Chega o inverno este domingo ás 5.19 horas

O amencer seguirá a retrasarse ata o día de Reis pola diferenza entre o Sol medio e o Sol verdadeiro

O inverno boreal comezará este domingo 22 ás 5.19 horas. A estación prolongarase ata o 20 de marzo ás 4.49 horas, momento en que se iniciará a primavera. A estación invernal no hemisferio norte é a de menor duración, 88,99 días, fronte aos 89,85 do outono, 92,75 da primavera e os 93,66 do verán.

Como explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, José Ángel Docobo, o inicio do inverno coincide co paso do Sol polo punto Capricornio da Eclíptica ou Solsticio de decembro, producíndose neste intre a mínima declinación solar (-23º4 con respecto ao Ecuador Celeste) o que ten como consecuencia que teñamos o día máis curto do ano cunha duración de pouco máis de 9 horas na nosa latitude.

Publicidade

Porén “as tardes xa comezaron a medrar dende o pasado día 7, mentres que as mañás seguirán minguando ata Reis”. Isto débese a que a hora oficial está baseada no chamado Sol medio e non no Sol verdadeiro.

Na noite do 3 ao 4 de xaneiro vaise producir o máximo da choiva de estrelas Cuadrántidas (con radiante preto da Osa Maior) e o día 5 pasará a Terra polo perihelio, mínima distancia ao Sol (147 millóns de km…

Publicidade

Como explica o profesor Docobo, Mercurio vai estar en boas condicións de poder ser observado a simple vista logo do solpor ata comezos de xaneiro, pasando logo ao amencer. Durante toda a nova estación, Venus será o luceiro vespertino. Marte e Xúpiter estarán no amencer e Saturno ata mediados de xaneiro seguirase vendo no final da tarde.

Haberá así mesmo “algunhas conxuncións interesantes, como aquela da Lúa con Venus no solpor do 28 de decembro ou a de Marte con Xúpiter no amencer do último día do inverno”. Son “tamén dignas de mención as aliñacións de Marte, Xúpiter, Saturno e a Lúa entre o 17 e o 21 de febreiro así como entre o 16 e o 20 de marzo”.

En canto ás eclipses, o director do Observatorio Universitario lembra que o vindeiro día 26 terá lugar unha anelar de Sol visible no leste de África, Océano Índico, Asia e Oceanía, pero non en España. O que si teoricamente podería verse é unha eclipse penumbral de Lúa o dia 10 de xaneiro. Como explica José Ángel Docobo, esta clase de eclipses “non son doados de apreciar xa que logo o noso satélite segue a verse enteiro aínda que menos brillante”.

Meteoroloxía
Meteoroloxicamente falando, o outono que agora remata “foi extremadamente chuvioso na área de Compostela aínda que en cantidade menor ca do ano 2000”. Daquela, entre o 22 de setembro e o 21 de decembro  medíronse un total de 1.315,5 litros/m2 na estación meteorolóxica do Observatorio Astronómico Ramón María Aller repartidas coa seguinte proporción: últimos días de setembro (65,6), outubro (205,2), novembro (530) e decembro (514,7 litros ata o dia 21).
No presente outono, o director do Observatorio sinala que “levamos recollidos 978,4 litros/m2 ata o mediodía do dia 20, co seguinte reparto: últimos días de setembro: 42,8 litros; outubro: 256,9; novembro: 431,9; e decembro, ata o dia 20: 246,8.

Aínda que neste ano falta por computar a choiva dos dous últimos días do outono, “non é previsible chegar ao récord do outono do derradeiro ano do pasado século (ano 2000). Porén compre salientar que no de 2019 choveu en mais días: 72 (+4 inapreciable) polos 69 (+3) de hai dezanove anos”. Por outra banda, no presente outono  ten chovido máis que no verán, primavera e inverno de 2019 xuntos e que en novembro rexistráronse precipitacións todos os días do mes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

En 2025 rexistráronse 14 bólidos sobre o ceo de Galicia

A lista recompilada pola rede de investigación SPMN sinala outubro como o mes con máis observacións

Un novo bólido sorprende en Galicia: como identificar este tipo de fenómeno astronómico

O CSIC confirma que o meteoro se puido observar dende diversos enclaves distribuídos por Ourense, O Porriño, Arteixo e Vigo

Próxima cita astronómica en Galicia: o 28 de agosto haberá unha eclipse lunar parcial

O evento poderá observarse a simple vista dende toda a comunidade galega sen necesidade de lentes ou aparellos especiais

Dende Doniños ata Francia: así viviron as grandes científicas e científicos galegos a eclipse total de Sol

O fenómeno do 12 de agosto reuniu a referentes da ciencia en distintos puntos do mapa, que o viron en praias e xardíns