Sábado 20 Abril 2024

A Xunta inclúe A Laracha e Vilalba no peche perimetral, que se levanta no Carballiño

O Sergas anuncia un cribado masivo na área de Vigo por mor do aumento de novos casos e mantén vixilancia especial en Ribeira e A Rúa

As boas perspectivas dos últimos días sobre a evolución da pandemia da Covid-19 en Galicia parecen frearse, canto menos en parte, cos datos deste xoves e venres. Os 685 novos casos notificados nas últimas horas, concentrados en boa parte nas áreas de Vigo e Lugo, lembran o risco que pode derivarse da relaxación das restricións, asunto que colle pulo desde hai días ao remitir as cifras no contexto estatal. Un novo gran brote nunha residencia de persoas anciás, con 114 usuarios e 18 traballadores afectados en Vilalba, xunto á transmisión detectada no municipio, fixo que o concello entrase no mapa das medidas máis estritas establecidas pola Xunta de Galicia, co peche perimetral.

A Vilalba súmase A Laracha, que co aumento de positivos dos últimos días quedará pechada co resto da comarca de Bergantiños. Pola contra, O Carballiño, o primeiro municipio no que se tomaron as medidas vixentes agora en 70 concellos galegos, pasa a equipararse coas áreas do país no chamado nivel 2 de emerxencia, ao constatarse a boa evolución das últimas semanas. Por outra banda, Ribeira e A Rúa quedarán baixo “vixilancia especial” por parte do comité clínico debido ao aumento de casos, pero non se establecen por agora as medidas máis estritas. Ademais, o Sergas poñerá en marcha no concello de Vigo un peneirado masivo para as persoas de entre 20 e 60 anos, co obxectivo de detectar e conter posibles brotes na que é a área con maior número de casos nas últimas semanas.

Publicidade

O novo mapa de medidas

Desde esta medianoite, ao sumar A Laracha e Vilalba ao peche, e en principio ata o vindeiro 4 de decembro, as persoas residentes en 70 concellos galegos manteranse coas restricións.

Ademais da limitación de reunións a persoas conviventes, o peche dos locais de hostalaría e outras actividades esenciais, nestes 70 concellos a práctica deportiva queda restrinxida á actividade individual, e nos espazos culturais, como cines, teatros, auditorios e outros recintos, a capacidade estará limitada ao 50%, mais cun límite de 30 persoas en interior e 75 no exterior.

Situación actual

O aumento de novos casos en Lugo e Vigo leva a estas áreas ás cifras máis altas desde comezos de outubro, cando a Xunta de Galicia comezou a publicar diariamente as cifras de novos casos. A Coruña e Pontevedra, ata o momento, non experimentan descensos de casos derivados das novas medidas, en parte polos cribados que se impulsaron  para detectar posibles brotes nalgunhas zonas. Pola contra, Ferrol, Santiago e Ourense parecen amosar unha mellor evolución:

O número de probas PCR realizadas freouse nos últimos días, despois de superar en varias ocasións as 8.000 en semanas previas. Porén, o aumento de casos fai medrar, por tanto, a taxa de positividade por riba do 10%, un limiar que se afasta dos criterios establecidos pola OMS (3-5%) para controlar a transmisión.

En canto aos casos activos (persoas que na actualidade seguen baixo vixilancia clínica), o número mantense en 9.086, en cifras semellantes a días anteriores. Isto evidencia, entre outras causas, que o número de persoas que están a ser diagnosticadas é semellante ao das altas. Así vai este indicador nos últimos días.

Nos hospitais hai, segundo os últimos datos, 472 en unidades de hospitalización e 97 na UCI. A ocupación mantense máis estable na última semana. Segundo os datos facilitados ao Ministerio de Sanidad, en Galicia están ocupadas na actualidade con pacientes de Covid-19 o 14% das camas de UCI e o 6,7% das outras unidades de hospitalización, ás que hai que ingresar os pacientes ingresados por outras patoloxías.

A cifra de falecementos mantense estes días nos niveis máis elevados da segunda onda, por mor dos brotes en colectivos vulnerables, como as residencias de maiores, e o agravamento de casos detectados en outubro. Nas últimas dúas semanas, faleceron en Galicia con coronavirus 150 persoas, das que 62 eran usuarias de residencias de maiores.


Resumo das medidas vixentes, en principio ata o 4 de decembro.

🗺️Nos concellos con peche perimetral🚧

🏠 Reunións limitadas a persoas conviventes.

☕️ 🍺 Peche os locais de hostalaría. Os establecementos están pechados, pero permítese a recollida no local e manterase o servizo a domicilio.

🏃🏽‍♀️ Práctica deportiva restrinxida á actividade individual.

🎭 Nos espazos culturais, como cines, teatros, auditorios e outros recintos, a capacidade estará limitada ao 50%, mais cun límite de 30 persoas en interior e 75 no exterior.

🚗👥📚 Excepcións á limitación de mobilidade nestes concellos

No caso dos concellos con peche perimetral, o decreto contempla estas excepcións:

🏥 Asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios.

👷🏽‍♀️ Cumprimento de obrigas laborais, profesionais, empresariais, institucionais ou legais.

👩🏽‍🏫Asistencia a centros universitarios, docentes e educativos, incluídas as escolas de educación infantil.

🏡Retorno ao lugar de residencia habitual ou familiar.

👵🏽Asistencia e coidado a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables.

💶Desprazamento a entidades financeiras e de seguros ou estacións de servizo en territorios limítrofes.

📄Actuacións requiridas ou urxentes ante os órganos públicos, xudiciais ou notariais.

💳Renovacións de permisos e documentación oficial, así como outros trámites administrativos inaprazables.

📝Realización de exames ou probas oficiais inaprazables.

⚰️Por causa de forza maior ou situación de necesidade.

⚠️Calquera outra actividade de análoga natureza, debidamente acreditada.

Resto de Galicia

A nova lista de medidas establece tamén novidades nos concellos galegos non sinalados no mapa superior, nas que rexerán estas limitacións:

👩‍👩‍👧 O máximo de persoas nas reunións sobe de 5 a 6 (o número pode ser superior se todas as persoas son conviventes).

🍻 Os locais de hostalaría estarán abertos, cunha capacidade de 50% no interior e un 75% nas terrazas.

🛒 O comercio rexerase polas mesmas medidas en toda Galicia. Os locais comerciais terán a capacidade limitada ao 50%. Nas áreas comúns de centros comerciais, a capacidade máxima será do 33%.

🏨Limítanse as saídas de usuarios de residencias de persoas anciás ou con discapacidade, pero mantéñense as visitas coas medidas vixentes ata o momento.

🌖 Confinamento nocturno. Segue vixente en toda Galicia esta medida, derivada do estado de alarma decretado polo Goberno español.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204