Martes 16 Abril 2024

Galicia acelera o descubrimento de fármacos contra o cancro

O proxecto CancerInnova, cun orzamento de case 5 millóns de euros, nace da man da Xunta, a Fundación Kaertor, a AECC e dúas multinacionais farmacéuticas

“Queremos que os medicamentos cheguen máis rápido aos doentes. O noso obxectivo é que xente se poida curar do cancro”. En tan só dúas frases, a directora científica da Fundación Kaertor e catedrática de Farmacoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Mabel Loza, resume a esencia de CancerInnova, unha aceleradora de fármacos que conta cun financiamento público-privado de case 5 millóns de euros. Detrás do seu nome escóndese unha estreita vinculación entre a Fundación Kaertor —tamén encabezada polo xenetista Ángel Carracedo—, a Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia, a Asociación Española Contra o Cancro (AECC) e dúas multinacionais farmacéuticas: Janssen, do grupo Johnson & Johnson, e Lilly.

CancerInnova defende un só precepto: a unión fai a forza. Unha iniciativa que xa está dando os seus primeiros pasos, despois da selección de cinco proxectos prometedores. Todos eles foron presentados esta mañá no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) nunha rolda de prensa que reuniu aos presidentes das cinco institucións implicadas. Ademais, este proxecto é a primeira iniciativa especializada da incubadora Business Factory Medicines, que nace da vinculación entre científicos, industria e pacientes.

Publicidade

A iniciativa une a científicos, industria e pacientes baixo o mesmo paraugas

“Os procesos de deseño e produción de novos medicamentos son demasiado lentos e caros”, di Loza, tratando de explicar a necesidade de acelerar o seu desenvolvemento. Para iso, é imprescindible un espazo onde se concentren as institucións públicas e privadas que o poidan facer posible, así como aquelas que están máis preto dos doentes, como é o caso da AECC. “O punto de vista do paciente non é o mesmo que o do investigador. Eles saben identificar as necesidades máis perentorias. Hai que apuntar cara a aquilo que é máis urxente e que, a día de hoxe, non ten unha solución”, engade a directoria científica da Fundación Kaertor. Polo tanto, CancerInnova non só aposta por acurtar prazos, senón tamén por achegarse o máximo posible aos doentes.

Un proxecto pioneiro en España

Amais das súas liñas xerais, trátase dun proxecto pioneiro en España e “a primeira gran iniciativa de innovación aberta“. E no que respecta ao proceso de selección de proxectos, foi levado a cabo por un comité de expertos. Priorizaron aqueles que tiñan unha orientación máis directa co paciente. É dicir, que teñen a posibilidade de chegar o antes posible ao mercado. “A ciencia que hai detrás do non elixido pode ser tan boa como a do elixido, pero temos que priorizar aqueles que presenten garantías de chegar canto antes. O tempo é limitado”, puntualiza Loza. Por outro lado, a catedrática da USC matiza a orixe dos proxectos e recoñece que a mellor ciencia non ten fronteiras. “Colaboramos entre territorios. Dános igual de onde veña, só queremos acelerar o proceso”, insiste Loza.

Escolléronse aqueles proxectos con máis posibilidades de chegar o antes posible ao mercado

Con todo, tres dos cinco proxectos seleccionados son españois, algo que dá conta “da boa ciencia que hai neste país malia a falta de financiamento”. Agora, aínda que CancerInnova estea nas súas fases iniciais, xa arrancaron os equipos de traballo e a definición dos obxectivos. A metodoloxía que se vai seguir é a mesma deseñada pola Fundación Kaertor, baseada en paquetes de traballo que se executan mi rápido e a través de fitos. “Faremos experimentos que determinarán se o proxecto responde á necesidade urxente do paciente. Se non é así, paramos. E aí decidimos se collemos outro proxecto máis”, subliña Loza.

Investigación con selo galego

Dos cinco proxectos que están a participar na aceleradora de fármacos, un deles ten selo galego. Está encabezado polo científico líder do grupo de Células Nai e Envellecemento do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), Manuel Collado. A súa iniciativa ten por obxectivo reducir os efectos secundarios derivados da quimioterapia, combinándoa con outros fármacos xa coñecidos: os glucósidos cardíacos. A idea é que, desta maneira, a terapia poida ser máis eficaz, máis robusta e, así, se poida evitar a recaída.

Manuel Collado.
Manuel Collado.

“É algo habitual que os tratamentos contra o cancro poidan funcionar durante unha temporada e que, logo, os tumores poidan volver a medrar de maneira máis agresiva”, apunta Collado. O investigador continúa explicando que as terapias actuais pretenden matar a célula tumoral pero, ao facelo, algunhas desas células escapan e quedan danadas, pero non mortas. “Non proliferan, non son capaces de dividirse e iso está ben. Pero tampouco son boas. Son capaces de modificar o sitio no que está o tumor, favorecendo o seu crecemento e volvéndoo máis agresivo”, puntualiza Collado sobre o comportamento destas células, chamadas senescentes.

A partir dese achado, o grupo de Collado preguntouse se habería algún tipo de terapia que puidese acabar con esas células, facendo que a quimioterapia fose máis efectiva e reducindo as posibilidades de recaída. “Coa Fundación Kaetor hai tempo que pensamos nun cribado masivo de compostos ou fármacos que puideran matar este tipo de células. Demos cunha familia de glucósicos cardíacos, que coñecemos dende hai moito tempo, que se empregan para enfermidades cardíacas. Iso xa o publicamos hai uns anos e demostrámolo en modelos animais”, engade o investigador. É dicir, que o uso combinado entre quimioterapia e compostos senolíticos (capaces de matar células senescentes e dentro do que están os glucósicos cardíacos) pode controlar de maneira máis eficaz o crecemento tumoral.

O uso combinado de quimioterapia e compostos senolíticos podería controlar de maneira máis eficaz o crecemento tumoral

“Cando apareceu CancerInnova pensamos que podiamos ir un paso máis alá e explorar se este descubrimento pode ter un desenvolvemento clínico e aplicado”, asevera Collado. Ao tempo, o investigador pon en valor a posibilidade que ofrece CancerInnova de combinar a ciencia máis básica co desenvolvemento farmacolóxico. Agora mesmo, tal e como indicaba Mabel Loza, están deseñando o proceso, marcando obxectivos e prazos determinados de tempo. “É unha forma de traballar que nos achega máis ao desenvolvemento de medicamentos nunha etapa que normalmente non se cobre”, apunta o investigador.

Aínda queda moito traballo por diante, pero Collado avanza os que poderían ser os principais obstáculos da súa investigación. Os glucósidos cardíacos empréganse dende hai moito tempo, pero sempre en doses moi precisas. “Non sabemos se en humanos esas doses tan determinadas van ser efectivas como serolíticos”, explica. Barállase a posibilidade de que sexa preciso modificar quimicamente a molécula, aínda que avanza que se trata dun proceso “moi complicado”. De todas formas, as esperanzas están postas. E a posibilidade de traballar con mostras de pacientes, non só con cultivos celulares e modelos animais, é o motor que os empuxará un pouco máis á realidade clínica.

Ciencia española e internacional

Os outros catro proxectos seleccionados tamén ofrecen investigacións prometedoras. Dous deles veñen da ciencia española. Un procede de Barcelona, dende o Hospital del Mar, e propón o estudo dunha proteína que está presente en distintos tumores. A outra opción dun centro nacional chega dende o País Vasco e céntrase na busca dun tratamento para o glioblastoma; un tumor cerebral para o que agora mesmo non existen terapias que funcionen ede maneira eficaz. “É unha necesidade que agora mesmo non está cuberta”, sinala Mabel Loza. Os dous proxectos restantes son europeos. Un deles provén de Bélxica e busca un medicamento que poida tratar un tipo de leucemia con moi mal prognóstico e que afecta á poboación infantil. Finalmente, dende Italia proponse o estudo doutra vía de gran interese para a industria e que tamén está presente en diferentes tipos de cancros.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Investigadoras galegas constatan que as mulleres autistas camuflan máis os seus síntomas

O enmascaramento provoca retrasos no diagnóstico e problemas de saúde mental derivados da presión social

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

Ángel Carracedo: “O Proxecto Xenoma Galicia é o máis ambicioso do mundo”

A iniciativa recompilará o ADN de 400.000 galegos para identificar variantes xenéticas de alto risco e para anticiparse ás enfermidades

Ángel Carracedo: “Divulgar na miña terra? Teño claro que en galego”

O xenetista fai un repaso da súa traxectoria como líder dun laboratorio que é referencia internacional en Ciencias Legais en Forenses