Luns 29 Abril 2024

Así se ven desde o aire os cantís máis altos da serra da Capelada

O proxecto XeoClip publica un novo vídeo da costa de Ortegal, unha das zonas máis salientables do litoral galego en canto á xeoloxía

Se as imaxes xa son abraiantes a pé de cantil para os visitantes, este vídeo pode deixar sen alento. O proxecto XeoClip difundiu esta semana o seu novo vídeo, no que amosa varios dos lugares máis destacados da Serra da Capelada, no norte da provincia da Coruña, onde se atopan os cantís máis altos da Europa continental na zona de Vixía Herbeira, con 612 metros que caen directamente ao mar, e a zona do cabo Ortegal, tamén salientable polo seu interese xeolóxico que o levou a impulsar o proxecto de xeoparque da Unesco.

Tal e como se explica no vídeo, nesta costa da Capelada, a escasos quilómetros do cabo Ortegal, “perduran os restos da sutura por onde rachou o gran continente Panxea hai 200 millóns de anos, separando por primeira vez os futuros continentes de Europa e América e deixando fluír por vez primeira o incipiente Océano Atlántico”.

Publicidade

Nas proximidades do cabo, no municipio de Cariño, poden observarse enormes aguillóns de grandes dimensións que sobresaen do mar e que están formados por rochas de ecloxita, vestixio da antiga liña de costa, antes moito máis adiantada.

Nas inmediacións do cabo poden albiscarse, do mesmo xeito, cantís con rochas básicas e ultrabásicas, que proceden do manto. Ditas rochas asomaron á superficie debido aos tremendos esforzos tectónicos aos que estivo sometida esta zona e sufriron metamorfismo durante a Oroxenia Varisca, hai uns 380 millóns de anos.

Nesta zona, continuando á beira do mar polos cantís, a zona de Vixía Herbeira amosa enormes derrubamentos e deslizamentos de ladeira. Tamén se atopa neste enclave a praia de Teixidelo, a única praia de area negra de orixe non volcánica. Moi preto de alí, o vídeo amosa tamén as illas Gabeiras e o coído próximo a Santo André de Teixido, con regatos e pequenas fervenzas que buscan o seu camiño cara ao mar.

O equipo de XeoClip está composto por Alberto Fortes Novoa, Fernanda Moltó Roibal, Rocío Romar Roel e Xacobo de Toro Cacharrón, e neste vídeo da Capelada contou coa achega de imaxes tomadas por Martín Montero e Pablo Fernández Ramil.

Ruta nas praias negras de Ortegal: un paseo de millóns de anos

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Serra da Capelada, un glaciar da última Idade do Xeo

O traballo do catedrático e investigador da USC Augusto Pérez-Alberti analiza a súa configuración xeomorfolóxica e a paisaxe

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos
00:03:09

As patacas teñen lingua propia: o vídeo dunha galega finalista nun certame de divulgación

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia Lucía Martín Cacheda presenta unha peza audiovidual sobre a comunicación química das plantas

A eternidade por fin comeza un luns

Artigo gañador da VI edición do IGFAE C3, o concurso de comunicación científica do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías