Un millón de persoas en Galicia xa ten a pauta completa contra a Covid-19

A Consellería de Sanidade confirma que ata este luns completaron a protección contra o coronavirus un total de 1.011.013 habitantes

Case un 38% da poboación galega completou ata este luns 21 de xuño a vacinación contra a Covid-19. Segundo datos facilitados esta mesma mañá desde a Consellería de Sanidade, a última actualización da campaña reflicte que 1.011.013 persoas en Galicia teñen xa a pauta completa, co que se supera un importante fito simbólico cara á protección da poboación e a superación da pandemia que estourou máis de 15 meses atrás, a comezos de marzo de 2020.

Esta cifra acádase 40 días despois de que se chegase ao millón de persoas vacinadas con, polo menos, unha das doses. Hoxe, xa hai máis dun 56% do censo que recibiu, canto menos, unha inxección. Desde o 11 de maio, a chegada dun maior número de doses e a rápida inmunización que permite a vacina monodose de Janssen aceleraron a campaña. Así, dos máis de 2,4 millóns de vacinas administradas desde finais de decembro de 2020 en Galicia, un millón delas inxectáronse nos últimos 40 días. O ritmo continuará incrementándose nas vindeiras semanas pola chegada de novas doses. Este mesmo luns, segundo avanzou o Ministerio de Sanidad, distribuiranse 1,6 millóns de unidades da fórmula Comirnaty, de Pfizer/BioNTech.

Publicidade

A protección que confiren as vacinas constátase no descenso de diversos indicadores. Estudos preliminares que desenvolven as autoridades sanitarias galegas nos últimos meses están xa a constatar un descenso por riba do 90% nos casos graves e mortes por Covid-19 nas persoas inmunizadas.

Desde a práctica desaparición dos casos das residencias de persoas maiores ata a menor proporción de falecementos nos grupos de idade protexidos maioritariamente polas vacinas. Nos últimos meses, a cifra de óbitos vai descendendo: en abril foron 47, en maio 29 e no que vai de xuño, rexistráronse 12 mortes de persoas afectadas por coronavirus. A porcentaxe de falecidos maiores de 80 anos desde comezos de maio, cando se completou a vacinación deste grupo, descendeu notablemente: se no conxunto da pandemia representan máis do 70% dos óbitos, a porcentaxe cae xa por baixo do 55% no último mes.

Publicidade

En canto ás hospitalizacións, o número de persoas atendidas en centros hospitalarios e coidados intensivos é o menor desde mediados de agosto de 2020. A cifra mantense estable nas últimas semanas. E, ademais, a incidencia acumulada de novos casos mantense nun feble, pero constante descenso: na contorna dos 40 casos/100.000 habitantes a 14 días e 20 a 7. A cifra de novos positivos detectados diariamente consolídase por baixo dos 100, e a positividade das probas, por baixo do 3%.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha masa de aire marítima tumba as temperaturas ata 10 graos en Galicia no inicio do outono

Unha fronte traerá precipitacións á comunidade a partir do sábado, unha situación que podería continuar a próxima semana

Entre a volta ás aulas e o descenso da vacinación en Europa: cales son as vacinas necesarias na infancia?

O calendario infantil marca que os bebés recibirán a maior parte das súas doses durante o seu primeiro ano de vida

Un proxecto galego crea ferramentas para detectar a sarcopenia a partir de imaxes radiolóxicas lumbares

Unha iniciativa do IIS Galicia Sur analiza datos clínicos con IA para extraer biomarcadores arredor dunha enfermidade ligada ao envellecemento e o sedentarismo

Do bloqueo anticiclónico ao aire norteafricano: por que Galicia supera os 38 graos ás portas do outono

O alivio térmico podería chegar a partir do venres pero non se prevén chuvias no que queda de setembro