Unha tese constata o uso do sistema de terrazas en Galicia ao comezo da Alta Idade Media

A investigación de Paula Ballesteros, do Incipit de Santiago, analizou restos no monte Gaiás de Santiago, as Illas Atlánticas, o Suído e parques eólicos

Estudo do sistema de terrazas realizado no monte Gaiás de Santiago de Compostela. Foto: Incipit-CSIC.
Estudo do sistema de terrazas realizado no monte Gaiás de Santiago de Compostela. Foto: Incipit-CSIC.

Boa parte da paisaxe agraria galega non se entende sen o sistema de terrazas, esencial para adaptarse aos desniveis na orografía. Unha tese doutoral, presentada a través de videoconferencia debido á situación causada polo coronavirus, e realizada pola investigadora Paula Ballesteros Arias (Marín, 1970) no Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit), centro dependente do CSIC con base en Santiago de Compostela, constata que a orixe deste sistema de terrazas en Galicia data dos primeiros séculos da Alta Idade Media, o que constitúe o inicio da transformación da paisaxe rural ata producir as características do sistema tradicional que aínda permanece en uso en moitas zonas deste territorio.

Publicidade

A novidade desta tese, segundo salienta o CSIC, radica, fundamentalmente, en tomar como obxecto de estudo a paisaxe agraria desde a práctica arqueolóxica e o traballo de campo etnográfico. Paula Ballesteros estableceu como obxectivo “coñecer a xenealoxía da paisaxe agraria en Galicia, a súa organización e significación social, xunto cos procesos de cambio constatados ao longo do tempo ata a actualidade”. Ademais, unha vez evidenciados os inicios construtivos desta paisaxe en época Altomedieval e considerándoo como unha construción cultural cun importante significado histórico e social de indubidable envergadura, a tese analiza como actualmente esta paisaxe agraria se abandona, mesmo se oculta baixo a demanda de novas prácticas asociadas ao turismo. A tese foi realizada na modalidade de compendio de artigos publicados en revistas científicas de impacto.

Estudo do sistema de terrazas realizado no monte Gaiás de Santiago de Compostela. Foto: Incipit-CSIC.
Estudo do sistema de terrazas realizado no monte Gaiás de Santiago de Compostela. Foto: Incipit-CSIC.

O estudo realizouse nos diferentes elementos da paisaxe agraria, desde as terrazas ata as pegadas da tecnoloxía agraria, que se analizan desde o punto de vista formal e cronolóxico, co obxectivo de ofrecer unha visión diacrónica sobre como se constrúe e fórmase esta paisaxe desde a Alta Idade Media. Entre os casos de estudo analízanse  diversos enclaves do territorio galego correspondentes a varios tipos de paisaxes (agrario medieval, comunitario  medieval, medieval en uso e naturalizado).

Terrazas e lugares estudados

Na Cidade da Cultura (Monte Gaiás, Santiago de  Compostela) emprazada nun espazo agrario en uso, conseguiuse situar no limiar da Alta Idade Media unhas terrazas de cultivo a través do método arqueolóxico e análise radiocarbónicos.

Na serra do Suído, entre Pontevedra e Ourense, seguiuse o método arqueolóxico e etnográfico para documentar unha paisaxe gandeira moi significativa actualmente en desuso.

Tamén se traballou nun lugar de Olveiroa (Dumbría, A Coruña), atravesado polo Camiño de Santiago, onde os procesos relacionados coa valorización do patrimonio serviron para reactivar a memoria colectiva e o vínculo de pertenza ao lugar. E na illa de Ons (Bueu, Pontevedra), acometeuse un estudo diacrónico de ocupación desde o Neolítico ata a actualidade, facendo fincapé na paisaxe agraria tradicional nun territorio orientado á conservación da natureza.

Paula Ballesteros, autora da tese. Foto: Incipit-CSIC.
Paula Ballesteros, autora da tese. Foto: Incipit-CSIC.

Paula Ballesteros realizou a investigación no marco de contratos de investigación no Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) baixo a dirección de Felipe Criado Boado e Cristina Sánchez Carretero, profesor de investigación e científica titular, respectivamente, do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) no citado instituto. A tese defendeuse recentemente online na Universidade do País Vasco e obtivo a máxima cualificación. A autora é licenciada en Xeografía e Historia pola Universidade Complutense de Madrid, coa especialidade en Antropoloxía de América. De 2007 a 2010 desenvolveu o seu labor no Laboratorio de Patrimonio, Paleoambiente e Paisaxe da Universidade de Santiago de Compostela e de 2010 a 2019 participou, como investigadora contratada, en diferentes proxectos liderados polo Incipit, entre os que figuran “Procesos de Patrimonialización no Camiño de Santiago de Compostela a Fisterra-Muxía”, “Procesos de cambio e formación na paisaxe cultural do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia”ou “Metodoloxías participativas para a elaboración de in inventario de patrimonio inmaterial”. Participou en máis de 40 proxectos arqueolóxicos e é autora dunhas 40 publicacións. Na actualidade, colabora co Incipit.

1 comentario

  1. “facendo incapié” ? Vaia maneira de castrapear 🙁 coidade a lingua por favor <3

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.