Venres 29 Marzo 2024

Os agricultores de Cambre que miman a terra: “É a horta de toda a vida con sentido común”

Os Biosbardos, Cultura de Leira aposta pola permacultura, cunha reutilización de produtos que inclúe a outros sectores

A agricultura ecolóxica é un modelo sostible e socialmente responsable que se ampara como a solución aos problemas medioambientais fronte á intensiva e industrializada. Neste sentido, non se limita a unha simple técnica, senón que tamén ten en conta a protección do medio ambiente e o respecto dos recursos naturais.

Deste xeito, é cada vez máis usual a execución de proxectos arredor desta convicción, especialmente en Galicia grazas ao predominio do mundo rural. Un dos máis recentes e destacados, en activo dende 2019, é Os Biosbardos, Cultura de Leira, un programa baseado nos principios da permacultura levado a cabo en Cambre, na provincia da Coruña.

Publicidade

O desenvolvemento

Os Biosbardos, Cultura de Leira responde a un proxecto de horta ecolóxica, certificada polo CRAEGA, ao aire libre e baseado na permacultura. É dicir: no coidado da terra, dos animais, das persoas e do retorno de calquera excedente que se obteña do propio sistema. Noutras palabras: na reutilización e concesión de máis vidas dun produto.

Un proxecto de agricultura ecolóxica baseado nos principios da Permacultura.
Froitas e hortalizas cultivadas e recolectadas por Os Biosbardos. | Foto: cedida

O proxecto pertence ás Reservas de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, unha asociación que, dende o equipo, definen como “un paraugas moi importante” grazas á axuda e apoio que reciben deles.

Á fronte deste proxecto atópanse catro persoas, unha responsable da horta, unha encargada da recolección e loxística, un encargado da publicidade, márketing e redes e, finalmente, Miguel Ángel Roig, ao cargo da coordinación e autor da inicitiativa.

O propietario relata que a idea nace “dunha necesidade particular de poder conseguir alimentos saudables, sustentables, un plan B que busca moita xente”. En relación con isto, manifesta que xa dende o primeiro momento o enfocou “como un proxecto de agricultura, unha explotación agroecolóxica pero que debía ser rendible”. Así, o proxecto responde a “unha horta de toda a vida con sentido común, aplicado aos tempos actuais e cos medios de agora”, destaca Miguel Ángel. 

Espazos colaborativos

A colaboración é un alicerce básico para Os Biosbardos, seguido da difusión. Desta maneira, desenvolven un espazo colaborativo onde compartir coñecemento con todo aquel interesado en unirse ao proxecto e participar dunha forma ou doutra.

A este respecto, Miguel Ángel revela que se trata “dun propósito que vai máis aló do particular, é un propósito global. Por tanto, aclara que a súa idea “é difundir o coñecemento alcanzado para que máis xente poida inspirarse neste modelo de agricultura que é 100% sustentable”.

Proxecto Leiriño

Despois de anos de actividade, e tras descubrir o funcionamento do mercado, Miguel Ángel confesa que se aprende “a xestionar a sobreprodución aplicando a capa de sostibilidade”. Porén, a partir da gran cantidade de excedente, e grazas ao impulso de espazos colaborativos, Os Biosbardos pode emprender diferentes proxectos colaborativos que permiten darlle unha segunda, terceira e infinitas vidas aos seus produtos para non desperdiciar nada.

Así, un dos proxectos máis relevantes que levan a cabo é Leiriños, que realizan cos locais de hostalería. Trátase dun bancal modular de cultivo agroecolóxico de 7 metros cuadrados que ten un custo fixo anual que debe aboarse por adiantado. Así, nesta parcela, Os Biosbardos cultivarán as sementes que lle facilite o restaurante en cuestión e conferiranlle a este último os produtos resultantes durante un ano dende a data de compra.

Unha das leiras que Os Biosbardos cultivan en Lendoiro, Cambre. | Foto: cedida

Deste xeito, Os Biosbardos ofrecen un producto polo que cobran por anticipado a un prezo aceptable e as persoas que adquiriron a parcela obterán máis valor e calidade a menor custo con este cultivo. Miguel Ángel expresa que con esta dinámica gañan todos, pois o seu equipo consegue “un adianto para traballar cuns prezos dignos a horta e a hostelería porque percibe un valor superior nos productos, incluso naqueles máis caros”.

Canles de comercialización

Dispoñen dun amplo abano para a comercialización e venda dos seus produtos. Ademais de comercializar coa hostelería ou as tendas de barrio do seu ratio de acción, dispoñen de tenda en liña na súa páxina web.

Desta forma, poñen a disposición da cidadanía todos os seus produtos en base ao que van acadando, de modo que venden a particulares e incluso tamén a tendas. Así, trala realización dun pedido, ofrecen dúas modalidades de entrega: a domicilio ou recollida nas súas leiras, en Lendoiro, Cambre. Esta última opción vai ligada a unha oferta, un desconto do 20% no total do pedido. A iniciativa, segundo relata Miguel Ángel, foi deseñada para facer que “a xente se acerque ao lugar de traballo, cerca da Coruña, para poder observar o que se fai e como se fai”, de modo que este desconto sería unha especie de motivación extra.

Outra vía de venda son as feiras. Actualmente, o primeiro e terceiro fin de semana de cada mes asentan un posto no mercado de A Leña, unha feira ecolóxica situada da Praza de España.

Os Biosbardos
Logotipo en madeira de Os Biosbardos, Cultura de Leira | Foto cedida

Así mesmo, outra canle e que é a que máis importancia está gañando, e con máis opcións de futuro, son os comedores colectivos. Trátase dunha acción da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas Terras do Mandeo que deseñou unha plataforma de ecocomedores no que diferentes agricultores colaboran con empresas que teñen comedores colectivos grandes, colexios ou garderías que mercan, semanalmente, os produtos que lles ofrecen.

En tal sentido, o fundador de Os Biosbardos sinala que con esta iniciativa procuran “facer algo histórico, nun proceso de creación para darlle forma como cooperativa, para que nos colexios poidan comer saudable, rico, ecolóxico e de quilómetro cero a prezos aceptables”, todo isto incluso a pesar das fluctuacións de prezos derivados da situación socioeconómica a nivel global que impera actualmente.

Xornadas de portas abertas

Cada dous luns, Os Biosbardos realizan xornadas de portas abertas nas que Miguel Ángel explica o seu labor e a dos seus compañeiros. Así, todo o equipo consegue analizar como o seu patrón inicial tamén o posúe moita outra xente, é dicir, e segundo como o propietario aclara, hai moitas persoas, “con posibilidades de emprego que queren buscar outra forma de enfocar a vida”, e que grazas a esta iniciativa deron o paso e están buscando “unha saída ao campo, a volta ao rural”.

Grazas a este evento conseguiron reunir a máis de 500 persoas interesadas na iniciativa e que demandan información acerca desta labor. En efecto, o propietario confesa que incluso de moitos dos visitantes “saen ideas, iniciativas, existe unha comunicación e retorno”. Por esta razón, o proxecto está acadando cada vez máis interese a nivel xeral, máis importancia, ata dende outros puntos da xeografía fóra de España.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un traballo da UDC sobre investigación básica en epilepsia gaña o Epiforward 2024

O equipo conseguiu reducir a actividade cerebral grazas á aplicación de campos magnéticos en áreas concretas do cerebro

A UVigo deseñará sensores fotónicos para identificar células tumorais

Membros de atlanTTic participan no proxecto europeo Retina para a mellora de procesos nos ámbitos da saúde, da automoción e da agricultura

Un proxecto galego impulsa a sustentabilidade do sistema alimentario a través da IA

O proxecto no que participan USC e UVigo acometerá a crise do sector co apoio do Programa Marco ‘Horizonte Europa’

Científicos galegos participan no primeiro mapa español de bacterias resistentes aos antibióticos

A base de datos en liña proporciona o perfil xenómico de 461 cepas, procedentes de 41 hospitais situados en 13 rexións de España