Un fragmento dun foguete Soyuz lanzado o pasado sábado ilumina o ceo de Galicia

Numerosas persoas avistan un meteoro froito da desintegración da terceira etapa do foguete que lanzou unha cápsula para abastecer á Estación Espacial

Nin a constelación Starlink, nin un meteorito, nin invasión alieníxena. O meteoro avistado por numerosas persoas sobre as 6.45 horas da mañá deste martes sobre Galicia procede dos restos dun foguete Soyuz que foi lanzado desde o cosmódromo de Baikonur (Kazajstan) o pasado sábado 25 de abril pola axencia rusa Roscosmos. As primeiras informacións apuntaban a un meteoro de considerable magnitude do que houbo rexistros na Coruña, Ferrol, Moaña, Padrón, Caldas de Reis, Camariñas ou A Merca, entre outros lugares.

O fragmento que iluminou o ceo galego corresponde, segundo confirmaron diversos expertos, cunha das etapas do foguete que levaba a bordo a nave de carga Progress MS-14. O director do Observatorio Ramón María Aller de Santiago, José Ángel Docobo, xa avanzara na mañá do martes, dada a velocidade do corpo e a duración do avistamento, a que se podería tratar dun obxecto artificial desintegrándose contra a atmosfera. “Moi probablemente é a reentrada dun foguete dos que se usan para poñer en órbita satélites artificiais“, explicaba Docobo.

Publicidade

Así se viu a bóla de lume do foguete Soyuz sobre Galicia

Pouco despois, Docobo engadía que a traxectoria do foguete foi de suroeste a nordeste. “Normalmente estes obxectos van perdendo altitude pouco a pouco despois de cumprir coa súa tarefa, e desintégranse ao chegar ás capas máis baixas da atmosfera”. Neste caso, todo apunta a que o obxecto, de resistir algún fragmento ao contacto coa atmosfera, tería caído no mar a non menos de 100km da costa galega.

O director do observatorio compostelán lembrou, do mesmo xeito, os poucos precedentes ao respecto en Galicia sobre este tipo de fenómenos. “Hai case 20 anos, o 16 de setembro de 2001, a última hora da noite, pasou algo semellante. Houbo bastante inquedanza, porque foi só cinco días despois dos atentados do 11-S”, lembra o profesor da USC.

Publicidade

O suceso tivo lugar algo antes das sete da mañá, segundo expuxeron a través da rede social Twitter dous usuarios que publicaron cadanseu vídeo, aos que sucederon numerosos testemuños en Galicia. O primeiro deles, Israel Borja Nuñel, gravou o meteoro desde a zona do Monte de San Pedro da Coruña. Pouco despois comezou a circular tamén nas redes outro vídeo feito por Antón, veciño de Feáns, na que se albisca como o bólido cruza o ceo. “Durou máis dun minuto; ao comezo era un único corpo, pero despois de pasar detrás dunha nube, xa apareceu fragmentado”, conta Antón.

Segundo recolleu o programa Galicia por Diante, da Radio Galega, o bólido tamén foi observado por operarios de Navantia que estaban a piques de entrar a traballar, ou desde Caldas de Reis.

 

2 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia avalía a realidade virtual como alternativa para tratar as fobias específicas

Un informe de Avalia-t analiza a súa eficacia fronte a outros modos de terapia de exposición, o tratamento recomendado polas Guías de Práctica Clínica

Dun rosco de palabras a localizar o teu concello: coñece a nova plataforma de pasatempos en galego

A páxina web Ludogal ofrece catro xogos en liña gratuítos de vocabulario e xeografía para promover o uso do galego

Do Café Moderno de Pontevedra aos ‘Seis poemas galegos’: esta é a Galicia de Lorca

O poeta granadino visitou dúas veces a cidade, mantivo vínculos con destacados intelectuais e deixou unha fonda pegada na cultura, a paisaxe e a lingua

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes