A ciencia e investigación fanse un pequeno oco no debate das eleccións galegas

Catro dos sete partidos representados no encontro da CRTVG (Marea Galeguista, PSdeG, BNG e Galicia en Común) fixeron referencias directas ao sector

O debate a sete bandas organizado este luns pola Corporación Radio e Televisión de Galicia, o único no que se deron cita os candidatos e candidatas á presidencia da Xunta por parte dos principais grupos políticos “representativos” e “significativos”, deixou un pequeno espazo no medio da confrontación habitual para que algúns dos representantes amosasen brevemente as súas propostas sobre ciencia, investigación e desenvolvemento para Galicia.

Tal e como acordaron as partes, o debate electoral dividiuse en catro bloques. Despois dunha presentación por parte de cada un dos e das participantes, abordáronse os apartados “Galicia e a Covid-19: xestión, nova normalidade, reconstrución”; “Políticas económicas, industriais, orzamentarias e fiscais xerais”; “Políticas sociais e de benestar, educación, sanitarias”; e “Modelo institucional, pactos, gobernabilidade e encaixe de Galicia no Estado”. Finalmente, cada representante político pechou a súa participación cun discurso final.

Publicidade

Máis investimento en I+D e aposta pola ciencia

Diante dun escenario moi marcado pola pandemia da Covid-19, as mencións á sanidade foron protagonistas das intervencións de todos os partidos, sobre todo no primeiro dos bloques. Porén, resultaron máis escasas as apelacións directas ao fortalecemento do tecido científico a través da investigación, desenvolvemento e innovación. Así, os candidatos e a candidata de tres dos sete partidos (PPdeG, Vox e Ciudadanos) non chegaron a mencionar de forma directa as iniciativas de apoio á I+D+i, aínda que si apelaron ao fortalecemento do tecido industrial como motor de recuperación económica no segundo dos bloques.

Os outros catro partidos si fixeron mención (aínda que só foron cinco veces en total, a asuntos como “investigación”, “I+D+i”, “ciencia” ou “innovación”. Tamén houbo mencións indirectas, por outra banda, á aposta pola dixitalización de empresas, á transición cara a unha economía “verde” ou “circular”, así como á defensa dunha universidade pública e accesible para toda a cidadanía, pero sen abordar de forma directa as cuestións relacionadas coa ciencia e a investigación.

Publicidade

Nas súas intervencións, os candidatos e candidata dos catro partidos que mencionaron á ciencia e a innovación nas propostas electorais comprometéronse, en todos os casos, a incrementar a porcentaxe de investimento en I+D+i respecto ao PIB, onde Galicia segue por baixo do 1% (0,94%), fronte ao 1,24% da media española e lonxe dos obxectivos que marca Europa para os vindeiros anos, situados no 3%.

En canto a propostas concretas, Antón Gómez-Reino, de Galicia en Común, propuxo no primeiro dos bloques que a investigación era “un elemento central” para saír da crise causada pola Covid-19. Deste xeito, prometeu incrementar ata a media española o investimento en I+D+i no primeiro ano de mandato, para despois “camiñar no conxunto da lexislatura ata o 3%“. Do mesmo xeito, manifestou a vontade de asinar “un pacto de país, un pacto galego pola investigación“.

No segundo dos bloques, dedicado a economía e industria, o candidato da Marea Galeguista, Pancho Casal, expuxo que “hai que chegar á media europea do 2%”, e manifestou tamén a situación transmitida por moitos investigadores e investigadoras (os principais partidos estanse a reunir nestes dias con colectivos como Investigal), de que “nove de cada 10 [investigadores] posdoutorais teñen que marchar de Galicia”. “Así non se poden desenvolver patentes e a industria nun país como Galicia non pode medrar”, dixo Casal.

No mesmo bloque, o candidato do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, mencionou as propostas de “redimensionar a I+D+i” e “subir o I+D+i”. Pola súa banda, a candidata do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, prometeu: “Se eu son presidenta, apostarei por darlle un impulso á ciencia e á innovación, duplicando os fondos e acabando coa precariedade”. Pontón referiuse tamén no seu minuto final ao sector, propoñendo un proxecto de país “que aposte pola ciencia e a innovación”. Os outros tres candidatos (Alberto Núñez Feijoo, do PPdeG, Ricardo Morado, de Vox, e Beatriz Pino, de Ciudadanos), non fixeron referencias directas a estes termos.

Así se repartiron as mencións aos termos “ciencia”, “investigación” e “I+D+i” no debate:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Predicir o futuro dos virus a través do seu pasado: así o estudan bioinformáticos galegos

Científicos do CINBIO deseñan modelos co obxectivo de atopar posibles mutacións resistentes a terapias antes de que se produzan

Chega o pico das Xemínidas: onde e como ver a maior chuvia de estrelas en Galicia

O fenómeno astronómico terá o seu punto álxido de actividade durante esta fin de semana, cun máximo de 150 meteoros por hora

Os galegos lideran o uso de ansiolíticos, sedantes e hipnóticos tras triplicar o seu consumo

Un estudo da USC atribúe a elevada utilización de hipnosedantes en Galicia ao avellentamento e ás altas taxas de depresión e ansiedade
00:00:58

A viaxe de Alemaña ao Miño dunha ave en perigo de extinción

Un ibis pelado, unha das especies máis ameazadas do mundo, chega ao esteiro do Miño procedente dun zoo de Halle tras pasar por Barbate e Faro