Sábado 20 Abril 2024

Freo na ‘desecalada’ na Mariña pola posible “transmisión comunitaria” do coronavirus

A Consellería de Sanidade demora a celebración de festas en 14 concellos do norte de Lugo e confirma xa 35 positivos na comarca

A Consellería de Sanidade confirmou no mediodía do xoves dous novos positivos por Covid-19 na Mariña de Lugo, polo que o brote detectado hai agora unha semana na comarca suma xa 35 positivos tras máis de 500 probas realizadas. Tal e como marca a estratexia da chamada “desescalada” e aconsellan as autoridades sanitarias, todas as persoas que estiveron en contacto cos positivos, aínda que deran negativo nas probas, deben confinarse na casa ata 14 días despois do último contacto coas persoas infectadas, tempo no que estarán baixo vixilancia na plataforma de vixilancia epidemiolóxica do Sergas. Neste sentido, e ante o risco de contaxios aínda non detectados que poidan desenvolver novas cadeas de transmisión comunitaria, a Xunta de Galicia decidiu demorar, a través dunha orde publicada no Diario Oficial de Galicia, “o establecemento das actividades dos locais de discotecas e demais establecementos de lecer nocturno, e das festas, verbenas e outros eventos populares, así como das atraccións de feiras” en 14 concellos do norte da provincia.

O freo na “desescalada” vén marcado polo risco de que o virus siga circulando fóra do foco das autoridades sanitarias, a pesar das tarefas de rastrexo desenvolvidas desde a detección do primeiro caso o pasado 23 de xuño. Neste sentido, a orde publicada no DOG, expón que “todos os casos do abrocho están directa ou indirectamente relacionados uns con outros, pero non se pode afirmar nestes momentos que sexa como resultado da progresión dunha única cadea de transmisión e non se pode descartar que sexan froito da confluencia de máis dunha cadea”. De confirmarse isto, advirte o texto daría “unha situación que suxeriría un nivel superior de transmisión previa do virus“.

Publicidade

O elevado número de contactos detectados, a pesar de que máis do 90% deles tiveron resultado negativo na proba PCR, “aumenta a probabilidade de que unha infección asintomática ou paucisintomática pase desapercibida, a pesar de facerlles probas e ao feito de que na zona haxa casos recentes que non se poden relacionar aínda co abrocho, fan pensar que pode persistir unha certa transmisión comunitaria“.

Risco de transmisión da mocidade

Tal e como recoñeceron nunha comparecencia de prensa o xerente da área sanitaria de Lugo, Ramón Ares, e o director asistencial, Rafael Monte, unha parte importante das infeccións confirmadas e os seus contactos son xente nova, un feito que deriva nun maior número de contactos sociais. “É algo que se cando se fai un rastrexo. No caso dunha persoa de 20 anos sae un círculo de amigos, logo outro, logo outro… Fixeron deporte con uns, comeron con outros, tomaron algo con outros. Nunha persoa de 50 anos, por exemplo, o círculo péchase moito antes”, explicou Monte en palabras recollidas por El Progreso.

Ante a mobilidade habitual entre municipios da comarca mariñá, as medidas de prevención esténdense aos concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove. Alcaldes dalgúns dos municipios, en declaracións a Europa Press, expuxeron que a colaboración veciñal está sendo boa e se están tomando especiais precaucións.

Neste sentido, como xa se ten constatado ao longo da pandemia, a porcentaxe de infeccións asintomáticas e paucisintomáticas (leves) é moito maior na mocidade, e tamén se ve no brote da Mariña. Con todo, dúas persoas con resultado positivo están ingresadas no Hospital Público da Mariña, con evolución favorable.

Precisamente polo risco de que se produzan novos focos fóra do radar das autoridades, a Consellería de Sanidade xustifica a decisión de demorar a celebración de eventos nocturnos. “Esta transmisión, aínda que fose de moi pouca intensidade (é dicir, que haxa moi poucos infectados) podería verse notablemente ampliada se unha persoa infectada entrase en contacto con numerosas persoas, como podería ocorrer en locais de lecer nocturno, festas, verbenas e outros eventos populares como romarías ou procesións”.

“A experiencia indica que no lecer nocturno aumentan as posibilidades de exposicións de riscos”, advirte Sanidade

O texto publicado no DOG lembra tamén episodios semellantes que tiveron lugar nas última semanas en España, Portugal e outros países afectados pola pandemia: “A experiencia indica que no lecer nocturno aumentan as posibilidades de exposicións de riscos por varios motivos, algúns intrínsecos ás propias características deste tipo de lecer, e outros do contorno, locais moitas veces pequenos, con ventilación que nalgúns momentos pode non ser suficiente, con música que obriga aumentar o volume de voz, o que aumenta as distancias que percorren as gotiñas expulsadas ao falar, e do consumo de bebidas alcohólicas ou outros produtos, que fan diminuír a sensación de risco e, polo tanto, poden levar a un relaxamento das medidas de protección”, explica Sanidade. O risco esténdese ás festas e verbenas populares e ás atraccións de feiras, a pesar de celebrárense en espazos abertos, por estes mesmos motivos.

 A necesidade de extremar as precaucións na comarca lucense avanzouna xa o pasado luns o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES), Fernando Simón, que mencionou o brote da Mariña, xunto a outro en Murcia. Dixo de ambos: “Temos que manexalos con moito coidado” debido ao “volume de casos”, aínda que aclarou que “non son de especial preocupación” en relación con outros detectados en España.

Cinco novos diagnósticos en Galicia

En canto aos datos diarios que achega o Goberno español, o brote da Mariña (xunto ao detectado e controlado no Barbanza, con 9 positivos) fixo repuntar a incidencia acumulada, con 61 casos detectados nas dúas últimas semanas, e 46 deles nestes sete días. O Ministerio de Sanidad confirmou cinco novos casos diagnosticados o martes en Galicia.

No respecto aos casos activos, dos que informa a Consellería de Sanidade, este mércores había 313 en Galicia. Deles, 70 son da área da Coruña, 52 da de Lugo, 20 da de Ourense, 10 da de Pontevedra, 128 da área de Vigo, 23 da de Santiago, e 10 da de Ferrol. Así foi a evolución nas últimas semanas:

Despois da curación das últimas persoas usuarias de residencias de maiores, non queda ningún usuario destes centros como caso activo, e só hai un traballador aínda infectado. Un día máis (e xa son 20, desde o 11 de xuño), o número de mortos pola Covid-19 non ascende, e mantense en 619. 10.633 persoas xa superaron a infección.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un bólido cruza a costa de Lugo ata caer no Cantábrico

A segunda bóla de lume visible dende Galicia en apenas dúas semanas procedía da chuvia de estrelas das delta-leónidas

Sanidade ordena a retirada dun coñecido fármaco para a diabetes

A AEMPS comunicou que os motivos se relacionan por un defecto de calidade que “non supón un risco vital para o paciente"

Galicia rexistra 16.000 novos casos de cancro e 8.000 mortes cada ano

A Fundación CRIS reúnese con Sanidade para solicitar unha maior cobertura aos pacientes oncolóxicos que requiren de medicamentos CAR-T

Novos achados revelan o carácter funerario da ‘roda’ de Adai, un xacemento único en Galicia

A descuberta dunha ola que se conserva completa e de pé sobre unha lousa suxiren que servía para actos rituais fundacional