O primeiro asasinato da historia

primeiro asasinato da historia
Di a Biblia que a primeira persoa asasinada por outro ser humano foi Abel, a mans do seu irmán Caín. Pero a ciencia sitúa o primeiro homicidio da historia en Atapuerca, hai 430.000 anos. As evidencias foron atopadas por un grupo de investigadores tras anos de estudo do catalogado como Cranio 17, atopado na Sima de los Huesos de Atapuerca e que corresponde a unha persoa que morreu asasinada, o que supón o achádego do primeiro homicidio coñecido da humanidade. Os 52 fragmentos do Cranio 17 foron recuperados ó longo de 20 anos de escavacións, desde 1990. Os científicos determinaron que se trata do cranio dunha persoa moza e dataron estes ósos fósiles cunha antigüidade de 430.000 anos. O Cr-17 presenta dous orificios no óso frontal, por enriba da órbita ocular esquerda. Tras as análises dos científicos, chegouse á conclusión de que estes orificios puideron ser froito do impacto dun obxecto duro xusto antes ou despois da morte do individuo. Pero nun principio os expertos non desbotaron a hipótese de que o impacto se producise por unha caída de 13 metros pola sima que da acceso ó xacemento, deixando aberta a porta á hipótese dunha caída accidental. Porén, tras utilizar modernas técnicas forenses, os investigadores concluíron que ambas as dúas lesións só puideron ser producidas por un mesmo obxecto en dous impactos diferentes e con distintas traxectorias, descartando pois a hipótese da caída accidental. Estas evidencias científicas levaron aos investigadores a deducir que as lesións foron producidas probablemente durante un acto de agresión mortal por otro individuo no que tería sido o primeiro caso de asasinato coñecido na historia da humanidade. Os datos obtidos evidenciarían que o individuo do Cranio 17 non puido chegar polo seu propio pé até a Sima de los Huesos, senón que o seu cadáver tivo que ser transportado, moi probablemente, até ese punto por outros humanos. Esta hipótese tamén suxire que tiveron que ser os humanos os responsables da acumulación de cadáveres neste xacemento e apoiaría a tese de que se trata do primeiro acto funerario da nosa historia. O CR-17 foi atopado nun lugar onde había restos de até outros 27 individuos. O estudo foi dirixido por Nohemi Sala, do Centro Mixto UCM-ISCIII de Evolución y Comportamiento Humanos, coa participación de Asier Gómez-Olivencia, doutor en Paleontoloxía Humana; Asier Gómez Olivencia, investigador Ikerbasque, do Departamento de Estratigrafía y Paleontología da UPV/EHU; ademais de investigadores da Universidad de Alcalá de Henares e a University of Binghamton. O seu traballo vén de ser publicado na revista científica Plos One co título ‘Lethal Interpersonal Violence in the Middle Pleistocene’..

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.