O maio de 2020 foi o máis cálido desde 1961, con 3,32ºC por riba da media

O informe estacional da primavera elaborado por MeteoGalicia expón que os últimos meses foron "moi cálidos" e unhas precipitacións dentro do normal

Mapa de anomalías de temperatura media na primavera de 2020. Fonte: MeteoGalicia.
Mapa de anomalías de temperatura media na primavera de 2020. Fonte: MeteoGalicia.

As altas temperaturas do mes de maio, sobre todo nos últimos días, no que os valores de Galicia chegaron a estar entre os máis elevados do territorio español, provocaron que o pasado mes fose o máis cálido da serie que rexistra MeteoGalicia desde 1961. Así se deu a coñecer no informe estacional da primavera que a axencia meteorolóxica publicou esta semana. O conxunto da estación foi “moi cálido”, mentres que as precipitacións mantivéronse dentro do rango de valores considerados normais.

Marzo, abril e maio

Mentres que o comezo da primavera, sobre todo no mes de marzo, se mantivo nos niveis habituais de temperatura e precipitación, mesmo con valores superiores neste último termo, a situación do tempo en maio, principalmente na segunda quincena, rachou con algúns rexistros debido a un tempo “moi seco” e “extremadamente cálido”, en atención á caracterización que fai MeteoGalicia. Así, no conxunto da estación, a temperatura da primavera de 2020 (meses de marzo, abril e maio) foi moi cálida, con unha anomalía positiva na temperatura media de +1.68 ºC. Os tres meses estiveron caracterizados por tempo cambiante, pero en xeral os días de frío foron suaves, con mínimas moito máis cálidas do normal.

A anomalía de temperatural en maio manifestouse sobre todo nas máximas, que foron 4,15ºC máis altas do normal (23,9ºC de media), mentres que as mínimas foron de +2,49ºC (11,6ºC) , o que ocasionou que o termómetro estivera, de media, 3,32ºC por riba do que é habitual (17,7ºC fronte a 14,4ºC) para os rexistros da serie desde 1961.

Nos días máis calorosos da estación, 28 e 29 de maio, Ourense chegou aos 36,6º, Leiro aos 36,1º e A Arnoia e Ribas de Sil estiveron tamén por riba dos 35º. A calor chegou tamén a zonas altas, cos 29,5ºC rexistrados no Cebreiro o día 28 e os 28,4ºC do Invernadeiro na xornada seguinte.

Fonte: MeteoGalicia.
Fonte: MeteoGalicia.

Por zonas, as anomalías positivas no conxunto da estación destacáronse no centro de Lugo e rexións do noroeste e o sueste da provincia de Ourense, cunha media de 2,5ºC por riba do agardado en toda a estación.

Precipitacións

No referente ás precipitacións, a primavera de 2020 moveuse dentro da normalidade en comparación co período de referencia 1981-2010, cun marzo e abril normais e un maio moi seco. O informe de MeteoGalicia conclúe que a cantidade de chuvia media recollida foi de 307 litros por metro cadrado.

Mentres que en marzo choveu algo máis do normal, sobre todo polas chuvias rexistradas na primeira semana, cando as borrascas foron moi activas e deixaron cantidades significativas de precipitacións, cunha anomalía media dun 40% por riba. En abril, tamén volveron a estar por riba do agardado, un 8%, debido as situacións frontais con máis frecuencia do habitual.

No mes de maio, as chuvias estiveron en xeral por debaixo do habitual, principalmente debido á ausencia de chuvias xeneralizadas na segunda quincena do mes. As precipitacións rexistradas foron de tipo convectivo, moi irregularmente repartidas, que fixeron que en puntos concretos as chuvias puidesen ser normais ou mesmo superiores ás agardadas en maio, sen embargo, a anomalía media das precipitacións para este mes de maio en toda Galicia, foi dun 49% por debaixo do normal, polo que o mes considerase como moi seco, tendo en conta o conxunto da Comunidade.


Podes consultar o informe climatolóxico da primavera nesta ligazón (PDF).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.