Este barco non se move. Pero o noso cerebro interpreta que avanza loitando contra a forza das ondas no medio dunha tormenta. A obra orixinal é un cadro do artista holandés Ludolf Bakuizen, famoso polas súas pinturas de temática mariña no século XVIII. E a ilusión óptica foi realizada por Mike Pickard e Gurpreet Singh, investigadores da Universidade de Sunderland (Reino Unido).
Xogando cun contraste de grises, estes científicos conseguiron que unha escena absolutamente estática semelle ter movemento. En ningún momento está a moverse nada dentro da imaxe, aínda que o noso cerebro interprete que está a ver unha escena animada.
O cadro “Barcos nun mar tormentoso” semella cobrar vida. O barco parece ser lanzado nun mar embravecido nunha tormenta salvaxe onde as ondas pasan e as nubes cruzan o ceo. “Coas escotillas pechadas, a tripulación está a experimentar unha montaña rusa! Con todo, esta impresión de movemento salvaxe é ilusoria”, alertan os dous neurocientíficos británicos, que foron seleccionados como autores dunha das 10 mellores ilusións ópticas do ano 2019, no certame que organiza a Universidade de Nova York.
Como curiosidade, o autor do cadro orixinal, Ludolf Bakuizen, tamén pintou esta espectacular representación da batalla de Rande de 1702: