Galicia, a comunidade que máis confía na seguridade e funcionamento das vacinas

A Enquisa de percepción social da ciencia revela tamén un maior rexeitamento cá media estatal á enerxía nuclear e a modificación xenética de plantas

A Enquisa de Percepción Social da Ciencia, elaborada pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt), presentou esta semana a súa 10ª edición. O extenso formulario de cuestións que se lle transmitiron a preto de 8.000 persoas en España (465 en Galicia) no verán e o outono de 2020, aborda asuntos como o interese cidadán pola ciencia, a alfabetización científica e outros aspectos, como o cambio climático ou as terapias sen evidencia científica. Estes resultados debúllanse, ademais, por cada comunidade autónoma, o que permite extraer datos relevantes sobre as respostas obtidas en Galicia.

Así, e sempre segundo as respostas das persoas participantes na enquisa, destaca o rexeitamento que existe en Galicia a aplicacións da ciencia e a tecnoloxía como o cultivo de plantas modificadas xenéticamente, as coñecidas como transxénicas, a enerxía nuclear, a intelixencia artificial ou a robotización do traballo. Así, á pregunta sobre os posibles riscos de determinadas aplicacións, e nunha escala do 1 (ningún) ao 5 (moitos), o 63,5% das persoas en Galicia considera que a enerxía nuclear ten moitos riscos, fronte ao 50,3% da media estatal. A maior percepción do risco é tamén considerable no cultivo de plantas modificadas xeneticamente (33,1% fronte ao 18% de España), a intelixencia artificial (24,2% fronte ao 15%), ou a robotización do traballo (40,4% e 24,6%).

Publicidade

Alfabetización científica

No apartado de alfabetización científica, na que se presentan afirmacións ás que as persoas que responden deben contestar de forma acertada, destácase que Galicia é a comunidade cun porcentaxe de acertos máis baixo (78,8%) ao enunciado “a Terra xira arredor do Sol”.

Mais por outra banda, é das rexións nas que unha porcentaxe máis baixa de entrevistados declara usar os tratamentos sen evidencia científica que os avale, como a homeopatía ou a acupuntura, en substitución de tratamentos convencionais: apenas un 16,2% fronte ao 26,2% da media estatal.

Publicidade

No referente ás vacinas, Galicia é a comunidade que maior confianza ten na seguridade das vacinas, superando os 6 puntos sobre 7 nas afirmacións “as vacinas son necesarias para protexer a saúde das persoas” (6,06), e “as vacinas funcionan ben para previr enfermidades que pretenden evitar” (6,02). A comunidade galega acada tamén a valoración máis alta respecto da afirmación “as vacinas son seguras” (5,65 fronte a 5,2 da media estatal).

Na outra banda, as persoas entrevistadas en Galicia manifestan un maior desacordo con afirmacións como “vacinar a nenos/as é daniño e ocúltase” ou “o Goberno está tratando de ocultar as relacións entre vacinas e autismo”.

Naquel momento, no que aínda faltaban meses para o comezo da campaña de vacinación contra a Covid-19, Galicia tamén amosa a porcentaxe de resposta afirmativa máis alta (37,7%) á pregunta “se mañá mesmo estivese dispoñible unha vacina para previr a Covid-19, poñeríaa?”.


A Enquisa de Percepción Social da Ciencia pode consultarse con detalle nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Benvida ás candorcas

Hai dúas normas principais: non atacar e conservar a estes cetáceos son medidas fundamentais para mellorar a súa supervivencia. Por Andrea Veiga

Cóntame que leva a túa perovskita, e direiche como contamina: alternativas para materiais emerxentes

O grupo de Inmunoloxía do CINBIO leva anos estudando a toxicidade na escala 'nano' co obxectivo de establecer un emprego seguro

Un novo bólido sorprende en Galicia: como identificar este tipo de fenómeno astronómico

O CSIC confirma que o meteoro se puido observar dende diversos enclaves distribuídos por Ourense, O Porriño, Arteixo e Vigo

A poboación de píllara das dunas mostra unha tendencia positiva e acada a cifra máis alta dende 2014

A Consellería de Medio Ambiente contabiliza 93 parellas reprodutoras da especie vulnerable en 25 praias galegas