A emerxencia demográfica de Galicia, en 6 datos

O Instituto Nacional de Estatística fixo públicos este mércores os datos do Movemento Natural de Poboación e os Indicadores Demográficos Básicos correspondentes ao 2018. Unhas cifras que, alén do contexto preciso en cada caso, ofrecen un panorama do que xa se pode catalogar de crise demográfica en Galicia: en ningún outra comunidade autónoma do Estado Español caeron tanto os nacementos respecto ao ano anterior; cun 10,3% de descenso, pasando de 18.445 nenos ou nenas nados en 2017 a 16.550 en 2018. Do mesmo xeito, Galicia encabeza tamén o saldo vexetativo negativo, cunha diferenza negativa de 15.854 persoas entre nacementos e defuncións.

Mais os resultados de 2018 non son un feito puntual, senón a confirmación dunha tendencia que xa dura varios decenios. Os datos dispoñibles no INE, desde 1975, constatan un devalo con moitas caras que teñen constatados expertos en materia demográfica. Esta é, en 6 datos, con mapas e gráficos, unha escolma da situación en Galicia:

Publicidade

1. Saldo vexetativo por 1.000 habitantes

É un dos cálculos para observar, en termos relativos, a diferenza entre nacementos e defuncións ao longo dun período de tempo. Neste aspecto, Galicia, como a gran parte do Estado, amosa un balance negativo. Neste caso sitúase en terceiro lugar por abaixo, cunha taxa de 5 por mil, e só amosan peores datos Castela e León e Asturias.

2. Saldo vexetativo

Outra das gráficas máis preocupantes. En termos absolutos, Galicia está perdendo máis poboación que ningunha outra comunidade autónoma. Así, foron 15.854 mortes máis ca nacementos. É dicir, por cada neno ou nena que naceu en 2018, faleceron case que dúas persoas. Esta é a táboa:

Publicidade

3. Caída no número de nacementos

En 1975 naceron en Galicia 43.850 nenos. 43 anos despois, en 2018, só houbo 16.550 nenos e nenas nacidos no país. Un descenso de máis do 50%. E ademais, o descenso acelérase nos últimos anos. Así, Galicia encabeza a caída respecto a 2017, cunha caída do 10,3%. Desde o ano 2.000, mentres que a caída de novos nacementos en España foi dun 7.12%, en Galicia márcase un descenso do 14.77%.

4. Só 13 Concellos con máis nacementos ca mortes

Os últimos datos dispoñibles a nivel municipal sobre os nacementos son os de 2017. E hai agora dous anos, só houbo 13 municipios galegos (San Cibrao das Viñas, Soutomaior, Barbadás, Cambre, Oia, Pontecesures, Oroso, Burela, Poio, Salceda de Caselas, Arteixo, O Porriño e Ames) con máis nacementos ca defuncións. Ata as sete principais cidades caeron neste aspecto. E entres estes municipios só hai un da provincia de Lugo e dous da de Ourense.

5. O índice de envellecemento

Alén do saldo vexetativo, outro dos cálculos para analizar a situación demográfica dun lugar é o índice de envellecemento; isto é, a relación entre as persoas maiores de 65 anos e as menores de 15. Galicia só aparece neste aspecto superada por Asturias, cun índice dun 195%. É dicir, por cada persoa moza de menos de 15 anos, hai en Galicia case dúas maiores de 65. Nalgúns dos concellos máis avellentados, a cifra chega a ser de 5 a 1.

6. Idade media

O crecemento foi xeral en toda España, e de novo Galicia se sitúa no grupo de cabeza, con Asturias e Castilla y León. Se no 1975 a idade media dos galegos e galegas era de 35,1 anos, hoxe chega aos 47.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona