Venres 26 Abril 2024

Microbiólogos galegos lideran un novo avance no tratamento de infeccións

A revista "Scientific Reports" publica un estudo encabezado polo servizo de Microbioloxía do Chuac sobre bacterias resistentes a antibióticos

Desde o comezo da crise da Covid-19, os servizos de Microbioloxía dos hospitais galegos están no foco mediático polo seu traballo esencial na análise e detección dos contaxios. Pero o seu traballo diario abrangue moitos máis aspectos que redundan, do mesmo xeito, na saúde de moitas outras persoas. Un exemplo é o traballo que investigadores do departamento de Microbioloxía do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (Inibic), integrado no Chuac e a UDC, acaban de publicar na revista Scientific Reports, do grupo Nature. A investigación, cuxa autora principal é María Tomás, demostra como a combinación da colistina, un tipo de antibiótico, coas endolisinas podería mellorar o tratamento contra as bacterias multirresistentes.

Tal e como coinciden en sinalar a comunidade científica, a resistencia bacteriana a distintos tipos de antibióticos vaise converter nun relevante problema de saúde pública no futuro, o que dificultará o desenvolvemento de tratamentos axeitados para superar este obstáculo. Neste caso, a investigación liderada polo equipo coruñés conclúe que engadir endolisinas á colistina mellora a actividade deste antibiótico fronte a bacterias multirresistentes, o que podería permitir reducir a dose de colistina e por tanto os seus efectos adversos. O estudo realizouse in vitro e en modelo animal, polo que esta opción aínda non se investigou en pacientes.

Publicidade

As endolisinas son uns encimas producidas por bacteriófagos (virus que infectan bacterias) que son capaces de dixerir a parede celular bacteriana. Desde hai anos estase a investigar o seu uso como posible alternativa aos antibióticos clásicos, xa que permiten eliminar de maneira selectiva os patóxenos invasores, mesmo cando se trata de cepas multirresistentes aos antibióticos. Por iso, as endolisinas tamén se coñecen como enzibióticos.

Así, a investigación comprobou tanto ‘in vitro’ como ‘in vivo’ (en modelos animais), que a combinación de endolisinas coa colistina incrementa a capacidade bactericida deste antibiótico e permite o seu uso a doses máis baixas.

O estudo identificou as endolisinas ElyA1 e ElyA2, da familia GH108- PG3, presentes no xenoma dos bacteriófagos Ab1051Φ and Ab1052Φ, respectivamente. Os investigadores analizaron a actividade destas endolisinas e da súa combinación coa colistina sobre cepas multirresistentes de bacterias como Acinetobacter baumannii, Pseudomonas aeruginosa e Klebsiella pneumoniae.

Resultados do traballo

Os resultados mostran que a endolisina ElyA1 mostrou actividade contra todas as cepas de A. baumannii e P. aeruginosa utilizadas no ensaio -un total de 25-, e contra 13 das 17 cepas de K. pneumoniae. A endolisina ElyA2, pola contra, non demostrou actividade para ningunha das cepas probadas. Finalmente, a combinación antimicrobiana de colistina e endolisina ElyA1 mostrou unha redución nas concentracións mínimas inhibitorias (MICs) de colistina para todas as cepas estudadas, excepto para K. pneumoniae. Estes resultados, obtidos en probas in vitro, confirmáronse posteriormente en modelos animais no verme  Galleria mellonella e en infeccións de pulmón e pel en rato.

Desta maneira, o traballo conclúe que a combinación da colistina e a nova endolisina ElyA1 aumentou a capacidade bactericida in vitro e in vivo da colisitina. Este tipo de tratamento pode permitir unha redución na concentración de colistina utilizada en tratamentos antimicrobianos fronte a bacterias multirresistentes, reducindo tamén, por tanto, os os seus efectos secundarios tóxicos. Ademais, o amplo espectro de acción da endolisina ElyA1 podería permitir o seu uso fronte a outras bacterias Gram-negativas multirresistentes.

No estudo, ademais do departamento de Microbioloxía do Inibic, tomaron parte científicos e médicos de diversas entidades e hospitais españois. Conta tamén co apoio do Centro Nacional de Microbioloxía do Instituto de Salud Carlos III.


Referencia: In vitro and in vivo efficacy of combinations of colistin and different endolysins against clinical strains of multi-drug resistant pathogens (Publicado en Scientific Reports).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Desconcerto ante o aumento da tosferina: os casos en Galicia en febreiro xa superan os de 2023

As causas deste repunte non están claras e as hipóteses están relacionadas co período postpandémico así como coas temperaturas anómalas do inverno

O fentanilo non é novo en Galicia: “O seu consumo vai ligado a outras drogas"

O CHUAC non observa unha repunta dos casos, aínda que se rexistran de maneira ocasional en persoas intoxicadas tamén por heroína e cocaína

Primeiro mapa de bacterias resistentes: estes son as cinco principais de Galicia

O microorganismo de maior incidencia é 'Klebsiella pneumoniae', unha das enterobacterias máis perigosas polo amplo abano de infeccións que provoca

Científicos galegos participan no primeiro mapa español de bacterias resistentes aos antibióticos

A base de datos en liña proporciona o perfil xenómico de 461 cepas, procedentes de 41 hospitais situados en 13 rexións de España