É oficial: os astrónomos atoparon un novo planeta anano no noso Sistema Solar. “É un obxecto moi afastado “, dixo o astrónomo Scott Shepard da Carnegie Institution for Science. O pequeno planeta chámase 2018 VG18, máis tarde alcumado “Farout “, que en galego sería ‘Lonxe’, xa que está situado a 18 mil millóns de quilómetros de distancia.
A distancia é máis de 100 veces a que media entre a Terra e o Sol, e aproximadamente a mesma na que se atopa a sonda Voyager 2 , a sonda da NASA que se lanzou en 1977 e alcanzou o espazo interestelar este mes.
Publicidade
Farout foi descuberto polo telescopio Subaru xaponés en Hawai o 10 de novembro por Shepard e varios colegas, segundo un comunicado no sitio web da Carnegie Institution for Science .
Ata agora, Farout segue sendo profundamente misterioso. Pero un aspecto que xa atrae o interese científico é a súa órbita inusual. Farout orbita nun ángulo raro, xunto con outros chamados “obxectos trans-neptunianos” . Nos últimos anos houbo moita especulación sobre a razon que podería estar a causar a traxectoria inusual deses corpos astronómicos. Unha das explicacións máis populares é a posible existencia dun noveno planeta, ou o Planeta X .
De feito, os astrónomos descubriron Farout mentres buscaban a existencia dun noveno planeta, segundo o comunicado. Os datos máis recentes suxiren que tamén podería ser un grupo de obxectos dentro do mesmo campo gravitatorio.
Estímase que Farout ten un diámetro de 500 km e que tarda máis de 1.000 anos en orbitar o Sol. Tamén ten un ton rosado, segundo os investigadores. “Coas novas cámaras dixitais de campo amplo nalgúns dos telescopios máis grandes do mundo, finalmente estamos a explorar os límites do noso Sistema Solar, moito máis alá de Plutón”, dixo Chad Trujillo , astrónomo da Universidade do Norte de Arizona.
O descubrimento amosa que a pesar de que os investigadores agora están a atopar rutinariamente planetas orbitando outras estrelas, aínda hai obxectos non descubertos do tamaño dun planeta no noso propio Sistema Solar . Realmente serve para mostrar canto queda por aprender sobre o noso recuncho relativamente pequeno da galaxia.