Sábado 20 Abril 2024

Quen, cando e onde está morrendo pola Covid-19 en Galicia?

Case a metade dos óbitos rexistrados ata o momentos son de persoas residentes en centros de maiores, onde se concentran boa parte dos positivos

Desde que o 14 de marzo se rexistrara o primeiro falecemento pola doenza Covid-19, causada polo coronavirus SARS-CoV-2, en Galiciamáis de 420 persoas faleceron nos hospitais e residencias de maiores por mor desta infección, que afecta especialmente a persoas de idade avanzada e con doenzas previas do aparello respiratorio, cardiovascular ou endócrino. Así, a idade media das vítimas, tomada a partir dos casos dos que a Consellería de Sanidade achegou información de idade e sexo (algo máis de 300 mortes), é de 80,83 anos.

Ante a crise, as políticas de información diverxen non só entre distintos países, senón tamén entre as propias comunidades autónomas. Deste xeito, mentres que algunhas zonas, como Cataluña, Euskadi ou Castilla y León achegan información detallada dos casos activos e a súa localización, o a Xunta de Galicia está a achegar os datos por cada unha das sete áreas sanitarias nas que se distribúe o territorio e a situación hospitalaria do total. Por outra banda, por exemplo, Galicia é unha das comunidades (non todas o fan) que ofrece detalles diarios da situación nas residencias de maiores e das probas PCR realizadas.

Publicidade

Os focos nos centros de maiores fan medrar os novos casos en Galicia

Algo máis dun mes despois do comezo da crise, toda vez que parece remitir a epidemia no conxunto da poboación, e coa perspectiva dunha relaxación das medidas de confinamento, é posible facer un balance das persoas que faleceron por mor da doenza. Con todo, non se pode analizar polo miúdo todos e cada un dos óbitos, xa que, por exemplo, non se facilitaron datos sobre máis de 100 das mortes que tiveron lugar entre usuarios de residencias de maiores, tanto nos propios centros como nos hospitais e as residencias habilitadas como “integradas” para atender a pacientes positivos trasladados desde outros centros.

Falecementos en hospitais por área sanitaria

A Coruña é área en cuxos centros (situados na capital provincial e a localidade de Cee) faleceron máis persoas nos hospitais. Son 97, algo menos dun terzo das 320 que morreron ata o momento pola Covid-19. Séguea Vigo, con 64, Ourense-Verín-O Barco, con 60, Santiago-Barbanza, con 45, Ferrol e Lugo-A Mariña-Monforte, con 21, e Pontevedra-Salnés, con 12.

Día a día

Os falecementos por Covid-19 superaron o limiar dos 10 diarios desde 28 de marzo. O 4 de abril, debido ao cambio de criterio polo que se comezaron a sumar á listaxe oficial as mortes en residencias de maiores, sumáronse 51 óbitos. Con todo, ese aumento correspóndese en realidade a mortes producidas nos días anteriores. Así, o máximo ata o momento rexistrouse o pasado sábado 11, con 29 mortes, 16 delas de persoas usuarias de centros de maiores. Estas datas correspóndense co exceso de mortalidade detectado en Galicia a finais de marzo e comezos de abril, que aínda sendo o menor das comunidades autónomas, amosa o impacto da pandemia.

Sexo, idade e lugar dos falecementos

Tendo en conta os falecementos nos que se achegaron máis detalles, é posible trazar a imaxe cronolóxica de máis de 300 mortes por coronavirus en Galicia, como se pode ver no gráfico baixo estas liñas.

En canto á idade e o sexo, outra forma de ver o impacto é o da pirámide de idade dos óbitos. É o único dato dispoñible sobre a idade das persoas que padecen a doenza, toda vez que non se achega esta información demográfica sobre os casos activos:

As residencias de maiores

Os residentes destes centros e o persoal que traballa neles representa desde hai días máis do 22% do total de casos activos en Galicia. Nun momento de remisión da epidemia, a propagación do virus dentro das instalacións de maiores e persoas con discapacidade é un dos puntos febles da situación.

Ata este xoves faleceron preto dun cento de usuarios en algo menos de 20 residencias, toda vez que, segundo denuncia o presidente da Federación REDE, Paulino Campus, producíronse máis falecementos nestes días de persoas con posibles síntomas de Covid-19 ás que non se lle realizou a proba diagnóstica ou deron negativo días antes.

Dúas das tres residencias máis afectadas en canto a número de mortes e casos (DomusVi-San Lázaro) e NS La Esperanza de Ourense, da Fundación San Rosendo, seguen xestionadas polos seus propietarios, ao contrario que as de DomusVi de Cangas, Barreiro-Vigo e NS Fátima do Barco, intervidas pola Xunta ante o agravamento da situación.

A estes preto de 100 falecementos nas propias residencias hai que engadir os de máis de 80 usuarios que morreron polo coronavirus despois de seren trasladados a centros sanitarios ou residencias “integradas”. Esta foi a denominación que recibiron nun primeiro momento centros habilitados para maiores contaxiados en Santiago e Baños de Molgas, ás que despois se sumaron as de DomusVi de Vigo e Cangas, así como a NS Fátima do Barco de Valdeorras.


NOTA: os datos recollidos no texto proceden das Consellerías de Sanidade e Política Social da Xunta de Galicia e o Ministerio de Sanidad, así como das informacións publicadas por medios de comunicación e axencias como Praza Pública, Nós Diario La Voz de Galicia, Europa Press, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Progreso ou La Región.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204