A imaxe de Julio Castro amosa un dos brazos da nosa galaxia, a Vía Láctea, coruscando sobre os lagos de Covadonga, en Asturias. A fotografía xa conseguira a medalla de bronce na categoría de panorámicas nos premios ND Awards 2017. Daquela, presentou a imaxe xunto a outras catro tomadas en Punta Nariga e Vilán, na ermida da Virxe do Faro en Brantuas, no concello de Ponteceso, e no Meandro del Melero, entre Salamanca e Cáceres.
Castro acumula varios premios nos International Photo Awards España, nos premios Epson e outros certames internacionais, Julio só leva catro anos dedicándose a isto. “Empecei no 2014, despois dunha viaxe á costa oeste dos Estados Unidos. Impresionáronme as paisaxes, e á volta, comprei unha cámara e comecei a practicar”, comentaba a GCiencia tras recibir o premio ND Awards.
As facilidades que ofrecen a fotografía dixital e as redes sociais estimularon a afición a este tipo de fotografía, aínda que detrás, recoñece Julio, hai moito traballo e horas de práctica. Conta que, por exemplo, andivo detrás da foto de Covadonga moito tempo. “Quería que houbese neve, que a Vía Láctea estivese ben situada, e iso dáse moi poucas veces cada ano. En canto me enterei de que as condicións eran idóneas, collín o coche e marchei cara aló”, lembra.