O coronavirus non nos deixa ver o cancro

    A crise causada polo SARS-CoV-2 implicou a desatención de moitas outras necesidades sanitarias e, entre elas, as de pacientes con cancro

    O equipo está liderado pola investigadora Rebeca García Fandiño, do CiQUS.
    O equipo está liderado pola investigadora Rebeca García Fandiño, do CiQUS.

    *Un artigo de

    Cando o 11 de marzo do 2020 a OMS declarou a pandemia mundial de covid-19, o noso mundo deu unha volta. A partir dese momento, o coronavirus SARS-CoV-2 ditou case todas as nosas actividades, marcándonos a axenda e a nosa rutina. A posterior escalada no número de contaxios, unida á rapidez e velocidade da expansión da infección, desbordou o noso precario sistema sanitario. A situación volveuse especialmente crítica nos hospitais, incapaces de atender semellante avalancha de persoas necesitadas de atención sanitaria urxente. Lamentablemente, esta situación continuou, con altos e baixos, ata hoxe.

    Publicidade

    As cifras de contaxios e mortes pola pandemia de covid-19 das que se fan eco a diario os informativos son arrepiantes, sen dúbida. Pero esas vítimas directas do coronavirus constitúen só unha parte dos danos á saúde. Fundamentalmente porque a atención inmediata que demandan miles de pacientes con sospeitas de padecer covid-19, unido ás medidas especiais impostas en centros de atención primaria e hospitais, implican desatender moitas outras necesidades sanitarias. Entre elas, as de pacientes con cancro.

    A detección temperá do cancro reduciuse na primeira onda

    Así o puxeron de manifesto e o cuantificaron recentemente científicos do Dana-Farber/ Brigham and Women’s Cancer Center de Boston (EE UU). Os investigadores analizaron o número de probas diagnósticas de cancro realizadas durante a primeira onda pandémica entre marzo e xuño do 2020. É dicir, de mamografías, colonoscopias, probas de Papanicolau para cancro cervical, de PSA para cancro de próstata e tomografías computerizadas.

    As cifras non deixaban lugar a dúbidas: o número de probas de diagnóstico temperán de cancro diminuíu pronunciadamente nos tres meses da primeira onda pandémica comparado cos tres meses anteriores e posteriores, ou co mesmo período de tempo do ano anterior.

    Concretamente, as 60.000 probas diagnósticas temperás de cancro que realizaban en 2019 os hospitais e centros de saúde de Massachusetts descenderon a apenas 15.500 nos tres primeiros meses de pandemia. Esa diminución provocou unha redución drástica no número de diagnósticos de lesións precancerosas e de tumores detectados.

    A boa noticia é que, no trimestre inmediatamente posterior, o número de ensaios diagnósticos recuperouse sensiblemente, aínda que non do todo. Outra observación positiva é que a redución no número de pacientes diagnosticados positivamente foi inferior ao que cabía esperar pola redución de ensaios diagnósticos. Por que? Probablemente porque os médicos foron moito máis selectivos á hora de enviar aos seus pacientes para realizarse probas diagnósticas.

    Peor prognóstico para os enfermos de cancro

    As conclusións do estudo son bastante preocupantes. Aínda que se obtiveron a partir de datos locais, é fácil facelas extensibles ao resto de sociedades. Pensemos que, ante unha emerxencia das proporcións que estamos a experimentar, todos os médicos tenden a solicitar moitas menos probas diagnósticas por consideralas menos urxentes. Ademais, os recursos hospitalarios víronse reducidos enormemente ao destinarse fundamentalmente a atender a emerxencia pandémica. Ao que se suma que moitas persoas evitan acudir a centros médicos para non saturar aínda máis o sistema ou por medo a poñer a súa saúde en risco.

    O prezo para pagar por todo iso é alto no ámbito da oncoloxía. Non hai que esquecer que, aplicadas correctamente, e a pesar das súas limitacións, as probas diagnósticas axudan na identificación temperá de lesións precancerosas ou tumores localizados que, ao atoparse nas súas primeiras fases de desenvolvemento, poden ser tratados con maiores taxas de éxito.

    Non cabe dúbida tampouco de que outras áreas diagnósticas e de seguimento de pacientes crónicos tamén se resentirán como consecuencia da pandemia. E se ao impacto sobre probas diagnósticas sumamos procedementos terapéuticos e intervencións cirúrxicas atrasadas, o número de pacientes cuxa saúde se está vendo comprometida indirectamente pola covid-19 alcanza unhas cifras considerables.

    Liberdade individual vs responsabilidade social

    Aqueles que, insensata e irresponsablemente, aducen unha cuestión de “liberdade individual” para opoñerse ás medidas de contención do virus deberían ser conscientes de que, vivindo en grupo, a enfermidade individual pode causar un problema social. Saltarse as medidas de prevención do contaxio non só pode promover a expansión do virus converténdonos nun elo máis na cadea de infección. Tamén pode contribuír ao colapso sanitario con todas as consecuencias negativas que iso supón para a saúde de todos.


    *Manuel Collado Rodríguez é investigador e director do laboratorio de investigación en Células Nai en Cancro e Avellentamento do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

    Cláusula de divulgación: Manuel Collado Rodríguez recibe fondos do Ministerio de Ciencia e Innovación (RTI2018-095818-B-100) (MCIU/AEI/ FEDER, UE).

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Please enter your comment!
    Please enter your name here

    Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.