Existe-realmente-un-Planeta-Nueve-en-el-sistema-solar_image_380

Dous astrónomos do Instituto de Tecnoloxía de California (Caltech) din ter atopado probas da existencia dun planeta xigante cunha órbita estraña e alongada nos confíns do Sistema Solar. O obxecto ten unha masa 10 veces maior que a Terra e sería comparable en tamaño a Neptuno.

Os astrónomos levan máis dun século dándolle voltas á idea dun novo planeta no Sistema Solar, coñecido como Planeta X. Agora, o astrónomo Michael Brown, famoso por quitarlle o status de planeta a Plutón (o seu usuario en twitter é @plutokiller), xunto ao seu colega Konstantin Batygin, do Caltech, aseguran que descubriron un planeta xigante xeado que estaría máis aló da órbita de Plutón.

Michael Brown e Konstantin Batygin.
Michael Brown e Konstantin Batygin.

Segundo o estudo, publicado esta semana na revista The Astronomical Journal, este planeta tería un tamaño cinco ou dez veces superior á Terra. Se se confirmase a súa existencia, non estariamos a falar de pequenos mundos xeados máis aló da órbita de Plutón, senón dun xigante do tamaño de Neptuno, que tardaría entre 10.000 e 20.000 anos en dar a volta ao Sol cunha órbita moi alongada.

O descubrimento non se realizou mediante observación directa, senón a través de modelos matemáticos e simulación computacional. Os investigadores deduciron a existencia deste planeta masivo a partir das órbitas de toda unha serie de planetas ananos e outros obxectos extremos do noso sistema solar, descubertos en datas recentes.

Outros estudos previos xa argumentaran que as estrañas manobras orbitais destes pequenos obxectos poderían explicarse pola perturbación gravitatoria dun hipotético planeta xigante. “Podería ser o verdadeiro noveno planeta. Hai aínda unha parte moi importante do noso sistema solar sen descubrir e isto é moi emocionante”, sinalou Brown.

O noveno sería un planeta de pleno dereito, cunha masa 5.000 veces maior que Plutón

Segundo o astrónomo, o novo obxecto ten preto de 5.000 veces a masa de Plutón, polo que non debería haber ningún debate para que se lle considere como un verdadeiro planeta. A diferenza de obxectos máis pequenos, coñecidos como como planetas ananos, o novo domina gravitacionalmente aos seus veciños. De feito, domina unha rexión máis grande que calquera dos outros planetas coñecidos. A existencia do Planeta Nove axuda a explicar as características misteriosas dos obxectos xeados transneptunianos e do Cinto de Kuiper.

“Aínda que ao principio fomos bastante escépticos coa existencia deste planeta, continuamos investigando a súa órbita e o que significaría para o sistema solar exterior, e convencémonos de que iamos na boa dirección”, di Batygin. “Por primeira vez en máis de 150 anos, temos unha evidencia sólida de que o censo planetario do sistema solar está incompleto”, afirma.

O camiño cara ao descubrimento teórico non foi sinxelo, segundo informa Caltech nun comunicado. En 2014, un antigo posdoctorado de Brown, Chad Trujillo, e o seu colega Scott Sheppard, publicaron un artigo que sinalaba que 13 dos obxectos máis distantes no Cinto de Kuiper tiñan características similares e, para explicar esta similitude, suxeriron a presenza dun pequeno planeta. Brown pensou que a solución era pouco probable, pero o tema espertou o seu interese.

Potentes telescopios traballan agora na procura deste obxecto descrito teóricamente

Brown mostrou o  problema a Batygin e ambos colaboraron durante un ano e medio para estudar os obxectos distantes. Ao ser un observador e o outro teórico, respectivamente, ambos enfocaron a investigación desde perspectivas moi diferentes: Brown como alguén que mira ao ceo e trata de ancorar todo no contexto do que ve, e Batygin, desde o contexto da dinámica e  da física.

En relativamente pouco tempo os dous científicos decatáronse de que os seis obxectos máis distantes da colección orixinal de Trujillo e Sheppard seguen órbitas elípticas que apuntan na mesma dirección no espazo. Isto é sorprendente porque os puntos extremos das súas órbitas móvense a diferentes velocidades.

“É como ter seis manecillas dun reloxo movéndose cada unha a un ritmo diferente, e cando miras cara arriba, todas están no mesmo lugar. As probabilidades que iso suceda son algo así como unha entre 100”, di Brown. Pero ademais diso, agrega, as órbitas dos seis obxectos están tamén todas inclinadas da mesma. O Planeta Nove empuxa as órbitas dos obxectos do Cinto de Kuiper, de forma que a súa configuración respecto ao planeta presérvase, di o comunicado de CalTech.

Na actualidade, varios poderosos telescopios están a tentar “cazar” ao Planeta Nove ou Planeta X.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.