Un novo virus pandémico pode estar formándose xa: o caso da gripe porcina

Científicos chineses describen na revista PNAS un novo axente infeccioso que podería ter capacidade de transmitirse a humanos desde os porcos

A revista PNAS publicou este luns un artigo de investigación asinado por veterinarios e epidemiólogos chineses no que se analiza unha variante do virus H1N1, causante da pandemia de gripe A nos anos 2009 e 2010, e que procede, como naquel caso, de porcos. O traballo forma parte da constante vixilancia da sanidade animal sobre as zoonoses como fonte probable de infeccións potencialmente daniñas para a especie humana.

Os autores da investigación conclúen, despois de tomar máis de 30.000 mostras entre 2010 e 2018 en matadoiros, así como en granxas onde se atoparon animais con síntomas de doenzas respiratorias, e analizar os resultados, que a “infectividade” detectada a través das probas serolóxicas realizadas a traballadores das granxas e matadoiros (o 10% dos casos analizados tiña anticorpos) “aumenta enormemente a oportunidade de adaptación do virus en humanos fai medrar a preocupación pola posible generación de virus pandémicos”.

Publicidade

A variante atopada é un novo xenotipo do H1N1, que recibe o nome de G4, e que desde hai anos está sendo a cepa dominante nos porcos que se analizaron para a investigación. Tal e como explican os investigadores, os porcos adoitan ser hospedadores de diferentes tipos de virus, o que pode desembocar nun fenómeno coñecido como “reordenamento“, que modifica o xenoma dos virus e pode influír na súa capacidade infectiva cara aos humanos e outras especies. Os científicos tamén atoparon que a inmunidade previa de humanos adquirida fronte ao H1N1 non parece proporcionar protección contra a variante G4. Ante estes resultados, os científicos puxeron o acento na necesidade de incrementar a vixilancia na orixe da posible infección para atallala o antes posible.

Achados habituais

Porén, aínda que o artigo xerou balbordo ao coincidir coa pandemia do SARS-CoV-2, a detección de virus de orixe animal cun potencial de transmisión a humanos e mesmo entre humanos é relativamente habitual na investigación científica a pé de campo. Así o demostran traballos publicados esta mesma semana en Scientific Reports, así como outro en abril, nos que se afonda na variabilidade de virus procedentes de aves e o seu risco en humanos. Na China, onde existen 500 millóns de porcos, son múltiples os grupos de investigación dedicados á investigación e prevención de zoonoses. Tal e como explica a Science Martha Nelson, bióloga evolutiva do centro Fogarty do NIH dos Estados Unidos, “a probabilidade de que esta variante en particular cause unha pandemia é baixa”. Con todo, Nelson lembra a orixe da cepa H1N1, da que tampouco se coñecía a súa transmisión entre humanos ata que se comezaron a darse casos en 2009. “A gripe pode sorprendernos“, di, e “existe o risco de que descoidemos esta e outras ameazas neste momento” debido á Covid-19.

Publicidade

Pola súa parte, o biólogo Carl T. Bergstrom, da Universidade de Washington, e un dos expertos máis consultados durante a pandemia da Covid-19 nos Estados Unidos, tamén analizou a través de Twitter os datos do artigo. O científico expuxo: “O que fai este artigo é algo importante para a comunidade epidemiolóxica: apunta cara a un virus ao que precisamos ter baixo vixilancia; e isto é algo que podemos facer. O cribado será importante, especialmente se emerxen focos de infección nos traballadores do sector porcino”. Con todo, aclara que por agora “a ameaza non é inmediata para a saúde pública“, xa que “todo indica a que o virus G4 debería sufrir algún cambio evolutivo para propagarse facilimente entre persoas, e pode que nunca o chegue a facer”, expón.

 “O traballo é un bo recordatorio de que estamos constantemente en risco de que emerxan patóxenos zoonóticos e que os animais de granxa, cos que os humanos teñen un maior contacto que coa vida silvestre, poden actuar como fonte de importantes virus pandémicos”, declarou a France-Presse o investigador James Wood, xefe do departamento de Medicina Veterinaria na Universidade de Cambridge.


Referencia: Prevalent Eurasian avian-like H1N1 swine influenza virus with 2009 pandemic viral genes facilitating human infection (Publicado en PNAS).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Identificados novos factores xenéticos da fatiga persistente tras a radioterapia por cancro de próstata

Un estudo publicado en 'Nature Communications' e con participación galega descobre unha variante no xene ACTR3 asociada a un risco tres veces maior de desenvolver a sintomatoloxía despois do tratamento

GCiencia lanza a décima edición dos premios Galicia Spin-Off

Os galardóns recoñerán un ano máis a empresas innovadoras xurdidas das universidades e a un grupo de investigación

O epidemiólogo Juan Gestal: “Non vai ser a próxima pandemia”

O experto explica que o perigo para a poboación global é baixo e que a resposta das autoridades debe centrarse na investigación da orixe do gromo

A contaminación atmosférica podería estar detrás do aumento das crises de xaqueca

Un estudo internacional sinala que o número de visitas ao hospital de persoas con síntomas aumenta durante os días nos que hai maiores niveis de polución