Publicidade

Filgueira, o santo das Letras Galegas

José Filgueira Valverde é o protagonista o 17 de maio do Días das Letras Galegas no 2015. O 31 de maio de 1996 foi investido doutor honoris causa desta Universidade de Vigo. A súa madriña foi a catedrática do Departamento de Filoloxía Galega e Latina Camiño Noia, quen agora lembra neste artigo a figura “do polígrafo galeguista de grande importancia na cultura galega”, “pioneiro na investigación” e “merecente da homenaxe que este ano recibe nas Letras Galegas”.
 

Don José Filgueira, o santo das Letras Galegas 2015

Por Camiño Noia
Don José Filgueira (1906-1996) foi un polígrafo galeguista de grande importancia na cultura galega, desde a adolescencia ata a súa morte a fins do século pasado. Foi un pioneiro na investigación de temas literarios, con achegas que deixaron fondas pegadas na formación das primeiras xeracións de estudantes de Románicas en Compostela. Home conservador, que colaborou co Réxime da Ditadura, grazas á súa presenza nas institucións políticas do Goberno (deputado en cortes e alcalde de Pontevedra) e a participación no mundo académico, puido darlle alento á lingua e á cultura galegas nuns anos de represión e seca.

Filgueira e Camiño Noia, na súa investidura honoris causa por Vigo.
Filgueira e Camiño Noia, na súa investidura honoris causa por Vigo.

Na biografía de Filgueira cómpre salientar, na inmediata posguerra, a transformación do Seminario de Estudos Galegos, requisado pola Falanxe, no Instituto Padre Sarmiento, en colaboración con Francisco Javier Sánchez Cantón. E dentro del, a creación de Cuadernos de Estudios gallegos, publicación na que aparecen interesantes artigos sobre literatura, arte e historia de Galicia da autoría de Filgueira, á parte doutros moitos autores. En 1949 Sánchez Cantón e Filgueira crean tamén a editorial Bibliófilos Gallegos, que editou libros en galego antes de 1950; obras premiadas nos concursos de narrativa e de tradución organizadas pola mesma editorial coa intención de manter prendida a chama da lingua e da literatura galegas.
Por outra parte, como docente de Literatura española no instituto masculino de Pontevedra, Filgueira aprendeulle ó seu alumnado a importancia da literatura e da cultura popular galegas e faloulles de autores deostados polo Réxime, como Castelao, García Lorca e Otero Pedrayo. Mais, o seu maxisterio non se limita ás aulas, o profesor pontevedrés deu centos de conferencias sobre literatura, lingua, historia ou arte de Galicia. É admirable, tamén, o seu traballo na conservación do patrimonio artístico do Museo de Pontevedra, do que foi director durante moitos anos, enriquecéndoo con importantes achegas. Como alcalde da cidade, soubo conservar as antigas e valiosas edificacións da vila, preservándoa da destrución urbanística que sufriron outras durante as décadas dos anos sesenta e setenta.
Aínda que os tempos son moi distintos, a revista Encrucillada (1977) ben pode considerarse continuadora de Logos. Revista de cultura relixiosa (1931-1936), na que Filgueira tivo un importante papel como xestor, e onde, ademais das colaboracións asinadas co seu nome, está presente co pseudónimo J. Acuña nos artigos sobre mosteiros galegos e na sección de novidades bibliográficas.
Filgueira Valverde.
Filgueira Valverde.

Na súa faceta de investigador, desde os anos de universitario, Filgueira estivo interesado na literatura galega da Idade Media, sobre a que escribiu ducias de traballos entre artigos e libros. Traballos pioneiros que, aínda reformulados e ampliados en novas publicacións, son de lectura obrigatoria para quen se interese pola lírica medieval galega; e recomendables pola claridade de exposición para quen se inicie nese ámbito. Segue a ter plena vixencia a tese de doutoramento sobre a Cantiga CIII de Santa María, na que Filgueira fai un asombroso traballo de erudición sobre a noción do tempo e do gozo eterno na narrativa medieval. Unha obra de interese, tanto para a investigación folclórica (oral, popular) como para a escrita (culta), na que o autor manexa unha ampla documentación.
Son tamén importantes os centos de artigos sobre diferentes temas (toponimia, historia, artes plásticas, literatura popular…), publicados por Filgueira en revistas e xornais, difundindo a nosa cultura nun amplo e variado colectivo humano. Eses artigos fóronse recollendo cada ano, desde 1979, nun volume titulado Adral editado en Ediciós do Castro. Saíron nove volumes, o derradeiro é o IX Adral de 1996, o ano da morte do autor.
Co dito, ó que se lle poderían engadir outros traballos e compromisos coa cultura do seu País, abonda para mostrar que Filgueira Valverde é merecente da homenaxe que esta ano recibe nas Letras Galegas.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Encaixan os galegos nas claves sociais do Informe Mundial da Felicidade? “Somos sociedade de comunidade e empatía”

Os ritmos de vida actuais levan a compartir menos tempo cos nosos, un factor que a psicoloxía liga estreitamente co benestar emocional

Un estudo relaciona unha toxina bacteriana coa “epidemia” de cancro colorrectal en adultos novos

A investigación liderada por un galego indica que a enfermidade podería ser a principal causa de morte por tumores en xente moza en 2030

Un libro recolle por primeira vez ata 704 cantigas de amor

Unha investigadora da USC recompila os textos transmitidos nos cancioneiros medievais da Ajuda, da Biblioteca Nacional e da Vaticana

Achados na illa de Tambo posibles restos dun mosteiro do século VII

Os investigadores atoparon muros e paredes que poderían pertencer a Santa María de Graza, destruída polo corsario Drake no ano 1589