Fútbol e ciencia: a sorprendente comparación entre España e outros países de Europa

En marzo deste ano, centos de investigadores do Instituto Español de Oceanografía (IEO) lanzaban unha chamada de auxilio ante os recortes e trabas burocráticas que sofren nos últimos anos, e que veñen freando a súa capacidade investigadora e o seu prestixio internacional. Era a constatación dun problema estrutural da carreira investigadora en España, con condicións precarias, falta de investimentos e apoio institucional.

O traballo quere reflectir un “indicador do modelo de país no que vivimos”, sinala Francisco Rodríguez

Porén, o problema non se cingue só ao IEO, senón que tamén se padece noutros organismos de investigación españois: o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), o Instituto de Salud Carlos III (ISCIII), o Centro de Investigaciones Energéticas, Medioambientales y Tecnológicas (CIEMAT), o Instituto Nacional de Investigación y Tecnología Agraria y Alimentaria (INIA), o Instituto de Técnica Aeroespacial (INTA), o Instituto Geológico y Minero de España (IGME), ou o Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC). E neste senso, nos últimos días, un gráfico publicado polo investigador do IEO de Vigo Francisco Rodríguez puxo sobre o papel a desigual situación que existe entre España e outros países europeos cando comparamos os orzamentos destes organismos co dos principais equipos de fútbol.

Publicidade

“Ocorreuseme retomar unha idea que me andaba na cabeza desde había tempo”, explica Rodríguez no seu blog Fitopasión. “O éxito do fútbol e a crise da ciencia en España; as súas cifras económicas como indicador do modelo de país no que vivimos“, sinala.

O cálculo foi relativamente sinxelo. O investigador recolleu os datos sobre orzamentos, en millóns de euros, dos dez maiores equipos da Primeira División da liga española na temporada 2017-2018. E, por outra banda, o das maiores institucións de investigación de España. E o resultado foi o que se pode ver baixo estas liñas.

Publicidade

Comparativa entre os orzamentos dos principais equipos de fútbol e os organismos de investigación en España. Fonte: Francisco Rodríguez / Fitopasión.
Comparativa entre os orzamentos dos principais equipos de fútbol e os organismos de investigación en España. Fonte: Francisco Rodríguez / Fitopasión.

“Teño que confesar que a comparativa saíu peor do que esperaba!”, engade o científico. Pero para completar a información, Francisco decidiu abrir o foco e mirar as cifras de Francia e Alemaña, países que non teñen ligas de fútbol tan punteiras como a española, pero que destacan polos seus sistemas de investigación. “E que deprimente foi vernos ao lado deles!”, escribe Rodríguez no blog.

omparativa entre os orzamentos dos principais equipos de fútbol e os organismos de investigación en Francia e Alemaña. Fonte: Francisco Rodríguez / Fitopasión.
omparativa entre os orzamentos dos principais equipos de fútbol e os organismos de investigación en Francia e Alemaña. Fonte: Francisco Rodríguez / Fitopasión.

E no caso da Premier League de Inglaterra, con equipos de fútbol con maiores orzamentos que Barcelona ou Real Madrid, a comparativa foi igualmente impactante. “Os orzamentos do UK Research & Innovation ascenden a 6.000 millóns de libras, multiplicando por 10 ou máis aos denominados como equipos do Big Six: Manchester United, Manchester City, Chelsea, Arsenal, Liverpool e Tottenham Hottspur”

Os datos, segundo explica o investigador, están tirados de varias fontes, que enumera ao final do texto no seu blog.

A mensaxe que publicou Francisco Rodríguez na súa conta de Twitter tivo unha gran repercusión. “Alégrome de que axitara as conciencias, igual que me pasou a min”. Despois de diversas recomendacións por parte de algúns usuarios da rede social, o científico actualizou as gráficas no post de Fitopasión.

Aclaración

O autor do gráfico sinala, con todo, que “non pretendía presentar un falso dilema entre fútbol (investimento privado) fronte á ciencia (público); non son excluíntes nin comparables; o que chama moito á atención comprobar deste xeito tan evidente o peso relativo de ambos asuntos entre ditos países”.

Os datos do gráfico evidencian tamén a porcentaxe do PIB que cada país destina á ciencia: mentres que España destina un 1,2%, a media da UE é do 2%, na que España ocupa o posto 17. O Reino Unido está no 1,7% do seu PIB, Francia no 2,2% e Alemaña, no 2,9%.

A conclusión destas cifras, sinala Rodríguez, “é un signo máis de que a investigación recibe un apoio moito máis sólido por parte de gobernos como Francia e Alemaña, que recoñecen a importancia da ciencia para o presente e futuro dos seus países, mentres que en España a desidia dos sucesivos gobernos deixou a ciencia nun estado deplorable, eliminando incluso o seu ministerio específico nalgunhas lexislaturas”.

Podes ler o artigo completo de Francisco Rodríguez Fútbol y ciencia, nesta ligazón.

 

 

 

 

 

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival Pint of Science achega a ciencia aos bares na súa undécima edición

En Vigo celebrarase os días 19, 20 e 21 de maio nos locais El Castro e De Catro a Catro e, por primeira vez, chega Pint Kids

Ética científica

O debate está servido tras a retirada do artigo de Barbacid sobre o cancro de páncreas. Por Laura Filloy
01:04:45

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Obstáculos da carreira investigadora

A enxeñeira Soledad Torres, a bióloga Iria Gómez Touriño e a enfermeira Ainara Díaz Geada participan na última sesión do ciclo de GCiencia e da Deputación de Pontevedra

GCiencia lanza unha nova edición do ciclo de charlas ‘Ciencia en feminino’

O programa en colaboración coa Deputación de Pontevedra arrinca o mércores 4 coa entrevista da inmunóloga África González