O mapa de 1603 que describiu Galicia e o carácter dos galegos

Os galegos viven nun país rico e o seu temperamento non é "nin frío nin quente", narra esta obra da escola de Abraham Ortelius

Un país rico, un reino que foi “moito maior que agora” e habitado polos galegos, que gozan dun temperamento “nin frío nin quente”. Así definía en 1603 a Galicia o autor deste espectacular mapa, deseñado por Johannes Baptista Vrints, discípulo do xeógrafo Abraham Ortelius, un dos pais da cartografía moderna.

O mapa, que atopamos no arquivo do Instituto Xeográfico Nacional, destaca pola súa calidade nunha data temperá para a cartografía. Dedicado ao Conde de Lemos, Pedro Fernández de Andrade, está trazado baseándose no meridiano con orixe na illa de El Hierro, nas Illas Canarias.

Publicidade

A Coruña aparece cunha representación da Torre de Hércules en 1603.

Na parte dereita, dous anxelotes sosteñen o escudo do reino de Galicia. E, abaixo, vemos a sinatura: “Ioannes Baptista Vrints, aemulus studii geographiae; D. Abrahami Ortelli, P.M. Cosmog. Regii, Excudit”.

O mapa recolle os ríos de Galicia, perfectamente trazados. Tamén, as principais vilas e cidades da época, con adornos ben debuxados como a Torre de Hércules na Coruña, varios muiños e dous galeóns e un peixe fantástico na parte do mar. A toponimia está en castelán, pero inclúe tamén a das vilas portuguesas no outro lado da raia.

Publicidade

Johannes Baptista Vrints engadiu este mapa á obra magna Theatrum Orbis Terrarum, de Abraham Ortelius (1527-1598), quen foi comerciante, editor, historiador, cartógrafo e cosmógrafo real do rei Felipe II. Ortelius é o pai da idea moderna de atlas xeográfico, aínda que el mesmo descoñecía a palabra “atlas” que se utilizou por primeira vez en 1595, na segunda edición do Atlas de Mercator.

Compostela aparece coa súa catedral.

Pero, á calidade gráfica do mapa, engádese o interese dos seus textos. Como é o caso da descrición que fai do reino de Galicia: “Abunda de carnes este reino e de todo xénero de caza, de moito e moi bo peixe, así de mar como de ríos, de que prové á meirande parte de España”, afirma o autor.

O mapa está dedicado ao Conde de Lemos, e Monforte aparece destacado.

Galicia “ten grande abundancia de augas frías e quentes que chaman ‘baños’, moito viño e do mellor que se atopa en toda Europa, particularmente o de Ourense, e Ribadavia, do cal se fornecen moitas provincias do Reino”.

Nesta descrición de 1603, o autor salienta tamén que Galicia “ten moitas o moi boas froitas, limas e laranxas de todo xénero, seda e moito liño, moitos minerais de ouro, prata, ferro etc.. e algunhas canteiras de mármore”.

Pero o mellor chega no remate da cartela, na que define aos galegos dun xeito que semella un estereotipo mantido durante séculos: “O seu temperamento, nin frío nin quente”.

Aquí podes ver en gran formato o mapa de Galicia de 1603 de Johannes Baptista Vrints, conservado no Instituto Xeográfico Nacional

2 COMENTÁRIOS

  1. Hoxe e día dos Santos inocentes e non seu se me está gastando unha broma. Cando fala de temperamento dame que refirese ás temperaturas de Galicia non o temperamento dos galegos…

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto galego crea ferramentas para detectar a sarcopenia a partir de imaxes radiolóxicas lumbares

Unha iniciativa do IIS Galicia Sur analiza datos clínicos con IA para extraer biomarcadores arredor dunha enfermidade ligada ao envellecemento e o sedentarismo

Do bloqueo anticiclónico ao aire norteafricano: por que Galicia supera os 38 graos ás portas do outono

O alivio térmico podería chegar a partir do venres pero non se prevén chuvias no que queda de setembro

Laura Castro, Premio Nacional de Investigación: “A eólica mariña podería facernos enerxeticamente independentes”

A catedrática da UDC participa tres proxectos sobre enerxías renovables e defende o potencial de Galicia para desenvolver sistemas flotantes no mar

Volven as G-Night: máis de 150 actividades científicas nas rúas das sete cidades galegas

Máis de 500 investigadores achegar experimentos, obradoiros e demostracións a públicos de todas as idades o 25 de setembro