A sonda de China Chang’e-4 leva menos de dúas semanas na cara oculta da Lúa, un lugar ao que ninguén chegara antes. E desde entón, apenas pasa un día sen que envíe novidades que abraian á Terra. A última delas é a fotografía coa que demostra que, por primeira vez, conseguiron que agromara unha semente na superficie lunar. Xa se conseguira antes nalgúns experimentos da Estación Espacial Internacional, pero nunca no satélite.

A planta de algodón forma parte dun experimento de científicos da universidade de Chongqing, que deseñaron unha ‘mini-biosfera’ lunar pechada dentro da sonda na que hai auga, aire e un pouco de terra, así como unha ‘fiestra’ que permite a entrada de luz solar. Con todo, as condicións extremas nas que está a sonda facían moi complicado que saíra adiante. As temperaturas no exterior poden subir aos 100ºC de día e baixar a -100º pola noite.
Ademais do algodón hai sementes de pataca, de arabidopsis (da familia da mostaza), ovos de moscas da froita e algúns lévedos. Ata o de agora, o equipo que dirixe a misión non ten noticias de que o resto destas sementes saíran adiante.
A sonda chinesa xa puxo en marcha un vehículo lunar, o Yutu-2, que realizará experimentos no cráter Von Karman. Están previstas tamén outras misións, encamiñadas á posible instalación, nun futuro, dunha base lunar. A finais de 2019 agardan lanzar outra sonda para traer mostras de volta. A bordo da sonda tamén van instrumentos desenvolvidos por científicos suecos e alemáns para estudar o ambiente lunar, os raios cósmicos e a interacción do vento solar coa superficie lunar.
Nos seus primeiros días na cara oculta, que nunca vemos debido á rotación sincrónica do satélite e a Terra, a sonda xa enviou imaxes panorámicas do lugar no que se atopa.















