Estudantes de Ferrol deseñan un catamarán para persoas con mobilidade reducida e xordeira

O alumnado da Escola Universitaria de Deseño Industrial presentou esta semana o proxecto da embarcación adaptada, que non precisa carné para manexala

Un grupo de 86 estudantes do 3º curso do grao en Enxeñaría en Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto que se imparte na Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) do Campus de Ferrol participaron, ao longo do curso 2019/20, no deseño dun catamarán accesible para persoas con mobilidade reducida e persoas xordas que se puidese manexar desde calquera punto do barco sen ter que estar no asento de mando.

O proxecto de Aprendizaxe e Servizo (ApS) foi dirixido polo director da EUDI, José Ramón Méndez, e coordinado polo profesores da escola Jon Solozábal Basáñez, Pablo Fernández Galdo, Ahitor Regueiro Fernández, Álvaro Deibe Díaz, José Ramón Souto López, Cristina Prado Acebo e Ana Isabel Ares Pernas. Para o seu desenvolvemento, o profesorado e o alumnado do Campus de Ferrol contou coa colaboración da Asociación Sociocultural ASCM, a Asociación de Persoas Xordas de Ferrol (AXF), Praxxis Inclusión Cooperativa Galega sen ánimo de lucro, a Asociación Náutica, Social e Ecolóxica A-O2 Velas e a empresa XouvaBoats.

Publicidade

Tal e como explica o director da EUDI, José Ramón Méndez, a proposta que se lle plantexou ao alumnado do grao, e máis concretamente a aqueles estudantes que cursaban as materias de “Deseño de Produto” e “Proxectos de Deseño III”, foi a de participar no deseño e desenvolvemento conceptual dun catamarán de menos de 5 metros de eslora con acceso e posibilidade de tripulación universal baseado no modelo Xouva. Deste xeito, o profesorado e o alumnado debía deseñar conxuntamente un novo concepto de catamarán que fose innovador, atractivo, silencioso e non contaminante. Cómpre sinalar que esa embarcación debía servir tamén para a práctica náutica, ecolóxica e sostible así como para a práctica de actividades de ocio en zonas de augas tranquilas tales como rías ou áreas restrinxidas para motores de combustión. Por último, ese novo concepto de catamarán debía ser accesible e tripulable por unha persoa con mobilidade reducida ou cunha discapacidade auditiva.m

Xouva 4.90: o barco eléctrico, sen carné e accesible para todos

Para a preparación do proxecto, ao longo do curso 2019/20, o alumnado do grao en Enxeñaría en Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto participou nun seminario impartido polos profesionais de Praxxis Inclusión Cooperativa Galega sen ánimo de lucro no que puideron saber un chisco máis sobre o catamarán Xouva. De feito, divididos en pequenos grupos, achegáronse ata o porto de Vilagarcía de Arousa para ver in situ esta embarcación e resolver dúbidas respecto ao seu deseño. Para iso, contaron coa axuda do enxeñeiro naval José Ballester quen deseñou esta embarcación de 4.90 metros de eslora. Tal e como el mesmo explicou, trátase dun catamarán 100% eléctrico que permite o acceso con cadeira de rodas e que, ademais, para patroneala non é preciso ter ningún tipo de licencia de navegación. Para completar a súa formación, o alumnado do Campus de Ferrol visitou a sede da empresa A-02 Velas en Sada para ver o funcionamento dun catamarán máis grande.

Publicidade

Maqueta do catamarán. Foto: UDC.
Maqueta do catamarán. Foto: UDC.

Do mesmo xeito, os estudantes da EUDI visitaron tamén a sede de ASCM en Ferrol para coñecer de primeira man os problemas de mobilidade das persoas usuarias da asociación, as súas necesidades e os tipos de cadeira de rodas existentes. Pola súa banda, o director da escola, José Ramón Méndez, e a profesora Ana Ares Pernas, achegáronse ata a sede de AXF para que os asesorasen para que o seu deseño fose totalmente accesible para as persoas xordas.

O profesorado e unha pequena representación do alumnado implicado no deseño deste proxecto de ApS presentou este martes no centro os resultados do seu traballo nun acto ao que asistiu a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, o director da EUDI, José Ramón Méndez, a presidenta de ASCM, Paula Gárate, a presidenta de AXF, Teresa Gallo, o presidente de Praxxis, Laurent Ogel, a presidenta de A-O2 Velas, Gemma de la Montaña, e o director de XouvaBots, José Ballester.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Laura Castro, Premio Nacional de Investigación: “A eólica mariña podería facernos enerxeticamente independentes”

A catedrática da UDC participa tres proxectos sobre enerxías renovables e defende o potencial de Galicia para desenvolver sistemas flotantes no mar

A investigadora da UDC Itziar Sobrino acada unha Starting Grant para investigar en dereito ambiental

A galardoada estudará as causas polas que determinadas obrigas se aplican de maneira efectiva mentres que outras se debilitan ou se aplican parcialmente

Ten sentido fixarnos no pasado para conservar o lobo?

A súa distribución presente e futura verase condicionada pola densidade das presas silvestres máis que pola do gando. Por Alejandro Martínez Abraín (UDC) e Daniel Oro

Un modelo da UDC simula como se comportará a rótula tras unha operación de prótese de xeonllo

A ferramenta desenvolvida no CITENI permite comparar diferentes escenarios cirúrxicos e adaptados ás características de cada paciente