“A Garda Civil investiga a identidade de dous cadáveres atopados en Fisterra“. Contábao La Voz de Galicia o 8 de marzo de 2001. O día anterior, un barco localizara o corpo dunha muller preto do peirao da vila fisterrá. E poucos minutos despois, preto de alí, avisaban de que aparecera outra muller morta nunhas rochas. Nun principio, criuse que eran dúas mariscadoras da zona que sufriran un accidente e ás que as correntes puideran ter arrastrado ata alí. Mais ninguén tiña noticias de ningunha desaparición nas vilas máis próximas. As correntes do mar eran as responsables daquel achado. Pero a razón había que buscala moito máis lonxe, en Portugal, a case 300 quilómetros de distancia.

Os equipos de rescate de Portugal remolcan o autobús desde o río Douro. Imaxe: RTP1.
Os equipos de rescate de Portugal remolcan o autobús desde o río Douro. Imaxe: RTP1.

Tres días antes, o domingo 4 de marzo, un autobús cheo de xente regresaba a Castelo de Paiva, á beira do Douro, en Portugal, despois dun día de excursión para ver as amendoeiras en flor. O bus estaba cruzando a ponte Hintze Ribeiro, en Entre-os-Rios, unha vila que recibe o seu nome da unión, a poucos metros, das augas do Támega que chegan desde Galicia e o Douro que vén desde Castela. O rio ía con moita auga, debido ás chuvias; e un dos piares da ponte, cuxo estado xa denunciaran en varias ocasións os veciños e políticos da zona, derrubouse mentres o autocar e varios turismos máis cruzaban por riba del.

Publicidade

“En dúas ou tres horas debía de estar xa case todo no mar”, explica Gabriel Rosón, catedrático de Física da Universidade de Vigo e experto en Oceanografía Física, que seguiu de preto todo o que aconteceu aqueles días. “Co caudal que levaba o río, os elementos menos pesados (corpos, asentos, obxectos persoais, etc.) deberon descender polo curso do Douro a 30 ou 40 quilómetros por hora“. Pouco despois de producirse o accidente, decenas de cadáveres pasaron por diante da Ribeira de Porto, a poucos metros de xente totalmente allea ao que estaba acontecendo.

Segundo explica Gabriel Rosón, no proceso de correntes que levou aos corpos desde o Douro ata as costas galegas hai que diferenciar tres fases. “A primeira prodúcese no río, e a segunda ten lugar cando a corrente do río se incorpora ao océano”.

Os corpos baixaron polo Douro ata o mar a máis de 30 quilómetros por hora

É un fenómeno coñecido como pluma – do inglés ‘plume’ – que ten lugar cando as augas continentais e as do océano entran en contacto. As augas doces son menos densas que as salgadas, polo que as primeiras quedan na superficie na zona da desembocadura. Na época do ano na que aconteceu o accidente, a dinámica oceánica provoca que estas augas superficiais se desvíen cara o norte, a unhas velocidades elevadas (3-4 km/h ou 0,5-1 m/s) se falamos de correntes oceánicas.

Unha vez que estas augas se afastan da desembocadura, o proceso entra nunha terceira fase. “Aquí xa inflúe o vento e a dinámica invernal desta rexión”, explica Gabriel Rosón. Un fenómeno semellante ao que, ano e medio despois daquel accidente, espallaría o fuel do Prestige desde Galicia ata Francia. O habitual cando se producen os episodios de precipitacións no noroeste da Península, como pasaba naqueles días, é que as condicións atmosféricas sexan de vento sur-suroeste. “Prodúcese entón unha corrente denominada ‘corrente ibérica cara o polo’ que vai desde o sur de Portugal ata o norte de Francia, e que bordea Galicia, vira cara o Cantábrico e chega a Bretaña”. Neste caso, a velocidade baixa ata uns 20-25 centímetros por segundo.

Entra entón en xogo o efecto Coriolis, causado pola rotación da Terra, que desvía lixeiramente as correntes cara o Oeste. Neste caso, cara as costas galegas. Parte desta corrente chega ao noso litoral, e así foi como chegaron os corpos desde Portugal.

A corrente que levou aos corpos ata Galicia tamén influíu na chegada do fuel do ‘Prestige’

Todos estes factores confluíron para que, catro días despois e a máis de 200 quilómetros en liña recta, pero tras case 300 km de viaxe, a Garda Civil tivera que investigar a identidade dos corpos atopados xunto ao peirao de Fisterra.

“Cando escoitamos que apareceran dúas mulleres en Fisterra xa nos pareceu raro, porque ninguén avisara de ningunha desaparición; e pola roupa tampouco parecían mariscadoras”, lembra Ramón Pérez Barrientos, responsable de Protección Civil en Muxía, e que durante varios días percorreu a Costa da Morte xunto a decenas de voluntarios para intentar atopar máis restos. “Sabiamos do accidente de Portugal, pero ao principio non nos pasou pola cabeza que puideran chegar aqueles corpos ata aquí”.

Pero xa había quen valoraba esa posibilidade nas primeiras horas, antes de confirmarse nada. “A xente do mar dicía que as correntes en inverno traballaban así, e que viñan do sur”. E os mariñeiros tiñan razón. Varias sinais confirmárono: os reloxos que marcaban unha hora menos, as etiquetas portuguesas na roupa, varios asentos do autocar que tamén chegaron as costas da zona e outros obxectos contribuíron a identificar a procedencia dos restos.

Imaxe da ponte Hintze-Ribeiro o día despois do accidente. Imaxe: RTP1.
Imaxe da ponte Hintze-Ribeiro o día despois do accidente. Imaxe: RTP1.

Pero non serían as únicas que acabaron en Galicia. Á xornada seguinte, en Muxía e Camariñas aparecían outros dous cadáveres. E os seguintes días, outros dous: un tamén na Costa da Morte e outro que chegou ata Cedeira.

Á zona viaxaron varias das familias dos desaparecidos, á procura do conforto de, polo menos, poder atopar os corpos dos seus achegados. Era o único consolo que tiñan, como tantas outras veces lles aconteceu ás familias pescadoras da Costa da Morte.”Todo o mundo os acolliu aquí como se fosen veciños que perderan aos seus. O único que querían era levalos de volta a casa”, lembra Pérez Barrientos.

O accidente causara unha gran conmoción en Portugal. O ministro do Interior dimitiu ao pouco do accidente, e unha investigación determinou que unhas obras de dragado no leito do Douro debilitaran o solo no que se asentaba o piar derrubado. Pero a xustiza determinou que non houbo culpables daquela neglixencia. 17 anos despois, só se conseguiron atopar 23 das 59 persoas que caeron ao río aquela noite de marzo de 2001.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.