Investigadores galegos descobren unha nova especie de planta do Xurásico en Asturias

A 'Ricciopsis asturicus' é a evidencia máis antiga dunha planta briofita no Mesozoico da península

Investigadores da Universidade de Vigo, do Museo del Jurásico de Asturias (MUJA) e da Fundación Conjunto Paleontológico de Teruel-Dinópolis acaban de describir unha nova especie de planta hepática fósil do Xurásico Superior descuberta en Asturias. Este avance científico foi presentado este mércores nun acto no MUJA no que participaron o conselleiro de Ciencia, Innovación e Universidade, Borja Sánchez, a alcaldesa de Colunga, Sandra Cuesta, e parte do equipo de investigación implicado neste estudo.

Os resultados do proxecto de investigación están recollidos nun artigo científico publicado na revista internacional Botany Letters e asinado por Artai A. Santos e José B. Diez, do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio e do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo; por José Carlos García-Ramos e Laura Piñuela, investigadores do MUJA e por Luis M. Sender, do Museo Aragonés de Paleontología (Fundación Conjunto Paleontológico de Teruel-Dinópolis).

Publicidade

Atopada en Lastres

O artigo describe unha nova especie e planta hepática fósil, Ricciopsis asturicus, nas rochas da Formación Lastres do Xurásico Superior de Asturias (Kimmeridgiense). Concretamente os exemplares proceden dos cantís de Lluces, no concello de Colunga. A nova especie está baseada na combinación dunha serie de características que a diferencian das demais, como son a forma do talo, a maneira na que se ramifican, o tamaño e a súa disposición formando matas.

Artai Santos e José B. Diez, do CIM-UVigo, participan neste estudo publicado en Botany Letters

A pesar das condicións climáticas semiáridas que dominaban Asturias hai arredor de 154 millóns de anos, as novas hepáticas puideron proliferar, formando matas densas, en pequenas charcas de auga doce situadas no leito de cursos fluviais abandonados, no que foi no seu día unha antiga chaira deltaica. O desenvolvemento destas plantas hepáticas foi precedido por un episodio intenso de chuvias torrenciais a causa das cales o impulso da corrente desbordou unha das paredes do leito creando un novo curso do río, unha especie de atallo, e deixando así abandonado o antigo. Neste último curso acumuláronse fragmentos de troncos de coníferas (que máis tarde se converterían en acibeche), creceron as hepáticas e por el tamén camiñaron algúns dinosauros terópodos que deixaron impresas as súas pegadas na superficie. O recheo final do leito abandonado estaría formado por sedimento de gran fino que se depositaría de forma lenta, pero pouco tempo despois do abandono, e que cubriu os vexetais obxecto deste estudo impedindo así o seu deterioro por oxidación ao aire libre.

Publicidade

Por outra banda, o equipo de investigación tamén estudou o pole e as esporas destas mesmas áreas, o que lles permitiu corroborar a presenza destas zonas encharcadas. Deste xeito, Ricciopsis asturicus representa a evidencia máis antiga dunha planta briofita (non vascular) no Mesozoico da península ibérica e supón a primeira mención do xénero Ricciopsis nesta mesma área. A aparición desta especia no Xurásico Superior en España, destacan os científicos, engade unha nova peza no crebacabezas fitopaleoxeográfico deste grupo de plantas en todo o mundo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo identifica as claves xenéticas da “adaptación evolutiva única” das píntegas das Illas Atlánticas

A UVigo participou na investigación, que achou que en dúas localizacións do parque nacional as femias dan a luz crías terrestres, en lugar de larvas acuáticas

Como de sostible é o teu concello segundo os obxectivos para 2030? Compróbao neste mapa interactivo

A UVigo desenvolve unha plataforma aberta que avalía o grao de cumprimento dos 17 ODS a partir de 69 indicadores

Investigadores analizan macroalgas verdes mariñas para impulsar a súa valorización en Galicia

Un equipo da UVigo estuda os polisacáridos do xénero Codium da costa galega como fonte de novos ingredientes funcionais

Un novo mapa guía a valorización de subprodutos da industria agroalimentaria en Galicia e Portugal

A ferramenta, desenvolvida con participación da UVigo, emprega a IA para identificar recursos e detectar novas oportunidades de aproveitamento