Dende alzhéimer ata cancro: estes son os ensaios clínicos máis esperanzadores de 2023

A revista 'Nature' consulta a 11 expertos de diferentes áreas da medicina cales son os estudos máis prometedores do vindeiro ano

A revista 'Nature' selecciona os 11 ensaios clínicos máis prometedores de 2023.
A revista 'Nature' selecciona os 11 ensaios clínicos máis prometedores de 2023.

Os propósitos de Ano novo non só son unha cuestión persoal senón que poden estenderse a outras áreas e converterse en algo universal. Algo así acaba de facer a revista Nature, que consultou a 11 expertos de diferentes disciplinas da medicina para que elixisen os ensaios clínicos máis prometedores de 2023. A lista sementa esperanza na ciencia ao incluír avanzados estudos sobre alzhéimer, párkinson e cancros de colo de útero e próstata, entre outras doenzas. Esta escolla demostra que a medicina está volvendo progresivamente á vella normalidade despois do impacto da pandemia causada polo SARS-CoV-2. “O 2023 promete traer moitas novidades”, din fontes de Nature, que fan fincapé no impacto da covid nos ensaios clínicos, repercutindo dende a selección de pacientes ata as cadeas de subministro.

O artigo de Nature que recompila os avances médicos máis esperanzadores de 2023, asinado por Carrie Arnold e Paul Webster, trae boas noticias. Aquí facemos un resumo dos achados máis prometedores:

Un medicamento contra a diabetes para tratar o párkinson

O neurólogo Roger Albin, tamén investigador da Universidade de Michigan, escolle un ensaio en fase III que comprobará se a exenatida —un fármaco que se emprega actualmente para tratar a diabetes— é efectivo contra o párkinson. “Tería a gran vantaxe de ser un medicamento reutilizado que xa se usa amplamente en pacientes maiores”, explica o experto. Por tanto, se o resultado do ensaio fose positivo o medicamento podería comezar a aplicarse relativamente rápido á práctica clínica.

CRISPR-Cas9 contra a distrofia muscular

“As distrofias musculares son un grupo dunhas 50 enfermidades diferentes que levan a mozos e nenos a perder a capacidade de andar ou respirar, e próstranos nunha cadeira de rodas nun par de anos”, explica Simone Spuler, experta en mioloxía. O ensaio clínico bASKet, que se levará a cabo a mediados de ano, é un dos avances máis prometedores para esta profesora asociada ao Centro de Investigación Experimental e Clínica de Berlín. “Estamos traballando con células nai musculares modificadas capaces de reconstruír os músculos”, indica. Segundo continúa explicando, estas células son as únicas capaces de rexeneralos. As células nai dos pacientes que presentan unha distrofia muscular xenética portan mutacións que agora poden corrixirse co CRISPR-Cas 9 e outras ferramentas. Para iso, inxectaranlle aos pacientes as células modificadas e comprobarán uns meses despois se se creou un músculo novo.

Cribado de cancro de colo uterino entre as vacinadas

Outro dos ensaios clínicos sobre os que hai que poñer a atención este ano é COMPASS. Así o expón Karen Canfell, presidenta do Comité de Detección e Inmunización do Cancro do Consello do Cancro de Australia. Este ensaio é importante, segundo explica a experta, por ser o primeiro que avaliará o cribado primario do virus do papiloma humano (VPH) nunha poboación moi vacinada, posto que as primeiras vacinas contra este pátoxeno comezáronse a administrar hai 15 anos. Esta inxección protexe ás mulleres contra o cancro de colo uterino e xa integra o calendario de vacinación dunha parte dos países do mundo, como España. “A medida que pasa o tempo, máis mulleres que foron vacinadas de nenas cumpren os requisitos para someterse ao cribado do cancro de colo uterino, e é importante coñecer os enfoques de cribado máis eficaces nunha poboación vacinada”, apunta Canfell.

A dieta mediterránea para adelgazar

O catedrático de Nutrición da Universidade Rovira i Virgili Jordi Salas Salvadó aposta por levar a cabo un ensaio clínico baseado na dieta mediterránea tradicional. O obxectivo é que pacientes adultos con sobrepeso e obesidade consigan adelgazar a través dun programa intensivo de intervención no estilo de vida. Os cambios que se produzan, segundo cre o investigador, poderán ter un efecto beneficioso sobre a morbilidade e a mortalidade asociada ás doenzas cardiovasculares. Esta iniciativa débese, tal e como traslada Salvadó, a que “ningún estudo demostrou que a perda e o mantemento do peso mediante unha dieta saudable de baixo valor enerxético e actividade física diminúan o risco de enfermidade cardiovascular en persoas con sobrepeso e obesidade”.

Tratamento seguro contra a enfermidade do sono

Outro dos puntos fortes deste ano é un novo medicamento para tratar a enfermidade do sono, que provoca graves trastornos psiquiátricos e se transmite a través da picadura da mosca tse-tse. Hai dúas variantes desta doenza: unha delas provócaa o parasito Trypanosoma brucei gambiense e outra o Trypanosoma brucei rhodesiense. Para tratar a primeira emprégase o fexinidazol dende o 2018 pero para a segunda séguese a empregar o melarsoprol, un derivado do arsénico tan tóxico que mata ao 5% dos pacientes. Agora, un ensaio clínico levado a cabo pola iniciativa Medicamentos para Enfermidades Esquecidas trata de comprobar se o fexinidazol tamén se pode utilizar para tratar a variante causada polo Trypanosoma brucei rhodesiense. “Os resultados completos presentaranse á Axencia Europea do Medicamento en 2023 e esperamos obter un ditame favorable”, di o xefe do proxecto, Olaf Valverde.

Células tumorais circulantes

O equipo liderado por Nicola Aceto, investigador de oncoloxía molecular no ETH Zurich, centra os seus estudos na metástase. Hai pouco descubriron que este proceso —responsable dun 90% das mortes de quen o padece— está impulsado por grupos de células tumorais circulantes (CTC). O achado puxo en dúbida a teoría máis asentada ata o momento, que defendía que a metástase se producía célula a célula e non en agregados celulares que parten do tumor existente e viaxan polo torrente sanguíneo. A partir de aí estudaron mostras de sangue de pacientes en modelos animais para identificar grupos de CTC.

Aceto explica que hai fármacos como a digoxina que conseguen frear a metástase en modelos preclínicos. “Agora puxemos en marcha un pequeno ensaio de fase I como proba deste mecanismo. Analizamos o sangue de pacientes con cancro de mama metastásico avanzando e cando atopamos grupos de CTC administramos o fármaco ás pacientes durante tres semanas”, expón o investigador. Se o ensaio ten éxito, esperan poder xerar moléculas melloradas que logren a disolución completa dos grupos de CTC. “O noso próximo e ambicioso obxectivo é crear unha nova modalidade de tratamento do cancro que bloquee a súa propagación”, conclúe Aceto.

Un novo fármaco contra o alzhéimer

O catedrático de Neuroloxía da Universidade de Emory Allan Levey pon as súas esperanzas nos resultados dun ensaio en fase III do fármaco lecanemab, que mostran unha redución significativa da progresión clínica do alzhéimer. Ao parecer, os datos preliminares indican que a súa seguridade é maior que calquera outro medicamento aprobado aínda que se produciran algúns acontecementos adversos. De todas formas, Levey espera que se publiquen máis informacións e análises durante o 2023 que expliquen cal é a magnitude e a duración dos beneficios, así como unha forma de administración máis accesible.

Vacinación contra a covid en persoas con VIH

A presidenta e directora xeral do Consello de Investigación Médica de Sudáfrica, Glenda Gray, pon o foco nun ensaio clínico que se iniciou en decembro de 2021 con preto de 14.500 participantes en oito países da África subsahariana. O obxectivo é valorar a eficacia dunha vacina de ARN mensaxeiro contra a covid e producida por Moderna en persoas infectadas polos virus da inmunodeficiencia humana (VIH) ou con outras comorbilidades. “Existe unha necesidade urxente de caracterizar a infección e a eliminación do virus en persoas inmunodeprimidas”, xustifica a experta. Prevese que os resultados do ensaio se publiquen en 2023 e que tamén sirvan para determinar se as persoas que xa pasaron a covid precisan de doses de reforzo.

Edición xenética contra un tipo de anemia

Outros resultados esperados para este 2023 son os dun ensaio clínico contra a anemia falciforme a través da edición xenética. O estudo avalía a seguridade e eficacia dun tipo de células nai modificadas con CRISPR-Cas9 que se administraron aos participantes a través dun catéter venoso. O principal resultado de interese sería que os pacientes non experimentaran ningunha crise durante 12 meses consecutivos. “Máis alá disto, estamos desexando ver o primeiro ensaio clínico da ‘reescritura de xenes’. É dicir, a corrección de mutacións xenéticas mediante a introdución de secuencias máis longas, algo que aínda non se logrou clinicamente”, expón Luigi Naldini, catedrático de Bioloxía Celular e Tisular da Facultade de Medicina da Universidade San Raffaele.

Reducir os danos do cribado de cancro de próstata

Anssi Auvinen, catedrático de Ciencias da Saúde da Universidade de Tampere, asegura que a proba do marcador PSA é conflitiva, posto que permite detectar o cancro de páncreas a costa de tratar tumores con pouca ameaza para a saúde. O seu obxectivo é detectar unicamente o cancro agresivo e clinicamente relevante, minimizando o tempo de diagnóstico daqueles tumores que non progresarían aínda que se detectaran ou trataran. Un ensaio anterior mostrou beneficios comparables a outros programas de cribado, que permitirían reducir os danos e tamén o sobrediagnóstico e as biopsias innecesarias.

Un fármaco contra o cancro de ovario

O director científico de US Oncology Research, Robert L. Coleman, pon a súa confianza no fármaco mirvetuximab soravtansina, que recibiu a aprobación da Adiministración de Alimentos e Medicamentos dos Estados Unidos en novembro. A súa aceptación baseouse nun ensaio no que participaron 106 pacientes con cancro de ovario platino resistente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.