A mellor ilusión óptica do ano 2019 é a que podemos ver neste vídeo. Trátase do ‘eixo dual’, que según como o observes semella xirar nun eixo vertical ou nun eixo horizontal. Esta ilusión obtivo o primeiro premio no The Illusion Of The Year Contest, certame mundial que organiza a neurocientífica galega Susana Martínez-Conde, directora do Laboratorio de Neurociencia Integrativa na Universidade do Estado de Nova York.
A ilusión gañadora é obra de Frank Force, desarrollador de videoxogos estadounidense. No vídeo vese como a figura xira arredor do seu eixo vertical e tamén do horizontal. Para facer as cousas aínda máis confusas, a dirección da rotación tamén é ambigua e, por exemplo, parece virar cara á dereita ou cara á esquerda. Hai pistas visuais no vídeo que axudan a cambiar a percepción do movemento.
O vídeo xoga co fenómeno de que o noso cerebro tende a inferir unha terceira dimensión a partir dunha información bidimensional. E, como a información que nos achega a imaxe é escasa, o resultado é que podemos interpretar a imaxe de diferentes xeitos. O fenómeno non é moi diferente ao que facemos diariamente para inferir volume nos obxectos, ás veces empregando a perspectiva ante unha fotografía ou un debuxo de dúas dimensións. No caso que nos ocupa, non existe ningún movemento de rotación do debuxo en absoluto en ningunha dirección.
E esta ilusión do movemento dunha pintura dun barco na tormenta quedou finalista no mesmo certame:
Este barco nunha tormenta non se move: unha incrible ilusión óptica