Venres 19 Abril 2024

Galicia diagnosticou na última semana 50 novos casos de Covid-19

Os cambios na notificación de datos do Ministerio de Sanidad sitúan á comunidade como unha das rexións con menor incidencia nos últimos 14 días

Á espera de que a nova estratexia e diagnóstico, vixilancia e control da Covid-19 ordenada polo Ministerio de Sanidad supere as “discrepancias” nos datos recollidos nos últimos días, e ofrezan unha imaxe actualizada das cifras da pandemia, o Goberno español informou este martes de que en Galicia se diagnosticaron durante o luns tres novos casos, despois de que o domingo se cumprira o primeiro día desde o comezo da crise no que non se engadiu ningún novo positivo á serie que ofrece Sanidad. Segundo a Consellería de Sanidade (que dá conta dos casos activos, pero non dos novos diagnósticos), en Galicia estase seguindo actualmente a 834 persoas afectadas pola Covid-19, 20 menos ca onte.

En España, os cambios na notificación de datos fixeron baixar a cifra de falecementos global e, sobre todo, a de mortes rexistradas nos últimos sete días, que segundo o novo criterio foron 35. Con todo, a cifra de falecementos de toda a serie, desde o comezo da crise, sobre en máis de 300 persoas (de 26.834 a 27.117) respecto a onte ao seguir revisando casos sospeitosos e/ou duplicados, tal e como explicou Fernando Simón, director do Centro de Coordinación de Alertas y Emergencias Sanitarias (CCAES).

Publicidade

Baixa incidencia acumulada en Galicia

O novo criterio na difusión dos datos por parte de Sanidad fai aflorar tamén que Galicia é unha das comunidades con menor incidencia acumulada nas últimas dúas semanas (3,78 casos diagnosticados nos últimos 14 días por cada 100.000 habitantes, fronte aos 14,86 da media de España). Nestas dúas semanas, Galicia confirmou 102 novos casos, aínda que só 17 deles iniciaron síntomas neste rango de tempo. Se o tempo se cingue aos últimos sete días, as cifras son de 50 novos diagnósticos e só 3 persoas con inicio de síntomas na última semana.

En atención a estas cifras, Galicia rexistra unha das menores incidencias acumuladas desde comezos de maio. Tendo en conta os últimos 14 días, Galicia é a sétima comunidade con menor taxa de novos positivos, mentres que no referente á última semana, está por riba de Andalucía, Canarias, Asturias, Extremadura, Murcia e Melilla (onde non houbo ningún positivo).

Nova notificación de casos

Segundo a nova estratexia de seguimento, como aclara a información que difunde o Ministerio de Sanidad, a partir do 11 de maio considérase caso novo o confirmado por proba PCR ou ben mediante test serolóxico (non rápido) que confirme a presenza de anticorpos IgM (os que aparecen en fases máis temperás da infección) en persoas con “sintomatoloxía compatible” coa Covid-19. Ata o 10 de maio só se contabilizaban nesta táboa os casos confirmados mediante a técnica PCR, que detecta o ARN do virus no organismo.

A revisión de casos e as conseguintes discrepancias tamén afectan ao total de positivos confirmados por esta vía en Galicia e ao número de falecementos. Os casos detectados mediante PCR e IgM soben de 9.079 a 9.108 (o que non quere dicir que a diferenza sexa a de novos casos detectados) e as mortes. Dos 614 óbitos dos que seguía informando a Xunta, Sanidad expón 607 falecementos, e só un deles se tería producido nos últimos sete días.

O Ministerio adianta que as discrepancias que aparecen nas cifras deste luns “poderían persistir varios días“, ao ter que completar a revisión da información que se recibe desde as comunidades autónomas e ir corrixíndoa de forma individualizada.

Casos activos

No que corresponde aos casos activos, hai 834 segundo a última información de Sanidade. 207 están na área da Coruña-Cee, 58 na de Lugo-A Mariña-Monforte, 121 na de Ourense-Verín-O Barco, 36 na de Pontevedra-Salnés, 250 na área de Vigo, 137 na de Santiago-Barbanza e 25 na de Ferrol. Así evolucionou a situación desde finais de abril:

En canto á situación nos hospitais, actualmente hai sete persoas na UCI e 52 noutras unidades, (59 en total). No domicilio están sendo seguidas 775 persoas (case un 93% do total). Segundo as cifras do Ministerio de Sanidad, que dá conta dos ingresos nos hospitais nos últimos sete días, só tres persoas tiveron que ser hospitalizadas en Galicia por mor da Covid-19. A ocupación hospitalaria pola doenza é semellante á do 17 de marzo, tres días despois da declaración do estado de alarma.

En canto á evolución do total de casos detectados ata o momento, o cambio na información do Ministerio de Sanidad altera a serie de positivos confirmados por PCR, pero non muda o total de positivos notificados. Son 11.212 en Galicia. Deles, 9.108 detectáronse mediante PCR e/ou positivo por anticorpos IgM con síntomas compatibles, polo que os restantes 2.104 teríanse diagnosticado a través das probas de anticorpos, pero non terían por que ser infeccións activas no momento do diagnóstico. Con todo, estes números sempre se corresponden co cumio da pirámide de persoas afectadas, é dicir, óbvianse aquelas persoas que puideron ter pasada a infección pero non lles foi realizada unha análise para confirmalo. A cifra de 11.212 persoas extráese da suma dos 834 casos activos dos que informa a Consellería de Sanidade, as 9.764 altas (xa son máis do 87% do total de infeccións) e os 614 falecementos (que o Ministerio de Sanidad reduce a 607). Así foi a evolución desde o comezo da crise.

Nas residencias de maiores e centros de discapacidade, están activos 133 casos (73 usuarios e 60 profesionais). Ata o momento faleceron 272 usuarios destas instalacións (132 deles nas propias residencias e 140, nas chamadas residencias ‘integradas’ ou nos hospitais.

En canto á realización de probas PCR, a Xunta de Galicia informou de 136.059 ata este luns 25. As cifras do Ministerio de Sanidad, actualizadas semanalmente, e que recollen os datos ata o pasado 21 de maio, elevan o número a 145.843. En canto aos tests de anticorpos, Galicia tería realizado, segundo Sanidad, 139.056 análises.


No web do Ministerio de Sanidad pode consultarse a nova estratexia de diagnóstico, vixilancia e control da Covid-19 que determina os cambios na notificación de casos (ver PDF).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204