Xoves 25 Abril 2024

López de Guadalupe, un médico galego de reis e papas no século XV

Nado en Castro Caldelas en 1475, chegou a ser galeno persoal de Isabel A Católica e do emperador Carlos V

Foi médico persoal da raíña Isabel A Católica e, máis tarde, do seu neto: o emperador Carlos V. Desde Castro Caldelas (Ourense), onde naceu en 1475, o doutor xudeu Antonio López de Guadalupe chegou ao máis alto da sociedade europea, converténdose nun afamado cirurxián que tamén atendeu ao papa  Adriano VI e cuxos servizos lle permitiron acceder á nobreza e librarse da ameaza da Inquisición.

A familia de López de Guadalupe tiña tamén conexións con Monforte de Lemos, cunha longa tradición dedicada á medicina. Non en balde, Antonio foi enviado a estudar xunto ao seu irmán Paulo á Universidade de Salamanca, tras o que se instalou a exercer a súa profesión en Ourense, con tanto éxito que a súa sona chegou a oídos dos reis católicos, quen segundo o investigador Felipe Aira Pardo mándano chamar xunto ao seu irmán Paulo “para que se instalen na corte real, ao servizo directo dos membros da monarquía española”.

Publicidade

En 1516, á morte de Fernando de Aragón, o seu neto Carlos chega ao trono. E o futuro emperador Carlos V decontado incorpora como cirurxián a López de Guadalupe pola súa boa fama. Con esta decisión, leva ao médico galego consigo en todas as súas viaxes, de xeito que percorre Italia, Países Baixos ou Alemaña, sempre no círculo máis estreito de Carlos de  Gante.

O papa Adrián VI.

Máis tarde, o propio papa Adriano VI reclama os seus servizos, tras pedirllo como favor persoal ao propio Carlos V. Non hai que esquecer que este pontífice era  Adriano de Utrecht, quen fora  preceptor persoal do propio emperador durante a súa infancia e primeira mocidade. Alcumado o ‘pontífice bárbaro’, quería reformar a igrexa e volver ás esencias do pensamento cristián, incluso abandonando a luxosa sede do Vaticano. Foi tamén o último papa non italiano ata a elección de Xoán Paulo II en 1978. E o único da era moderna que conservou o seu nome de pila xunto ao seu coetáneo Marcelo II, outro papa revolucionario que apenas durou tres semanas no posto antes de morrer cando tentaba facer unha Roma máis austera.

Así que, con este revolucionario  Adriano VI tivo que traballar como médico o galego López de Guadalupe, nunha época na que o envelenamento tiña a consideración de práctica política bastante común. Non hai constancia de que así sucedese con este pontífice, aínda que López de Guadalupe atendeuno ata a súa morte no seu curto pontificado, de 1522 a 1523.

Tras este servizo, Carlos V recupérao para a súa corte e premia os servizos dos irmáns Paulo e Antonio, que nunha decisión inusual para a época son declarados nobres, exentos de toda mácula e de sambenito, autorizados a usar escudo de armas e alternar entre o máis escollido dos cabaleiros. O emperador elixe o mesmo día da súa coroación en Boloña, o 24 de febreiro de 1530, para declaralos nobres, unha proba máis do respecto e apego que ostentaba cara estes galegos de sangue hebreo.

Lembremos que estamos nun momento moi complicado para os chamados ‘conversos’ ou ‘cristiáns novos’. Calquera pasado relacionado co xudaísmo era  escrutado pola Inquisición, que perseguía especialmente calquera conversión en falso. Os veciños estaban sempre dispostos a denunciar a quen descansaba en sábado ou non comían touciño de porco. Pero o certo é que boa parte da cultura e da ciencia descansaba na comunidade hebrea, que xa fora a máis importante en materia de medicina tamén durante o califato Omeya de Córdoba.

Así que a mercé concedida por Carlos V deu unha nova vida á familia dos Guadalupe, que logo prosperaron en Monforte de Lemos, asumindo distintos cargos locais nas xeracións sucesivas.

Castelo de Castro Caldelas.

A resolución imperial consérvase no Arquivo de Valladolid: “Estando o Emperador Carlos en Boloña, dioles carta de privilexio de nobres e cabaleiros: […] a  vos Antonio de Guadalupe […] que fostes Zirujano maior do Papa  Adriano VI […] e da Raíña  Serenísima Dona Isabel, e atendestes a nós con toda dilixencia ansí en España como en Italia, e na terra e no mar […] criámosche cabaleiro nobre […] e honramos a ti […] e a Paulo de Santa Cruz, médico, o teu irmán […] e descendentes desde agora para sempre”.

De regreso a Ourense, os irmáns Antonio e Paulo López de Guadalupe viviron na cidade das Burgas ata a súa morte, cuxa data se descoñece. A familia Guadalupe continuou a ser unha influente dinastía, que emparentou cos Nóvoa, Puga ou Araújo.

José Ramón Ónega, na súa obra “Os xudeus no Reino de Galicia”, afirma: “Os doutores Guadalupe alcanzaron longa vida, e ao seu falecemento quedaron fillos e herdeiros, e os seus netos aparecen solicitando información para carta de nobreza ante o corrixidor de Ourense o ano de 1587”.

Coa súa ‘limpeza de sangue’ acreditada por todo un emperador, o seu prestixio como médicos reportoulles novas perspectivas. E tamén intensas vivencias dacabalo entre os séculos  XIV e  XV, exercendo a medicina entre reis e papas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Volven as Líridas: como ver esta chuvia de estrelas dende Galicia

O fenómeno astronómico, que se poderá ver ata o xoves 25 de abril, será pouco visible a causa da lúa chea