Un exército eterno protexe a tumba do primeiro emperador de China. Miles de soldados custodian un mausoleo de 100 quilómetros cadrados que se mantivo inmutable durante 2.000 anos. Os guerreiros están feitos de cerámica e estímase que pode haber unhas 8.000 estatuas sen incluír cabalos, carros de combate e outras tantas figuras que o emperador da dinastía Qin quería levar ao máis alá. Durante case 20 anos, un galego traballa no medio de milleiros de estatuas de terracota para desentrañar os misterios que agocha un mausoleo do que tan só se escavou o 10%. Marcos Martinón-Torres, catedrático de Arqueoloxía na Universidade de Cambridge, sentiu fascinación polo exército de terracota dende que ten lembranza. Agora, todo o seu coñemento científico sobre o xacemento viaxa dende China a Galicia, onde este xoves dará unha charla no Museo das Peregrinacións de Santiago.
Ademais, o arqueólogo ourensán é o comisario dunha pioneira exposición sobre o exército de terracota no Museo Aqueolóxico de Alicante. A finais de xaneiro pechará as súas portas despois de recibir preto de 250.000 visitas nos últimos meses. Para Martinón-Torres foi un pracer participar nun proxecto de tal envergadura pero talvez fose aínda máis especial se puidese recalar en Galicia. “Non está nas miñas mans”, di o experto. Pero soñar non custa nada.
—Cando comezou a súa fascinación polo exército de terracota de Xi’an?
—Como arqueólogo teño intereses bastante amplos pero un dos temas que sempre me interesou foi a tecnoloxía; como os seres humanos resolvemos problemas. O xacemento do exército de terracota, o mausoleo do primeiro emperador de China, sempre me fascinou como unha empresa xigante, porque non son só os guerreiros de terracota, senón todo o que hai en torno a eles. É unha auténtica cidade funeraria de 100 quilómetros cadrados construída en apenas uns anos. Sempre me fascinou a idea de como se fixo, como se organizou o subministro de materias primas, a organización da man de obra, o tráfico de ideas, como se orquestrou todo iso para construír algo tan grande, tan único e en tan pouco tempo. Hai case 20 anos que me brindaron a oportunidade de traballar con colegas chineses e coordinar un proxecto de investigación que se encargase precisamente de utilizar técnicas científicas modernas para entender a ciencia e a tecnoloxía do pasado.
—Tras case dúas décadas adicado á súa investigación, que é o que máis lle fascina do xacemento?
—Hai moitos descubrimentos puntuais que fixemos ao longo dos anos que son fascinantes, pero antes de entrar no miúdo, o que máis me fascina dese xacemento arqueolóxico é a capacidade de combinar a escala coa atención ao detalle. Hai 8.000 guerreiros, 600 foxas, unha pirámide de 60 metros de alto… A escala é espectacular. Pero todo isto combínase coa sofisticación; que poidas achegarte a calquera guerreiro e ver que a súa expresión facial, o detalle do seu peiteado, as cores coas que foi maquillado, son únicos e individuais.
Hai outros detalles concretos interesantes. Inicial e historicamente pensábase que os guerreiros de terracota, as súas armas, e todo o que alí atopamos foran producidos ou manufacturados nunha única fábrica cunha gran cadea de produción. O que nós demostramos ao longo dos anos é que foron feitos nunha serie de talleres máis pequenos con células de produción que funcionaban en paralelo. Foi un descubrimento bastante rompedor porque se esperaba que detrás dunha obra feita para un emperador famoso polos seus esforzos centralizadores habería unha fábrica centralizada e única. Non foi así.
O bo estado de conservación das armas débese a unha casualidade xeoquímica
Outro estudo que publicamos hai uns anos explicou por que as armas dos guerreiros seguían a ser tan brillantes e non se corroeran ao longo destes 2.000 anos. É unha cuestión que se leva debatendo 50 anos, dende que se descubriron. Dende o principio sorprendeu os arqueológos que moitas das armas, en vez de ter a típica corrosión verde que se atopa no bronce, tiñan unha cor dourada brillante cos gumes afiados. Isto levou a pensar, xunto ás análises científicas que se fixeron nos anos 70, que os antigos armeiros chineses tiñan un coñecemento secreto que lles permitía tratar os metais e impedir a corrosión. O noso estudo demostrou que iso non era certo, senón que as armas se conservaron ao longo dos séculos por unha casualidade xeoquímica. Dáse a circunstancia que o solo de Xi’an ten a composición química, o tamaño de gran, a humidade e outras características mineralóxicas que son idóneas para a conservación do metal.
—Que outras sorpresas pode agochar o xacemento? Sobre todo o mausoleo, que non está escavado.
—O mausoleo é unha das grandes xoias porque aínda non sabemos exactamente o que hai alí. Hai unha pirámide artificial que ten 30 metros de anchura na base e 60 metros de altura, é colosal, e supoñemos que dentro dela aínda está enterrado o primeiro emperador. Aínda así, non se fixeron escavacións e non hai plan de facelas.
Isto retounos a ser máis ocorrentes en canto ás técnicas científicas que empregamos para intentar averiguar que é o que hai alí. Empregáronse xeorradares, mediuse a resistencia térmica, xeomagnética e eléctrica en distintas zonas da pirámide. Desta forma podemos facernos unha idea das estruturas que hai debaixo da terra. Sabemos que hai un gran pozo ou cámara funeraria rodeada por uns muros que teñen oitos metros de espesor cunha gran avenida que cruza de norte a sur. Existe un dique para desviar un río para poder localizar a pirámide nese sitio… Temos un pouco a idea da forma, da estrutura, o que non sabemos é se o propio emperador está alí.
Outro aspecto interesante é a posibilidade de que dentro da pirámide haxa ríos de mercurio. É unha especie de lenda urbana pero hai unha referencia histórica que fala desa posibilidade. Por suposto, non sabemos se está chea de mercurio ou non pero o que si podemos dicir é que se fixeron diversos estudos dos vapores que emanan da pirámide e si que é certo que teñen unhas concentracións de mercurio máis altas do normal. Isto non demostra que haxa ríos de mercurio debaixo da pirámide pero dende logo é moi suxerente e anímanos a seguir investigando.
—Detrás de todas estas investigacións que refire pode estar o motivo polo que o exército de terracota, pese a ter máis de 2.000 anos, segue a suscitar tanto interese?
—Si. O exército de terracota é único e segue a suscitar interese dende moitas perspectivas. Así se viu no grandísimo éxito que está a ter a exposición en Alicante, que está batendo récords de audiencia.
Os guerreiros de terracota son importantes porque espertan esa fascinación do descubrimento, da aventura, da investigación. Por unha parte no propio campo, no xacemento, esa idea do arqueólogo que escava e descubre obxectos espectaculares. Alí as escavacións continúan porque só se descubriu o 10%. Pero logo facemos descubrimentos non só no campo, senón tamén no laboratorio, porque moitos obxectos só os entendemos despois de facer análises científicas. Ademais, os guerreiros convertéronse en embaixadores culturais de China no mundo porque máis alá da política, alá onde van irmandan a todos os museos e persoas. Eu creo que é indubidable que seguirá sendo así durante moitas décadas.
As escavacións continúan porque só se descubriu o 10% do xacemento
—En que está a investigar agora mesmo?
—Neste momento hai varias frontes abertas en canto ás nosas análises científicas. Por unha banda estamos expandindo o estudo da forma, da fisionomía de cada un dos guerreiros, para ver ata que punto todos eles son diferentes. Isto é moi importante porque moitas veces fálase de que os guerreiros son retratos de persoas reais. Agora estamos facendo modelos tridimensionais das figuras para despois comparar as súas formas. É incrible, pero non hai dous soldados iguais. É o que vimos ata agora pero hai que ampliar a mostra.
Outra fronte aberta é o estudo do ferro que se atopou alí. Ata o de agora atopáranse armas de bronce, decenas de miles de armas de bronce, pero tamén atopamos algunhas de ferro que estamos estudando. Outros estudos céntranse no ouro e na prata que son moi singulares porque na China anterior ao primeiro emperador, a diferenza de Europa, non había moito interese por estes metais. O material de luxo era o xade. Queremos saber de onde veñen eses obxectos de ouro e en que medida se anotan outras ideas de occidente. Tamén hai estudos en curso sobre as cores dos guerreiros, que se veñen facendo dende hai moitas décadas, pero agora estamos tratando de darlle unha maior escala de cores. Incluso hai estudos que se centran nos outros obxectos e foxas que se están escavando noutras zonas do mausoleo e irán vendo a luz nos próximos anos.
NA China antiga pensábase que a vida continuaba despois da morte, pero baixo terra
—Por que o emperador se fixo enterrar con este enorme exército? Ten relación coa visión da morte na China antiga?
—Así é. A visión da morte na China antiga é un aspecto moi importante para entender que fai aí o exército de terracota. Antes do primeiro emperador, na China da Idade do Ferro, a xente pensaba que a vida continuaba despois da morte, pero críano dunha maneira moito máis natural e cotiá que a concepción cristiá da morte como algo que sucede no firmamento. Simplemente pensaban que a vida continuaba, pero baixo terra. Por iso o normal era que a xente se enterrase con todo aquelo que podían necesitar no máis alá. Levaban comida, recipientes, instrumentos musicais… E quen podía sacrificaba a súa familia, escravos e cabalos para levalos á tumba.
O primeiro emperador fixo o mesmo a unha escala brutal, pero cunha diferenza. Como enterrarse coa riqueza era moi pouco económico, houbo filósofos chineses como Confucio que trataron de promover que a xente se enterrarse con pezas de cerámica. É dicir, non hai que enterrarse cun cabalo ou unha campá de verdade, senón que podes levar un cabalo e unha campá de cerámica. Iso é precisamente o que vemos no mausoleo do primeiro emperador. É unha persoa que leva todo o que necesita para seguir gobernando eternamente, porque el pensaba que ía ser o gobernador universal. Por iso, el constrúe un palacio e ten alí as súas dependencias, as súas oficinas administrativas, a súa forma de recreo… E, por suposto, unha persoa que gañou tantísimos inimigos en vida tamén ten que levar un exército. A curiosidade está en que non sacrifica guerreiros nin súbditos, senón que os fai de cerámica. Porén, as armas son de verdade. No mausoleo temos esa transición de obxectos que son reais e obxectos que son de cerámica.
—De todos modos, non hai un único exército de terracota, senón que hai dous.
—Exacto. De feito, non só hai dous, senón que hai máis. A dinastía Qin foi a primeira dinastía imperial pero foi moi curta. Á morte do emperador houbo unha guerra civil e seguiuno a dinastía rival Han, que se estableceu initerrompidamente durante 400 anos. Aínda que era unha dinastía rival e critican o primeiro emperador, en moitas cousas imítano. Hai moitos emperadores Han que a pesar de todo o que desprezaban o emperador Qin sentían a envexa suficiente como para enterrarse cun exército de terracota. Son exércitos moito máis pequenos pero moi curiosos. En vez de facerlles a roupa con cerámica fixéronlla con la e fío. A día de hoxe, eses guerreiros aparecen espidos.
—A exposición da que é comisario no Museo Arqueolóxico de Alicante está a piques de rematar pero foi un éxito de público dende o comezo.
—Si, xa non queda nada. A verdade é que a acollida foi espectacular. Compráceme moito porque os comentarios que recibimos foron moi positivos, tanto dos visitantes de España, dos turistas que chegan a Alicante como da comunidade chinesa. Foi un risco, unha aventura pero á xente estalle gustando. Xa é con diferenza a exposición máis vista no Museo Arqueolóxico de Alicante. Creo que se achega aos 250.000 visitantes.
—Poderiamos ver unha exposición así en Galicia?
—Sería fantástico. Non está nas miñas mans pero Galicia ten os medios e a disposición. Non é unha decision que me corresponde e é certo que a loxística e os tempos requeridos para traer unha exposicion deste calibre son considerables, pero por suposto que é posible. Se hai vontade hai posibilidade. E se hai vontade, eu encantado de axudar e de ver os guerreiros en Galicia.