Premian á cidade de Santiago pola súa xestión para mellorar a calidade do aire

O premio Aire Limpio recoñece a investigación desenvolvida entre o Concello e científicos do CiTIUS e o Cretus para analizar a polución e tomar medidas

Santiago de Compostela acaba de ser distinguida como a cidade menor de cen mil habitantes máis comprometida coa calidade do aire no seu ambiente polo xurado do II Premio X Aire Limpio, promovido pola plataforma do mesmo nome. Recoñécese deste xeito o carácter innovador e colaborativo do proxecto TRAFAIR (Understanding Traffic Flows to Improve Air Quality), un consorcio europeo integrado por nove organizacións de España e Italia cuxo máximo responsable na cidade é o investigador da USC José Ramón Ríos Viqueira.

O científico do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), amosouse compracido tras a notificación do recoñecemento á cidade. “Para os investigadores que participamos neste proxecto, todos membros do grupo de investigación en Gráficos por Computador e Enxeñaría de Datos (COGRADE), este premio é unha proba clara de que a investigación realizada, ademais de ter impacto científico, ten tamén un impacto social moi importante, que neste caso redundará nun mellor coñecemento sobre a calidade do aire que se respira en Santiago de Compostela”, afirma Ríos Viqueira.

Publicidade

Concellos pioneiros

O premio supón un recoñecemento aos concellos españois pioneiros na posta en marcha de accións destinadas a mellorar a calidade do aire, co obxectivo de facer os seus esforzos visibles e promover que sirvan de inspiración para outros homólogos locais. O xurado, composto por investigadores de prestixio e asociacións profesionais da calidade do aire, puxo de manifesto a súa grata sorpresa polo número e bo facer das candidaturas, mesmo tendo en conta o contexto sanitario.

Publicidade

Na categoría de cidades menores de cen mil habitantes, o xurado destacou a Santiago de Compostela en recoñecemento ao rigor científico do proxecto TRAFAIR, salientando aspectos como a utilización de novas tecnoloxías ou o desenvolvemento de servizos innovadores e sostibles para producir nova información robusta e fiable. Ademais, destacaron a valiosa e pioneira xeración de coñecemento que xorde ao cooperar administracións públicas e universidades de España e Italia, tal e como recollía a candidatura de Compostela. O xurado tamén recoñeceu as candidaturas de Zaragoza e Sabadell na categoría de cidades maiores de cen mil habitantes

Tanto o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, como a concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, agradeceron a concesión do premio e o recoñecemento que este supón ao esforzo municipal por mellorar a calidade do aire do municipio. Lembrou o rexedor que grazas ao programa TRAFAIR estanse instalando sensores de calidade do aire nas zonas de meirande intensidade de circulación, algúns dos cales están xa en funcionamento. Isto proporcionará unha imaxe en tempo real das condicións do aire nos momentos de maior conxestión do tráfico, para así poder determinar unha mellor e mais eficiente xestión destes fluxos. O acto de entrega dos premios, que contará con representación institucional na plantación dunha árbore como símbolo da renaturalización das cidades, realizarase cando a situación sanitaria o permita.

TRAFAIR é un proxecto europeo no que, alén da USC, e xunto ao Concello de Santiago de Compostela, participan tamén o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), e outros seis socios europeos. O seu obxectivo é estudar a calidade do aire en función das condicións climatolóxicas e do tráfico rodado. Os resultados que se acaden permitirán ás administracións ter datos que permitan cuantificar a polución no aire e o xeito en que se distribúe polas cidades; e adoptar as medidas necesarias para diminuír dito impacto. Ao mesmo tempo, permite concienciar a cidadanía e as institucións públicas sobre a calidade do aire que respiramos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cales son as principais ameazas para a saúde global? Estes son os 17 retos para o século XXI

O Comité da prestixiosa revista médica ‘The Lancet’ identifica os riscos que poderían comprometer a supervivencia das vindeiras xeracións ata 2100

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Galicia presenta no Parlamento Europeo unha ferramenta pioneira para avaliar o uso do galego na IA

O Proxecto Nós, impulsado pola USC, amosa os resultados iniciais de “Arena Nós”, que analiza como os grandes modelos comprenden, xeran e representan a lingua

Un estudo da USC constata efectos respiratorios persistentes cinco anos despois da erupción da Palma

A investigación incluíu máis de 600 participantes e comparou a evolución de poboación exposta e non exposta dentro da illa