Un equipo español logra ‘potenciar’ as células inmunitarias fronte ao cancro

Investigadores da Universidad de Navarra conseguen modificar xeneticamente linfocitos T para que se adapten ao microambiente tumoral

Un equipo do Centro de Investigación Médica Aplicada (Cima) da Universidade de Navarra logra potenciar a función das células responsables de eliminar os tumores, os linfocitos tipo T. Mediante modificación xenética, obtiveron unhas células capaces de adaptarse ao adverso microambiente do tumor e mellorar a súa actividade proliferativa e antitumoral. Con esta estratexia de terapia celular, conseguiron atrasar o crecemento da enfermidade e aumentar a supervivencia en ratos con melanoma e hepatocarcinoma. Así o recolle o seu estudo, publicado na revista Oncoimmunology.

Que é o microambiente tumoral?

O microambiente tumoral é unha contorna complexa e cambiante na que as células malignas conviven coas células inmunitarias. Está caracterizado por ser un ambiente ácido, cun pH moi baixo. “Cando baixa o pH, os linfocitos acidifícanse e ‘apáganse’, non son capaces de exercer a súa función. Entón, fixámonos que algunhas células tumorais si sobreviven nese ambiente porque expresan unhas proteínas que lles permiten modular o seu pH intracelular, conseguindo unha vantaxe sobre os linfocitos”, apunta Juan José Lasarte, director do Programa de Inmunoloxía e Inmunoterapia do Cima. “Analizando este concepto buscamos a maneira de modular o pH dos linfocitos para que non se acidificasen e así aumentar a súa capacidade proliferativa”, engade.

Publicidade

Nova estratexia para mellorar a inmunoterapia actual

A terapia celular adoptiva é un tipo de inmunoterapia baseada en administrar linfocitos T ao paciente para axudarlle a combater a súa enfermidade. Trátase dunha terapia de medicina personalizada, xa que se extraen as células T do propio paciente, multiplícanse no laboratorio e vólvense a infundir nel. En ocasións, estas células modifícanse no laboratorio para mellorar a súa capacidade de recoñecer o tumor e destruílo, como é o caso das células CAR-T. Outra terapia celular adoptiva é a terapia con linfocitos infiltrantes de tumor, células inmunitarias que se atopan de forma natural no tumor do paciente.

Na actualidade están a ensaiarse terapias experimentais para tratar de neutralizar o pH ácido do tumor, pero estes tratamentos afectan a todo o corpo, non sendo moi eficaces. “Na nosa investigación buscamos unha alternativa máis focalizada e centrámonos en mellorar as células inmunitarias para que puidesen sobrevivir no ácido ambiente tumoral”, asegura Lasarte.

Publicidade

En concreto, apunta Flor Navarro, investigadora do Cima e primeira autora do estudo: “No laboratorio modificamos xeneticamente os linfocitos T engadindo á súa membrana uns ‘trasportadores’ que as capacita para expulsar do seu interior os protóns que se infiltraban desde o medio tumoral e causaban a súa acidificación. Con esta modificación, conseguimos que o linfocito non ‘se apague’ nese medio ácido adverso e poida exercer a súa actividade antitumoral”.

O traballo realizouse en estudos in vitro e in vivo en ratos con melanoma e hepatocarcinoma. Empregando diversas estratexias de inmunoterapia, lograron “atrasar significativamente o crecemento do tumor e aumentar a súa supervivencia”, confirma Navarro. “Actualmente hai en marcha ensaios clínicos con CAR-T para o tratamento do hepatocarcinoma. Coa nosa investigación comprobamos que poderiamos potenciar esa terapia CAR-T dispoñible co noso ‘trasportador’. Así, os resultados deste traballo suxiren que superar ‘a barreira’ da acidez do pH do ambiente tumoral con linfocitos T modificados co ‘trasportador’, podería potenciar a eficacia das inmunoterapias combinadas que existen”, apunta a investigadora.


Referencia: Overcoming T cell dysfunction in acidic pH to enhance adoptive T cell transfer immunotherapy (Publicado en Oncoimmunology)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A nova Unidade Mixta da USC avanzará en anticorpos terapéuticos para cancro e doenzas inflamatorias

A iniciativa reúne persoal investigador do CiMUS e a biotecnolóxica SunRock Biopharma para impulsar tratamentos biolóxicos de precisión

Cancro en Galicia: o 36% dos homes e o 25% das mulleres serán diagnosticados antes dos 75 anos

A última actualización do Rexistro Galego de Tumores revela que se detectaron máis de 17.000 en 2023, e sitúa os de próstata e mama como os máis frecuentes

O cribado de cancro de mama reduce á metade as mastectomías necesarias en 20 anos

O programa está destinado a mulleres de entre 50 e 64 anos e busca mellorar a detección temperá da enfermidade

Unha nova Unidade Mixta da USC impulsa terapias innovadoras en cancro e enfermidades inflamatorias

A colaboración con SunRock Biopharma integra grupos do CiMUS para validar candidatos terapéuticos en fases temperás