Galicia segue por baixo do 1% de investimento en I+D respecto ao produto interior bruto

O Informe Cotec 2020, que analiza a aposta pola investigación e a innovación en España, sitúa

Os Reis de España presentaron este luns o Informe Cotec 2020, un documento elaborado pola fundación do mesmo nome e que analiza a evolución dos principais indicadores de investigación e desenvolvemento (I+D) e a innovación en España durante a segunda década do século XXI. O documento, que pon o acento na actual crise global por mor da pandemia da Covid-19, expón a necesidade de apostar poa ciencia e a innovación para superar os desafíos sanitarios, económicos e sociais que o coronavirus e a súa propagación xeraron. O informe, como nos últimos anos, pon sobre a mesa o déficit crónico que España sofre na súa aposta pola investigación científica. “Os niveis de investimento non se corresponden co potencial económico de España”, resume o texto.

Neste sentido, un dos datos clave é o do investimento en I+D en relación ao produto interior bruto (PIB) de cada unha das comunidades autónomas. Galicia, a pesar do incremento dos últimos anos, sitúase un ano máis por baixo do 1%, menor cá media española (1,24%), e lonxe da comunidade que máis inviste neste eido en relación ao valor monetario que xera: o País Vasco, cun 1,96% do total. A situación tanto en Galicia como no conxunto de España segue lonxe da media da Unión Europea e aínda máis do que marcan os obxectivos comunitarios, que apuntan ao 3%.

Publicidade

O informe salienta que “o coñecemento e a innovación serán as mellores armas fronte a futuros shocks globais, e tamén para acadar un equilibrio entre o benestar social, a prosperidade económica e a sustentabilidade ambiental”.  No texto explórase, entre outros aspectos, a situación de España respecto ao panorama internacional, aínda lonxe da aposta das principais economías europeas e outros países de referencia no mundo. No período 2009-2018, España só incrementou nun 2,5% a variación acumulada do investimento en I+D, fronte ao 120% de China, o 38% de Alemaña, o 27% da UE-28 ou o 21% do Reino Unido. “Ao tempo que España perde peso en Europa, Europa perde peso fronte a China”, resume o informe. Un problema que se puxo de manifesto á hora de responder as demandas materiais e de coñecemento precisas para combater a pandemia da Covid-19.

Outro dos detalles salientables é que o sector privado foi o principal impulsor da recuperación da I+D despois da crise económica de 2008, cun avance moito máis lento.

Publicidade

No referente á variación acumulada do investimento público, España aínda ten valores negativos. Desde 2009, o crecemento acumulado é do -9,8%, fronte ao aumento do 10,5% na Unión Europea.

En termos de traballadores activos dedicados á I+D, non se acada o 1% do total, en boa medida, segundo o informe, á fenda existente no sector privado, cun 0,29% da ocupación total fronte ao 0,5% da media europea.

Niveis por riba de 2008, dez anos despois

Na análise por comunidades autónomas, cinco rexións (País Vasco, Madrid, Navarra, Cataluña e Castilla y León) destacan por riba da media estatal. Con todo, a análise salienta que oito das comunidades superaron, segundo os datos de 2018, os niveis de investimento en I+D previos á Grande Recesión. Entre elas está Galicia, que segundo Cotec, tamén se atopa entre os territorios que dispoñen de máis persoal dedicado á I+D que antes de 2008.

Estes dous aspectos saliéntanse na lectura do informe Cotec difundida pola Xunta de Galicia, que salienta que, en termos absolutos, en 2018 acadouse “o investimento en I+D máis destacado de toda a serie estatística”, cun total de 591 millóns de euros.

A Administración autonómica achega tamén outros detalles do informe, como o aumento do gasto total en I+D un 23,8%, por riba da media de crecemento estatal (16,6% no conxunto do Estado). Un incremento semellante á media española en materia de persoal (13% fronte ao 12,7% do conxunto de España).

Do mesmo xeito que no conxunto do territorio estatal, segundo destaca a Xunta, “o sector que concentrou o groso do crecemento foron as empresas, que no período 2014-2018, incrementaron o I+D executado nun 31,4% (fronte ao 24,7% en España) e o persoal en I+D nun 27,7% (19,3% en España).


Para ler máis: Presentación do Informe Cotec 2020.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de sostible é o teu concello segundo os obxectivos para 2030? Compróbao neste mapa interactivo

A UVigo desenvolve unha plataforma aberta que avalía o grao de cumprimento dos 17 ODS a partir de 69 indicadores

Investigadores analizan macroalgas verdes mariñas para impulsar a súa valorización en Galicia

Un equipo da UVigo estuda os polisacáridos do xénero Codium da costa galega como fonte de novos ingredientes funcionais

Unha tese identifica unha Escola Galega de Percusión con ritmos e técnicas propias

A investigación de Cristian Silva Bóveda na USC recupera a historia dos intérpretes relegados e descifra os patróns de gravacións do século XX

Galicia está entre as zonas cun maior declive de polinizadores de Europa

Entre os anos 1921 e 2020, na rexión atlántica diminuíu un 42% a ocupación das especies de abellas e nun 32% a dos sírfidos