Venres 19 Abril 2024

Galicia supera o seu primeiro día sen novos casos de Covid-19

No medio da distorsión xerada cos datos difundidos polo Ministerio de Sanidad, causada pola nova estratexia de vixilancia e control da pandemia da Covid-19 marcada o pasado 11 de maio, Galicia viviu un fito ao confirmar o Goberno español que na comunidade non se diagnosticou ningún caso activo de coronavirus este domingo. É a primeira xornada en máis de dous meses na que non se constata ningún novo diagnóstico da doenza.

En España, os cambios na notificación de datos fan baixar os falecidos totais de 28.752 a 26.834, e tamén baixan o total de positivos confirmados respecto a onte, de 235.772 a 235.400. Esta alteración, segundo explicou na súa comparecencia diaria Fernando Simón, director do Centro de Coordinación de Alertas y Emergencias Sanitarias (CCAES), débese ao novo criterio á hora de facer o seguimento da pandemia. “Con este sistema de vixilancia temos información individualizada de cada caso e de cada comunidade autónoma”, o que permite “eliminar duplicados e datos incorrectos, como casos sospeitosos ou non confirmados“. Deste xeito, despois das revisións realizadas, constátanse 50 mortes nos últimos sete días en toda España.

Publicidade

O novo criterio na difusión dos datos por parte de Sanidad fai aflorar tamén que Galicia é unha das comunidades con menor incidencia acumulada nas últimas dúas semanas (2,96 casos diagnosticados nos últimos 14 días por cada 100.000 habitantes, fronte aos 14,56 da media de España). Nestas dúas semanas, Galicia confirmou 80 novos casos, aínda que só 17 deles iniciaron síntomas neste rango de tempo. Se o tempo se cingue aos últimos sete días, as cifras son de 26 novos diagnósticos e só 3 persoas con inicio de síntomas na última semana. Segundo a nova estratexia de seguimento, a partir do 12 de maio considérase caso novo o confirmado por proba PCR ou ben mediante test serolóxico (non rápido) que confirme a presenza de anticorpos IgM, os que aparecen na fase inicial da infección.

A revisión de casos tamén afecta ao total de positivos confirmados por esta vía en Galicia e ao número de falecementos. Os casos pasan de 9.105 a 9.079 e as mortes, das 614 das que informou a Xunta na mañá do luns a 607 segundo Sanidad. O Ministerio adianta que as discrepancias que aparecen nas cifras deste luns “poderían persistir varios días“, ao ter que completar a revisión da información que se recibe desde as comunidades autónomas e ir corrixíndoa de forma individualizada.

Casos activos

No que corresponde aos casos activos, hai 854 segundo a última información de Sanidade. 207 están na área da Coruña-Cee, 58 na de Lugo-A Mariña-Monforte, 127 na de Ourense-Verín-O Barco, 36 na de Pontevedra-Salnés, 255 na área de Vigo, 145 na de Santiago-Barbanza e 26 na de Ferrol. Así evolucionou a situación desde finais de abril:

En canto á situación nos hospitais, actualmente hai 11 persoas na UCI e 60 noutras unidades, (71 en total). No domicilio están sendo seguidas 783 persoas (un 91,69% do total). Segundo as cifras do Ministerio de Sanidad, que analiza os ingresos nos hospitais nos últimos sete días, só seis persoas tiveron que ser hospitalizadas en Galicia por mor da Covid-19. A ocupación é semellante á do 18 de marzo, catro días despois da declaración do estado de alarma.

En canto á evolución do total de casos detectados ata o momento, o cambio na información do Ministerio de Sanidad altera a serie de positivos confirmados por PCR, pero non muda o total de positivos notificados. Son 11.208 en Galicia. Deles, 9.077 detectáronse mediante PCR, polo que os restantes 2.131 teríanse diagnosticado a través das probas de anticorpos. Con todo, estes números sempre se corresponden co cumio da pirámide de persoas afectadas, é dicir, óbvianse aquelas persoas que puideron ter pasada a infección pero non lles foi realizada unha análise para confirmalo. A cifra de 11.208 persoas extráese da suma dos 854 casos activos dos que informa a Consellería de Sanidade, as 9.740 altas (xa son máis do 86% do total de infeccións) e os 614 falecementos (que o Ministerio de Sanidad reduce a 607). Así foi a evolución desde o comezo da crise.

Nas residencias de maiores e centros de discapacidade, están activos 135 casos (73 usuarios e 62 profesionais). Ata o momento faleceron 272 usuarios destas instalacións (132 deles nas propias residencias e 140, nas chamadas residencias ‘integradas’ ou nos hospitais.

En canto á realización de probas PCR, a Xunta de Galicia informou de 135.464 ata este luns 25. As cifras do Ministerio de Sanidad, actualizadas semanalmente, e que recollen os datos ata o pasado 21 de maio, elevan o número a 145.843. En canto aos tests de anticorpos, Galicia tería realizado, segundo Sanidad, 139.056 análises.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da RAG

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204