Imaxes das escavacións dos socalcos en Vilachá de Salvadur. Foto: Adegas da Memoria.
Imaxes das escavacións dos socalcos en Vilachá de Salvadur. Foto: Adegas da Memoria.

A orixe dos socalcos da Ribeira Sacra sitúase no século X, segundo novos achados

Unha investigación encargada pola Xunta e desenvolvida polo CSIC en Vilachá (A Pobra do Brollón) obtén relevantes datacións vinculadas á viticultura

Alén do mito que sitúa a orixe da viticultura na Ribeira Sacra nos tempos da romanización, existen poucas evidencias científicas dos primeiros socalcos (tamén coñecidos como terrazas, ou pataos, na fala da zona) erixidos nas espectaculares pendentes que caen sobre o Miño e o Sil. Mais as investigacións realizadas nos últimos anos en enclaves como o xacemento dos conventos, en Vilachá de Salvadur (A Pobra do Brollón), están a botar luz sobre a orixe desta forma de cultivo. Este mércores, nunha rolda de prensa, presentáronse as primeiras datacións do traballo que desde hai anos veñen realizando edafólogos e arqueólogos na zona, e que sitúan a orixe máis antiga na contorna do século X, o que completa a visión sobre a evolución histórica desta paisaxe vitícola.

Segundo estes novos achados, as cronoloxías vincúlanse á época altomedieval, o que constata que o proceso de construción de terrazas remóntase a épocas previas ao establecemento da orde do Císter na zona. Os achados coinciden con investigacións previas realizadas polo Incipit, no que se observou a construción de socalcos na Alta Idade Media.

A edafóloga Cruz Ferro foi unha das investigadoras que analizou os socalcos dos Conventos. Foto: Adegas da Memoria.
A edafóloga Cruz Ferro foi unha das investigadoras que analizou os socalcos dos Conventos. Foto: Adegas da Memoria.

No caso de Vilachá de Salvadur, realizáronse un total de 110 mostras recollidas e repartidas en cinco sondaxes en cuxa distribución influíron criterios como que houbera catas preto e lonxe do río, distintos graos de pendente ou distancia do xacemento dos Conventos. O obxectivo era facer o mostrario o máis diverso posible para poder comprobar como foi crecendo en extensión a explotación agraria.

Ademais das datacións, na investigación, realizada no marco do proxecto Adegas da Memoria, acometéronse dúas campañas de escavación no xacemento de Os Conventos, un estudo etnográfico entre os veciños e o estudo da documentación medieval referente a esta parroquia ribeirá. Os dous achados máis reveladores desta escavación coinciden tamén no século X: un enterramento no que se localizaron restos humanos e unha lauda funeraria con inscrición. Ademais de coincidir no tempo coas datacións dos bancais, revelan un uso sacro dese espazo.

A caveira que pon luz na historia medieval da Ribeira Sacra

Destes achados dedúcese, por tanto, que o proceso de expansión na área proseguiu ao longo dos séculos. Analizando os datos das mostras, en diferentes estratos, revélase tamén que no século XIII hai unha intensificación na construción de socalcos para cultivo na ribeira de Vilachá. E no século XVI volve haber outro pico de intensidade na construción de bancais, algo que demostran estes estudos, que permiten realizar unha evolución histórica destes elementos.

Os traballos foron encargados pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, e realizados polo Instituto de Ciencias del Patrimonio del Consejo Superior de Investigaciones Científicas (Incipit-CSIC). Na presentación dos resultados deste mércores estiveron presentes dous dos investigadores do proxecto, a edafóloga Cruz Ferro (ICArEHB da Universidade de Algarve); e o director da escavación, arqueólogo Xurxo Ayán (Instituto de História Contemporânea da Universidade Nova de Lisboa). Tamén participaron no acto a directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, Mª del Carmen Martínez Insua, o director do Incipit-CSIC, Felipe Criado, e o alcalde Xosé Lois Maceda.

Segundo destacaron os presentes no acto, estes achados reforzan a singularidade da paisaxe da Ribeira Sacra, e axudarán a “reforzar” a candidatura da zona a Patrimonio Mundial da Unesco.

Na actualidade o lugar dos Conventos, xunto ás adegas tradicionais de Vilachá, configuran un recurso turístico “no que se pode coñecer a historia e catar o viño deste territorio dun xeito respectuoso e harmónico”, destacan desde o concello guímaro. Dentro do proxecto de Adegas da Memoria tamén é posible visitar Vilachá de xeito virtual a través dunha webserie homónima, da que se acaba de estrear a terceira tempada:

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.