Venres 29 Marzo 2024

As camas ‘máxicas’ (e caras) dos famosos: unha nova aduanada en nome da ciencia

Os creadores do produto sosteñen que descansar nelas "reduce a túa idade biolóxica" e "elimina a contaminación electromagnética"

Marcos Llorente é un dos xogadores de moda no fútbol español e nas últimas semanas estivo tamén nos focos pola que parece, segundo algúns medios, unha das claves do seu bo rendemento. “O segredo do éxito de Marcos Llorente”, “A cama de 35.000 euros na que dorme Marcos Llorente” ou “O segredo de Marcos Llorente está na súa cama“, son algúns dos exemplos das informacións que poñen o foco nunha marca de luxo que, segundo os seus creadores, crea unha “burbulla” que “protexe o noso organismo das emisións” e “axuda a eliminar a contaminación electromagnética que acumulamos durante o día”.

A empresa que promociona as camas, e que xa leva polo menos dous anos anunciando o produto, expón que unha traxectoria de innovación “durante máis de 30 anos” desembocou nun sistema que “colabora cos procesos naturais do propio descanso, como a mellora do sistema inmunolóxico, a redución de cortisol basal e a produción de melatonina”. Uns beneficios que, baixo o lema en inglés Rest Better, Live more (descansa mellor, vive máis), parecen ser moitos e moi variados: mellora da “osixenación corporal” e “redución da oxidación celular”, “retrasando o proceso de envellecemento natural”, recuperación do “campo xeoeléctrico natural, reducindo así nos niveis de ansiedade” e “mellora da circulación sanguínea e a resposta inmunolóxica”. As camas están á venda en establecementos de luxo de Madrid, Barcelona ou Marbella, así como nalgúns hoteles.

Publicidade

O propio xogador, nunha entrevista concedida a Televisión Española, argumentou por que usaba o mencionado colchón, que consideraba moi importante no descanso, un dos catro piares da súa preparación física. “Eu vou invertir todo o que teña para ter ese descanso que me vai facer recuperar mellor e estar preparado para adestrar máis forte”. Segundo informacións previas de xornais deportivos, o propio Llorente ten negocios de restauración cunha das persoas que é a cara visible da marca.

 Aval de investigadores

Para reforzar os supostos beneficios destas camas (aínda que un dos impulsores prefire chamalas “sistema de descanso perfecto e natural”), a empresa recorre a dous catedráticos de Fisioloxía das universidades de Granada e Complutense de Madrid: o galego Darío Acuña Castroviejo e a Mónica de la Fuente, respectivamente. Ambos achegan dous escritos, que se poden consultar na propia web onde se vende o mobiliario de luxo, cos que se pretenden reforzar as propiedades beneficiosas das camas.

Nas últimas semanas sucedéronse as aparicións dun dos impulsores do “sistema” en programas de televisión e radio. Nun programa da cadea GOL, sostiña que a cama non tiña “ningún tipo de tratamiento químico, ningún derivado do petróleo nin plástico” ao tempo que crea “unha especie de burbulla, que o que fai é illarte dos campos electromagnéticos, e coa toma de terra que temos, imos eliminando o electromagnetismo que fomos acumulando durante o día“.

Porén, hai bastantes voces que dubidan do revestimento supostamente científico arredor do sistema. “Todas as afirmacións que se fan sobre as camas son falsas e están baseadas en pseudociencia de caixón”, sentencia Manuel Collado, científico do IDIS de Santiago e experto no estudo do envellecemento e células nai. Engade Collado que “o sistema inmunitario é moi importante para todo, pero nada ten que ver con esta cama e a súa relación co envellecemento está moi pouco establecida; nin esta cama nin ningunha outra lle pode facer nada ao sistema inmunolóxico”.

Outra das mensaxes sobre os beneficios xira arredor da suposta depuración electromagnética que ofrece o sistema de descanso a través dunha especie de burbulla xerada pola conexión a unha toma de terra. “A suposta contaminación electromagnética non ten ningún efecto na saúde humana e ningunha cama ten ningún sistema que se contrapoña a ela”, expón Collado, que tamén se pregunta como evita este sistema o campo electromagnético do Sol.

Sobre os estudos que sustentan o produto, o científico do IDIS destaca que “calquera intervención que conseguise rexuvenecer en dous meses sería para darlles o premio Nobel”, en referencia ás análises realizadas pola catedrática da Universidade Complutense sobre os efectos de durmir nas devanditas camas. O texto asinado pola catedrática Mónica de la Fuente chega a afirmar nas súas conclusións que “todas as persoas que utilizaron o sistema de descanso durante dous meses disminuíron a súa idade biolóxica, sendo a media de rexuvenecemento de 15 anos”. Comenta Collado, en ton irónico, que “as camas deberían vir cunha advertencia de seguridade para evitar que os menores que durman nelas, por risco a converterse en fetos, e advertindo do uso excesivo da mesma”. En referencia aos textos asinados polos dous investigadores, o científico compostelán critica que “intenta amosar unha aparencia de científica cando carece de rigor e seriedade”.

O papel das universidades

Ata o momento, e a pesar da polémica xerada por estas afirmacións, coas reaccións críticas dalgunhas entidades como o Círculo Escéptico, nin a Universidade Complutense nin a de Granada reaccionaron ante a promoción destas camas mediante o seu nome. “A universidade xamais vai atacar os negocios dos seus membros, seguro que ata leva unha parte do negocio en concepto de overheads“, critica Manuel Collado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O coronavirus non nos deixa ver o cancro

A crise causada polo SARS-CoV-2 implicou a desatención de moitas outras necesidades sanitarias e, entre elas, as de pacientes con cancro

Galicia acelera o descubrimento de fármacos contra o cancro

O proxecto CancerInnova, cun orzamento de case 5 millóns de euros, nace da man da Xunta, a Fundación Kaertor, a AECC e dúas multinacionais farmacéuticas

Os científicos que dan a batalla contra o avellentamento reúnense en Santiago

O encontro da Rede Nacional de Excelencia de Senescencia Celular contará con expertos como Manuel Serrano, ‘fichado’ pola empresa Altos Labs

Non te fíes do que din do teu cerebro: Nin usamos o 10% nin os hemisferios nos definen

O funcionamento do órgano non é tan descoñecido como se cre, e ao tempo resulta máis complexo do que algunhas crenzas expoñen