Unha explosión de cor inundou o ceo de Noruega a comezos de novembro, ao tinguirse cunhas inusuais auroras boreais rosas. Unha tormenta solar foi a responsable do fenómeno, ao abrir un burato no campo magnético da terra. A greta permitiu que as partículas solares de alta enerxía penetraran na atmosfera a máis profundidade do normal, o que derivou nestas curiosas luces de cores. O espectáculo púidose ver o 3 de novembro sobre as 18.00 horas e tan só duraron dous minutos.
Máis polo miúdo, as auroras fórmanse cando as correntes de partículas cargadas de alta enerxía, coñecidas como vento solar, pasan arredor da magnetosfera. O campo magnético do planeta protéxenos da radiación cósmica, pero o escudo é máis débil nos polos, o que permite que o vento solar atravese a atmosfera, xeralmente entre 100 e 300 quilómetros sobre a superficie da Terra. A medida que as partículas solares atravesan a atmosfera, sobrequentan os gases, que logo brillan intensamente no ceo nocturno.
A cor máis habitual das auroras boreais é o verde porque os átomos de osíxeno que abundan na parte da atmosfera á que normalmente chega o vento solar emiten esa cor. Porén, durante a tormenta producida a principios de novembro, a greta da magnetosfera da Terra permitiu que o vento penetrara máis abaixo do habitual, onde o nitróxeno é o gas más abundante. O resultado: unhas intensas e espectaculares auroras boreais rosas. O fenómeno tamén xerou fortes auroras verdes durante a noite.















