Xoves 28 Marzo 2024

Consulta os casos e a incidencia da Covid-19 no teu concello neste mapa

A Xunta de Galicia comeza a difundir o número de casos detectados na maioría dos municipios, agás os que detectan menos de 9

A Xunta de Galicia publicou este sábado por primeira vez, e con maior nivel de detalle, un novo mapa para observar a evolución da pandemia da Covid-19 en Galicia. Este mapa recolle as probas diagnósticas de infección activa (PDIA) nas que se inclúen as probas PCR e os tests de detección de antíxenos que se usan desde hai semanas en España.

Porén, os datos que se achegan no web sobre o coronavirus do Sergas carecen dun código de cores, xa que todo o territorio aparece en azul, a pesar das diferentes incidencias en diversas áreas do país. E deixan de utilizarse, deste xeito, os catro niveis que se foron amosando desde comezos de outubro, en función do rango de casos que se notificaban nos últimos sete e 14 días. Este código de cores, que non se correspondía co mapa de restricións establecido pola Xunta, causou confusión entre a cidadanía, ao relacionar, por exemplo, o nivel vermello (máis de 21 casos na última semana) co maior nivel de restricións, algo que non sempre concidía. Así, e a pesar de que o mapa do Sergas deixa de reflectir a desigual evolución da Covid-19 en Galicia, é posible presentar estes datos a través da ferramenta de visualización Datawrapper, a mesma que utiliza no seu mapa a consellería.

Publicidade

As zonas con maior incidencia

En relación á súa poboación, as comarcas máis afectadas pola Covid-19 nas últimas semanas son as de Bergantiños e Soneira, con concellos como Coristanco, Cabana, ou Malpica superando a taxa de 1.000 casos por cada 100.000 habitantes, xa que se trata de municipios con menos de 7.000 habitantes que están por riba dos 60 positivos detectados nos últimos 14 días. No noroeste da Coruña, Por riba da taxa de 600 casos/100.000 hab. nos últimos 14 días están tamén Dumbría, Ponteceso ou Cerceda, e cun importante nivel de casos en relación á súa poboación atópanse tamén Carballo, Vimianzo ou Laxe.

Na contorna das cidades de Vigo e Pontevedra, practicamente todos os municipios superan a media de Galicia, situada este venres, segundo os datos de Sanidad, nos 286,68 casos por 100.000 habitantes nos últimos 14 días. Algúns municipios, polo seu pequeno tamaño, teñen unha incidencia que deturpa a situación real. Porén, é destacable a situación de Mos, cunha incidencia de máis de 1.350 casos/100.000 habitantes nestas últimas dúas semanas. E a situación tamén é complicada na contorna da cidade de Lugo, ademais de municipios como Vilalba ou Chantada, cunha alta incidencia nas últimas semanas. Nos casos de Mos e Vilalba, boa parte dos casos concéntranse nas dúas residencias de maiores máis afectadas en Galicia nas últimas semanas, aínda que a transmisión tamén é importante fóra destes centros.

Na outra parte, 54 concellos non rexistran nas últimas dúas semanas ningún caso novo de Covid-19. A meirande parte deles están nas provincias de Lugo e Ourense. Outros 131 municipios rexistraron entre 1 e 9 casos. Tal e como avanzara a Xunta, e para evitar posibles problemas e sinalamentos nestas zonas (o presidente chegou a cualificar de “perigosísimo” proporcionar estes datos, que outras comunidades autónomas si achegan desde hai meses), establécese este rango. Co fin de que non se proxecten cifras esaxeradas de incidencia, estes concellos aparecen no mapa coa súa incidencia mínima, como se rexistrasen só un caso. Na meirande parte dos casos, estes focos son pequenos e controlados, polo que non expoñen un risco alto de transmisión.

Consulta o mapa aquí:

Aquí podes buscar os casos e a incidencia acumulada dos últimos 14 días no teu concello.

Este sábado, Sanidade confirmou 561 casos de Covid-19 detectados mediante PCR. 171 deles concentráronse na área de Vigo, 110 na da Coruña, 87 na de Pontevedra, 69 na de Santiago, 55 na de Lugo, 35 na de Ferrol, e 34 na de Ourense. Producíronse 13 novos falecementos, o que eleva a cifra de mortes con Covid-19 a 1.132, e baixa a ocupación nos hospitais, con 96 persoas na UCI e 438 noutras unidades. Os casos activos sitúanse en 8.978,

Este venres, a Xunta acordou estender as limitacións aos municipios de A Laracha e Vilalba, ademais de rebaixar as restricións vixentes desde hai máis dun mes no Carballiño. Tes máis detalles aquí:

A Xunta inclúe A Laracha e Vilalba no peche perimetral, que se levanta no Carballiño

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.