Venres 26 Abril 2024

As epidemias que están por vir, no Museo de Historia Natural de Santiago

Unha exposición deseñada polo Smithsonian amosa a importancia da investigación e a prevención para garantir a saúde pública

Parece que o cólera é cousa de moito tempo atrás, pero non tanto. En 1975, Santiago de Compostela viviu un abrocho desta doenza, transmitida pola bacteria Vibrio cholerae, debido ao consumo de auga en mal estado. A rápida reacción de Ramona Vaamonde, profesora de Microbioloxía da Facultade de Farmacia, fixo posible que o problema non fose a maiores. Este caso abre a exposición Epidemias nun mundo conectado, que se pode ver non moi lonxe do hospital onde foron atendidos aqueles pacientes. O Museo de Historia Natural da USC acolle durante estes meses a mostra, organizada polo Museo Nacional Smithsonian de Historia Natural, en colaboración con diversas entidades internacionais. Conta tamén co financiamento da Sociedade Americana de Microbioloxía e o apoio do concello compostelán e a propia USC.

Alén da exposición xeral que percorreu o planeta, no museo compostelán poderá verse tamén un breve resumo doutra epidemia que nos anos 90 tivo importantes repercusións económicas no sector do rodaballo de acuicultura en Galicia. Unha enfermidade transmitida por unha bacteria, posiblemente a través do alimento causou altísimas taxas de mortalidade durante tempo ata que se conseguiu frear.

Publicidade

A través dunha serie de paneis informativos, a exposición, que leva xa percorridos numerosos países, recolle catro temas principais, e esenciais para reaccionar de forma efectiva ante as epidemias e poder investigalas: a orixe dos abrochos, a importancia de frear a propagación, a detección, resposta e contención e os perfís de cada unha delas.

Así se contivo o cólera en Santiago en 1975

Moitas destas patoloxías, por exemplo teñen a súa orixe no mundo animal, en especies tanto salvaxes como domesticadas, pero pode chegar o momento no que unha mutación as faga transmisibles e daniñas entre os humanos.  Casos non faltan, xa que algunhas das doenzas que máis vítimas se cobraron nas últimas décadas, como o VIH, o ébola ou diversos tipos de gripe, son zoonoses. De aí que unha das mensaxes principais da mostra sexa a do concepto One Health (Unha saúde), impulsado por entidades como a Organización Mundial da Saúde, que amosa como un coidado e supervisión integrais do medio no que vivimos, desde o microbioma ata os seres humanos, pasando polos diferentes elos da cadea trófica, repercute nunha boa saúde xeral para o planeta.

O aumento exponencial dos transportes e redes de comunicacións na actualidade, maior ca en ningún momento da historia, obriga a redobrar esforzos na investigación e na prevención para frear a aparición de novas pandemias. Así, a mostra que agora está en Santiago permaneceu, por exemplo, durante varios meses en aeroportos de países como Arxentina, debido á gran relevancia das conexións aéreas como nó de propagación.

O conseguido, e o que queda por facer

Epidemias nun mundo conectado amosa o inxente avance da ciencia nos últimos anos, conseguindo a erradicación de doenzas que causaban millóns de mortes, como o propio cólera, a rabia, a poliomielite ou a tuberculose. E do mesmo xeito, expóñense como o esforzo común está xa conseguindo as primeiras grandes vitorias contra outras enfermidades aínda sen vacinas e tratamentos efectivos a gran escala, como foron os recentes éxitos en Nixeria contra o ébola ou en Bangladesh contra a rabia.

Mais tamén é un exemplo de que non todo está gañado. O rexurdimento do que foron epidemias no pasado, como o sarampelo, cun aumento notorio de casos nos países máis desenvolvidos nos últimos anos debido ao rexeitamento ás vacinas, así como as resistencias bacterianas aos antibióticos, un dos principais desafíos de saúde pública para os vindeiros anos.

O Museo de Historia Natural, ubicado no parque de Vista Alegre de Santiago de Compostela, acolle ademais exposicións de coleccións permanentes de biodiversidade e xeodiversidade de Galicia e outras partes do mundo, tanto mariña como terrestre, con máis de 25.000 exemplares. Pode visitarse tanto de forma libre como con visita guiada. Forma parte da rede de Destinos de Turismo Científico de Observer.

Para máis información, visita a súa web.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O Parque Nacional das Illas Atlánticas ofrece visitas virtuais dos seus fondos mariños

A exposición 'O mar en 360º' ten como obxectivo mergullar os visitantes nunha experiencia única para descubrir a súa fauna e flora

Revelan o mecanismo molecular que activa a toxicidade da bacteria do cólera

Un equipo de científicos de España e EE.UU. descubriron a estrutura atómica da proteína ToxR unida ao ADN

As históricas fotos de Vigo de Rainiero Fernández, o cazador de imaxes

O Museo do Mar de Vigo propón un achegamento á obra do fotógrafo vigués desde unha óptica actual coa exposición “Rainiero Fernández. O Arquivo”

O río que alimenta a comarca de Bergantiños convértese en destino gastronómico

O vicepresidente salienta a oportunidade que ofrece este proxecto para situar a comarca de Bergantiños como referente estatal