Así se capturou o paso da constelación Starlink sobre a lúa en Santiago de Compostela

A constelación Starlink, unha rede de pequenos satélites artificiais da empresa SpaceX, propiedade do empresario Elon Musk, ten previsto establecer nos vindeiros anos unha rede de telecomunicacións composta por miles de aparellos que orbitarán a Terra. Desde a posta en marcha do proxecto, é posible ver no ceo nocturno, despois dos lanzamentos, uns sorprendentes trens de luces que chaman á atención de quen non está ao tanto do proxecto Starlink. Algo semellante pasou nos últimos meses en Galicia, e así o capturou o pasado 4 de xuño Alejandro, un afeccionado á astrofotografía que forma parte do Clube Compostelán de Astronomía Vega. A imaxe, tomada desde o Monte Pedroso arredor das 23.08 da noite, amosa o paso da constelación coincidindo coa lúa chea sobre a cidade de Santiago.

Explica Alejandro que é probable que os satélites non puideran verse naquel momento a ollo nu, debido á presenza da lúa e a contaminación luminosa da cidade. Porén, puido capturalos grazas á técnica que utilizou. “É unha técnica tendo a escurecer as fotografías durante a toma para poder ter detalle nas luces máis brillantes. A miña cámara permíteme recuperar moita información durante o procesado, polo que opto por traballar deste xeito”, conta.

Publicidade

Sobre o impacto da constelación Starlink na fotografía nocturna, Alejandro di que “eu persoalmente, que fago fotos de gran campo e Vía Láctea, non atopei problemas con estes satélites diferentes a calquera outro, xa que adoitan ser trazas moi febles, fáciles de eliminar no peor dos casos; pero si teño compañeiros aos que lle ocasionan problemas e coñecidos que usan telescopios que teñen que desbotar fotos de varios minutos de exposición por culpa deles. É un problema real que, a día de hoxe, non parece ter solución. Os ‘darksat’ cos que SpaceX está experimentando non parecen realmente máis escuros que os satélites normais”, apunta.

Desde o lanzamento de proxectos como os da constelación Starlink, numerosos investigadores e entidades de prestixio, como a Unión Astronómica Internacional, manifestaron a súa preocupación polo impacto que este tipo de iniciativas pode ter na observación do ceo nocturno e, por extensión, na investigación astronómica.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como viviron os astronautas de Artemis II? A NASA revela centos de imaxes e audios inéditos

Trátase do primeiro conxunto de información planetaria recompilada principalmente por seres humanos en máis de medio século

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Tapar o cheiro dos peregrinos? Non, este é o verdadeiro propósito do botafumeiro da Catedral de Santiago

O divulgador de historia da arte El Barroquista desmonta unha crenza estendida e sinala que a súa función estaba ligada á solemnidade do templo

Non estaban tolas

Rescatados 23 testemuños de violencia machista dos arquivos do psiquiátrico de Conxo