Sábado 20 Abril 2024

Un home sen fala logra deletrear máis dun millar de palabras grazas a un implante

Unha recente investigación demostra que unha neuroprótese axuda ás persoas con parálise nos músculos da fala a recuperar a comunicación

Un home que non pode expresarse nin falando nin escribindo foi capaz de deletrear máis de 1.000 palabras mediante un dispositivo neuroprotésico que traduce as súas ondas cerebrais en oracións completas, segundo informaron onte investigadores estadounidenses. Grazas a isto, a frase “todo é posible” foi unha das favoritas do protagonista desta investigación.

Participante no ensaio científico

O colaborador no experimento, o primeiro do ensaio de Restauración de Brazo e Voz da Interface Cerebro-Ordenador, agora ten case 30 anos. Con 20 sufriu un derrame cerebral que o deixou con anartria, un trastorno na expresión da linguaxe que o incapacita á hora de falar de forma intelixible, aínda que no seu caso a función cognitiva permaneceu intacta. Dende este momento, pasou a ter que comunicarse mediante o uso dun punteiro adxunto a unha gorra de béisbol para marcar letras nunha pantalla.

Publicidade

En 2019, os investigadores implantáronlle, cirurxicamente, un eléctrodo de alta densidade na superficie do cerebro, sobre a cortiza motora da fala. Deste modo, a partir dun porto incrustado no cranio, pode controlar os diferentes patróns eléctricos producidos cando intenta dicir diferentes palabras ou letras.

Investigación da neuroprótese

O pasado ano, o equipo de investigadores da Universidade de California en San Francisco (UCSF) xa estivo traballando neste proxecto e logrou evidenciar como, a través dun implante cerebral, a interfaz cerebro-ordenador, podían chegar a traducir 50 palabras moi comúns cando esta persoa con parálise intentaba reproducilas na súa totalidade.

Actualmente, nun novo estudo, publicado na revista científica Nature Communications, puideron descodificar as mensaxes imitando en silencio as 26 letras do alfabeto fonético. Para lograr isto, empregaron unha interfaz de ortografía que usou o modelado da linguaxe para procesar os datos a tempo real, resolvendo posibles palabras ou incluso erros.

Así, os investigadores pudieron descodificar máis de 1.150 palabras, que representan “máis do 85% do contido das oracións en inglés”, segundo a investigación. Ademais, expuxeron que este vocabulario podía estenderse a máis de 9.000 palabras, “que é basicamente a cantidade de palabras que a maioría da xente usa nun ano”, expresou o primeiro autor do estudo, Sean Metzger.

Con todo, o dispositivo logra descodificar arredor de 29 caracteres por minuto, ou o que é o mesmo, en torno a sete palabras cada 60 segundos, a diferenza da interfaz cerebro-ordenador, desenvolvida o ano pasado na Universidade de Stanford, que foi capaz de descodificar 18 palabras por minuto cando o participante imaxinaba escribir a man. Neste sentido, Metzger explicou que o seu enfoque baseado na fala ten unha “vantaxe única”.

Asemade, o investigador sinalou que as 50 palabras de uso común, que o participante fala en silencio, poderían usarse para moitas interaccións, mentres que as palabras máis raras poderían deletrearse, ofrecendo “o mellor de ambos mundos”, expresa.

Unha investigación que, a pesar de ter que confirmarse aínda nos restantes participantes, está lonxe de poder ofrecerse ás miles de persoas que o precisan por perder a capacidade de fala a causa de accidentes ou enfermidades.


Referencia: Generalizable spelling using a speech neuroprosthesis in an individual with severe limb and vocal paralysis (Publicado en Nature Communications)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A ciencia confirma que as apertas alivian a dor, a ansiedade e a depresión

Un equipo internacional analiza os beneficios do contacto físico nas persoas a partir da revisión de 212 estudos

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático