Mércores 17 Abril 2024

A caveira que pon luz na historia medieval da Ribeira Sacra

A datación duns osos do século X atopados en maio no xacemento dos Conventos de Vilachá (Pobra do Brollón) enriquece o coñecemento da zona

“De Vilachá estamos sacando unha lección moi importante: ás veces, a ciencia e o mito poden convivir e ser compatibles, e mesmo a ciencia lle acaba dando a razón á tradición”, resume Xurxo Ayán, arqueólogo da Universidade Nova de Lisboa que dirixe a investigación deste xacemento, a carón do Sil, e moi preto da Aldea de Vilachá de Salvadur (A Pobra do Brollón). Cóntao o día no que se anunciou a datación dos restos atopados en maio durante a primeira campaña de escavación no lugar coñecido como Os Conventos. As análises de Carbono-14, realizadas nun laboratorio de Miami, nos Estados Unidos, constataron que a caveira, a vértebra e os ósos longos humanos son do século X, unha época especialmente escura a nivel histórica, pero que recibe agora un raio de luz máis de mil anos despois.

Ósos atopados nos Conventos. Foto: Adegas da Memoria.
Ósos atopados nos Conventos. Foto: Adegas da Memoria.

Ayán fala do mito porque o propio nome do lugar, Os Conventos, remite a unha lenda transmitida durante moitas xeracións. Nunha paisaxe moi humanizada, chea de socalcos coas súas viñas, houbo un recinto que ninguén tocou durante séculos. “Os veciños de Vilachá sempre respectaron esta zona, porque a tradición falaba de que aí houbera un convento, e así quedou”, explica o investigador. Foi a través da propia veciñanza, no marco do proxecto etno-arqueolóxico Adegas da Memoria, como os investigadores viron que este lugar podería gardar algunha alfaia.

Publicidade

E así foi: ao revisar a documentación, constatouse un texto do século XI que falaba do mosteiro de San Martiño de Piñeira. Quedaba, por tanto, poñerse a escavar, e así se fixo en maio, cando ademais da caveira e os outros ósos, os arqueólogos atoparon en Vilachá cerámica dos séculos XII e XIII e unha moeda da época de Afonso X, o Sabio, dentro dun recinto erixido coa técnica da pedra seca. Porén, todo o que había neste lugar ía só dos séculos X ao XIV. Sábese que Os Conventos foron despois unha granxa, pero que no século XV xa era considerada como “unha granxa vella”, que no seu momento foi aproveitada pola orde do Císter. Deste xeito, os investigadores tiñan unha xanela aberta ao pasado, case única na Ribeira Sacra: “O feito de que se conservara este lugar permítenos acceder a unha paisaxe antiga fosilizada, en capas temporais que na gran maioría dos casos se destruíron co paso do tempo”, explica Ayán.

A caveira e o enterramento

O achado da caveira en maio sorprendeu aos investigadores, non só pola rareza de atopar restos que parecían tan antigos, nun contexto medieval, senón polo “anómalo” do enterramento, en palabras de Ayán. “É como se recolleran os cachos dunha persoa e a meteran nunha cista, e ademais nin tiña aspecto medieval nin concordaba cunha sepultura cristiá”. Ao confirmar a datación do século X, convértese nun achado “interesantísimo“, xa que se trata “dunha época na que os ritos cristiáns eran moi distintos aos de hoxe, e estaban ademais mesturados con elementos pagáns“, engade Xurxo Ayán.

Presentación dos resultados da datación, celebrada este venres na Pobra do Brollón.
Presentación dos resultados da datación, celebrada este venres na Pobra do Brollón.

Deste xeito, a cronoloxía marcada pola caveira e os ósos correspóndese co tempo dos eremitorios, construcións previas aos grandes mosteiros da Ribeira Sacra e marcados pola regra de San Fructuoso. Neste punto, o director do proxecto explica que esta datación completa unha secuencia que leva do edificio primitivo ao mosteiro de San Martiño de Piñeira e, posteriormente á granxa da época cisterciense.

Alén da relevancia científica, o achado reforza deste xeito a comprensión das orixes e evolución da paisaxe cultural da Ribeira Sacra e, en concreto, da zona de Vilachá. O proxecto de Adegas da Memoria está financiado polo Concello da Pobra e a propia asociación de veciños, coa colaboración do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC, segundo destacou na presentación dos resultados o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda.

Xunto ao rexedor, o coordinador do proxecto Adegas da Memoria, Xosé Gago, técnico de cultura e turismo do mesmo municipio, subliñou que estes traballos están abrindo “un camiño con base científica e contando coa implicación dos veciños e veciñas, que son realmente os que fan a Ribeira Sacra co seu traballo e esforzo diario”.

Porén, a historia dos Conventos non está pechada. Segundo adianta Xurxo Ayán, en maio de 2020 desenvolverase unha nova campaña de escavación. “Temos a certeza de que esta tumba non está soa, e se atopamos algo máis, poderemos saber moitas máis cousas sobre como vivía esta xente e como era a paisaxe na que se desenvolvían”, conclúe. No traballo participan máis de quince científicos de diversas ramas, entre as que tamén están a arqueóloga Sonia García, a edafóloga Cruz Ferro ou a antropóloga Candela Martínez.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Os excepcionais tecidos do castelo de Pambre: así vestían os galegos na Idade Media

A arqueóloga María Martín Seijo publica un novo estudo onde analiza a vida dunha tea desde a súa creación ata o seu abandono final

Máis do 90% das crías de pardela cincenta teñen plásticos no estómago

Un estudo en exemplares xuvenís de Canarias e Azores apunta a esta especie como un biomarcador de refugallos flotantes no Atlántico norte

Un hidroxel permite cultivar células neurais para reparar lesións medulares

O material desenvolvido polo CSIC combínase con campos magnéticos, un avance na busca de novas terapias