis?

A lectura destaca por activar procesos cognitivos específicos que, especialmente cando o cerebro se está desenvolvendo, poden marcar diferenzas importantes na idade adulta

De verdade fomos máis felices en 2016? A ciencia detrás da última tendencia en redes

Os recordos cargados de emoción consolídanse mellor que os neutros, pero co tempo ocorre algo curioso: moitas experiencias negativas perden forza

O impacto emocional do accidente de Adamuz: “Unha catástrofe deste nivel sacode toda a sociedade”

Os expertos sinalan a importancia da intervención psicolóxica temperá ante os síntomas de ansiedade e estrés agudo das vítimas e familiares