“A ciencia exoplanetaria axuda a comprender o excepcional que é a vida na Terra”

A astrofísica galega Minia Manteiga comparte cartel con Mariano Barbacid nun encontro no CERN de investigadores europeos

A investigadora do CITIC Minia Manteiga.

Minia Manteiga (Negreira, 1963) coñece o que significa ficar fóra da casa. Como investigadora en astrofísica percorreu moitas das instalacións máis punteiras de España neste eido, como o Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC-CSIC) ou o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA), en Madrid. Estancias postdoctorales no estranxeiro, congresos ao outro lado do “globo”… A ciencia esixe moitas veces o desarraigamento. Por iso, a Asociación de Científicos Españoles en Suíza (ACECH) busca sempre a maneira de manter o contacto entre investigadores que se atopan nunha mesma situación vital, compartindo experiencias, ilusións e medos. O vindeiro sábado o encontro entre os membros desta asociación terá lugar no Centro Europeo para a Investigación Nuclear (CERN), o famoso acelerador de partículas de Xenebra. Nunha contorna privilexiada, a investigadora do CITIC falará da súa ciencia xunto ao oncólogo molecular Mariano Barbacid (CNIO). O tema central da charla de Manteiga? O estudo dos planetas que se atopan fóra do noso Sistema Solar. 

—O CERN como escenario para falar do cosmos ten o seu sentido, mais… O cancro? Cal é o verdadeiro obxectivo deste encontro? 

—Esta asociación de investigadores no estranxeiro, concretamente en Suíza, Italia e Francia, propón sempre actividades en común con tódolos socios. As actividades adoitan ser culturais, e o obxectivo é potenciar o contacto entre os membros. Nesta ocasión , ademais das charlas que impartimos Mariano e eu, farase unha visita guiada polas instalacións do CERN e haberá unha mesa redonda na cal falaremos da política científica. Ao final do día teremos unha cea coa embaixadora de España en Suiza xa que o CERN está en Xenebra. 

—Como científica que tivo que vivir no estranxeiro, que supoñen estes encontros entre investigadores que están lonxe do seu fogar?

—Eu vivín en Italia dous anos. Normalmente tes algúns contactos de xente do teu país, e apetéceche moito falar con eles porque cando un chega a un país novo tense que adaptar a unha nova cultura, mais non é tan sinxelo. Por iso penso que iniciativas coma esta son moi positivas para axudar á xente a sentirse mellor. O sentirse parte dunha comunidade é moi importante, e poder gardar o contacto con xente que aínda que traballe en áreas da ciencia moi diferentes pode entender as túas experiencias, compartir as dificultades da vida cotiá ou da xestión académica… É valioso. As inquietudes que podemos ter son semellantes, estamos fóra do noso país para facer ciencia. A ciencia hoxe en día é multidisciplinar, co cal poden saír ideas ou colaboracións moi interesantes, por iso considero que é algo moi gratificante a nivel humano, mais tamén científico. 

“Podemos estar perdendo investigadores moi válidos que non poden pasar unha etapa postdoutoral fóra do país”

—Esta diáspora tan recoñecida no mundo da investigación, é unha condición sine qua non da ciencia ou podemos tentar atopar outro modelo?

—Hoxe en día é case obrigatorio para a xente que se quere adicar á ciencia en España pasar unha etapa postdoutoral fóra do país. As circunstancias de moita xente non lles permiten moitas veces facer estas estancias. Estase pedindo un esforzo persoal, e moitas veces pode ser duro. Como norma xeral é algo positivo e enriquecedor poder ver a forma de traballar noutros países que non están suxeitos á nosa burocracia e que teñen outros tempos para facer ciencia máis relaxados, mais converter esta experiencia nun requisito ineludible é moi complicado. Podemos estar perdendo xente moi válida que non se pode estabilizar porque non segue a carreira científica estándar. 

—No encontro falará da búsqueda e estudo de exoplanetas, planetas que se atopan orbitando estrelas diferentes ao noso Sol. Cal é a situación actual desta rama da ciencia relativamente nova?

—Plantexarse se existen planetas similares ao noso, as posibilidades de atopar vida neles e incluso a posibilidade de atopar vida tecnoloxicamente adiantada e intelixente é algo que sempre interesou, non só aos científicos senón tamén ao público xeral. Neste eido da astrofísica estamos avanzando a pasos acelerados. Porén, sempre quixemos que as cousas se fixeran ben: non podemos pensar que por observar a atmosfera dun exoplaneta e atopar osíxeno ou metano isto ten que significar que estamos ante un planeta no cal pode haber vida, nin moito menos vida similar á que temos no noso planeta. 

“A posibilidade de atopar vida noutro planeta sempre interesou, e na astrofísica avanzamos a pasos acelerados” 

—Que é o que buscamos cando buscamos indicios de vida fóra da Terra?

—Nestes intres a técnica máis punteira na ciencia exoplanetaria é a procura de biomarcadores, signos que podemos atopar observando a luz reflectida pola atmosfera dun planeta e que nos falan da actividade que pode haber neste. A ciencia propuxo varios biomarcadores, como a presenza de ozono e de vapor de auga na atmosfera, ou que o planeta teña unha temperatura media que permita auga en estado líquido na súa superficie, mais  ningún destes trazos asegúranos completamente que poida haber vida. 

Cando estudamos á Terra coma se fose un exoplaneta, algo que xa fixo [o astrofísico e divulgador] Carl Sagan na década dos 90, vemos moitísima variedade de trazos no espectro da luz. Un deles é o que coñecemos como o bordo vermello da vexetación (vegetation red edge, orixinalmente en inglés). Atopar fóra do noso planeta este biomarcador, que nos dá información sobre como as plantas estarían reflectindo a parte vermella da luz debido á clorofila, xa sería algo case incuestionable sobre a posibilidade de vida. O importante é atopar varios destes biomarcadores á vez nun planeta que sexa de tipo terrestre coma o noso, que orbite ao redor dunha estrela tranquila similar ao Sol. Teríamos un candidato excelente para atopar vida, maís de aí a poder contactar cunha vida intelixente hai moito. As posibilidades son verdadeiramente pequenas. Sempre hai algo de ciencia e de ciencia ficción mais nós, dende a ciencia exoplanetaria, sempre tentamos ser o máis rigorosos posible e interpretar dun xeito correcto os datos.

Crisis ecolóxica

—Poden axudarnos a astrofísica e o coñecemento doutros planetas á hora de enfrontar a crisis ecolóxica e medioambiental na cal nos atopamos?

—Eu penso que si. Cando comparamos o noso planeta con outros planetas similares dentro do Sistema Solar, como Marte, que perdeu parte da súa atmosfera e ten temperaturas moi baixas na súa superficie pero que puido ter as condicións para albergar vida, vemos a importancia de manter a calidade da nosa propia atmosfera. Temos a sorte de que a vida mantense na Terra por un equilibrio moi delicado. Se estragamos este equilibrio aumentando, por exemplo, a temperatura, estamos forzando o sistema. Agora mesmo estamos mudando as condicións do noso planeta, e isto ten que facernos reflexionar. Todo ese equilibrio que tardou moitísimo tempo en establecerse podémolo destruír nun tempo moito máis pequeno. Penso que a ciencia exoplanetaria pode axudarnos a comprender e reflexionar sobre o excepcional que é a vida no noso planeta.

“Se comparas a Terra con Marte ves a importancia de manter a calidade da nosa atmósfera”

—Participa na misión Gaia da ESA (Axencia Espacial Europea), unha sonda que se lanzou no 2013 co obxectivo de cartografiar tridimensionalmente a nosa galaxia. Este verán a misión fixo público o mapa máis preciso da Vía Láctea ata o momento. Que supón este traballo? 

—Este terceiro arquivo de Gaia é un fito da astronomía. Dende o consorcio estamos orgullosísimos porque, por primeira vez, podemos ofrecer á comunidade científica un mapa moi preciso sobre os movementos no ceo e as distancias (paralaxes) de máis de mil millóns de estrelas. Grazas a esta misión temos moitísima información sobre o pasado da nosa galaxia, un pasado que non foi precisamente tranquilo. Sabemos que a Vía Láctea enguliu outras galaxias ao longo da súa formación porque, a día de hoxe, hai estrelas no disco da nosa galaxia cunha composición química e unha rotación diferentes. Sen dúbida o éxito de Gaia é que nos dá información sobre a posición exacta nas tres dimensións de moitas estrelas ás cales antes só podíamos chegar por métodos indirectos, e isto é algo monstruoso. 

—Os resultados de Gaia están dispoñibles tanto para a comunidade científica como para os afeccionados da astronomía. Que pensa vostede da ciencia en aberto e que pode achegar á ciencia a participación da cidadanía?

—A ciencia que facemos permitindo a centros punteiros de todo o mundo traballar con estes datos é de maior calidade, por iso penso que esta tendencia, que é nova, é moi positiva. Doutra banda, este tipo de proxectos dependen do financiamento público. Non somos un club privado, polo tanto é completamente normal que isto repercuta na cidadanía tamén. Na astronomía hai moita xente afeccionada que adica o seu tempo a traballar con datos e facer observacións, e poden achegar verdadeiramente moito aos investigadores. Neste sentido a ciencia en aberto é unha oportunidade marabillosa. 

“Temos a sorte de que a vida mantense na Terra por un equilibrio moi delicado, pero estamos forzando o sistema”

—En 2018 converteuse na primeira muller catedrática en Astrofísica en Galicia. No 2020, na primeira muller na sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC). O logro persoal é innegable mais, con todo, esconde unha realidade crítica. Como normalizamos a presenza da muller na ciencia?

—Temos que fomentar a presenza da muller non só na ciencia senón tamén nos espazos altos da ciencia. É complicado, hai moita inercia. Moitas veces temos asumido un traballo familiar como propio e exclusivo, e isto tamén o temos que mudar. Temos unha sociedade que evidentemente está evolucionando, e isto vai chegar a tódolos ámbitos da vida, sen dúbida. As mulleres que acadamos certa posición no eido académico temos un papel decisivo para mudar estas estruturas. Moitas veces dános mágoa pensar que só nos invitan a determinados eventos polo noso xénero, máis temos que ser conscientes de que estamos cumprindo cunha labor social que é necesario facer ver. 

Eu levo na Universidade da Coruña 22 anos. Propuxen ser directora do meu departamento. A outra persoa que se presentaba e máis eu ficamos empatados mais, segundo a normativa da UDC, nun caso así gaña a persoa con máis antigüidade. A outra persoa, que finalmente gañou, era un home cunha categoría académica menor á miña. A pesar de que a normativa clama e fala de cambios, o certo é que tras dous anos isto segue igual porque non se considera prioritario. Por iso penso que dende as oficinas de igualdade e dende estas institucións teñen un deber esquecido que cumprir, mudando estas normativas e motivando a nosa presenza nestes cargos. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.